Departamento
No ano 1989 comezaron os estudos de Filoloxía Alemá na USC, saíndo a primeira promoción no ano 1994. Dende entón impulsouse, mediante o programa de doutoramento de Filoloxía Alemá, a formación de persoal docente e investigador.
Como Departamento autónomo, existe dende xaneiro de 1999 e conta na actualidade cun cadro de persoal de 14 profesores e profesoras a tempo completo, no que se inclúen dous lectores/lectoras oficiais de Austria e Alemaña.
Actualmente o Departamento imparte docencia, ademais de na titulación de Filoloxía Alemá, noutras titulacións de Filoloxía e nas Facultades de Económicas e Empresarias e de Dereito.
Dentro do Departamento estanse a levar a cabo proxectos de investigación que abranguen un amplo espectro dentro da Filoloxía Xermánica: Literatura, Lingüística, DaF e mais tradución. Prioridade do Departamento é o fomento das relacións internacionais, realizando numerosas estadías de investigación no estranxeiro, organizando cursos, conferencias, seminarios e congresos con profesores invitados e enviando e recibindo un grande número de alumnos Erasmus.
Ademais o Departamento leva a cabo accións destinadas á promoción da lingua alemá en Galicia, tanto nos distintos niveis de ensino como na sociedade galega en xeral. |