Arquivo Histórico Universitario

english version
 
O Arquivo Servizos Fondos
 
Inicio » Servizos » Arquivo Histórico Universitario » Fondos » Fondos documentais » Hospital Real
Fondos
Consulta de documentos
Fondos documentais
Acceso web acceso web

logo UNESCO

logo ICA

III. Hospital Real

Fondos: Legaxos: 991
Libros: 1.105
Pergameos: 76
Datas: Séculos XVI-XX

Fundado polos Reis Católicos para a atención dos enfermos e peregrinos que chegaban a Santiago de Compostela a orar ante o corpo do Apóstolo. Na súa historia hai dúas etapas ben diferenciadas: dende a súa fundación ata o ano 1846 no que o Estado deixa de ocuparse do seu funcionamento. Neste ano pasa a depender das catro Deputacións galegas baixo a denominación de Hospital General de Galicia. No ano 1879 o hospital é declarado provincial e pasa a depender da Deputación de A Coruña quen cede á Universidade os fondos documentais do hospital real para incorporalos ó Arquivo Histórico.

ampliarampliar(57 Kb)

A descripción que se fai a continuación das Series que forman este fondo documental mostranos a vida diaria do hospital, dende a administración cotiá ata a chegada e atención ós peregrinos, enfermos e a vida dos nenos expósitos, dando unha visión global da vida socio económica e espiritual de Galicia.

INDICES
Fondos: Libros: 18

Son manuscritos que conteñen inventarios e índices do Hospital formados ó longo da súa historia.


CEDULAS, PROVISIONS E ORDES REAIS
Fondos: Pezas:837

Como o seu nome indica, son tódalas disposicións legáis emitidas dende a fundación do Hospital ata o Século XIX.


CONFRARÍA DO APÓSTOLO SANTIAGO
Fondos: Legaxos:3
Libros:62

Parte da súa documentación consérvase nas Series de Cédulas Reais, Testamentos, Pedimentos e na Serie Xeral.


ESCRITURAS
Fondos: Protocolos:68

Comprende os protocolos dos notarios do, Hospital, incluíndo os documentos outorgados pola Institución, enfermos e empregados.


TESTAMENTOS
Fondos: Protocolos:43

Son protocolos notariais que abranguen únicamente os testamentos outorgados polos enfermos e persoal do dito Hospital. As escrituras van dende o ano 1526 ata o de 1868.


CABIDOS, XUNTAS, VISITAS E MINISTROS
Fondos: Libros:63

Documentación de réxime interno do Hospital: libros de Cabido, Visitas, libros de Actas e os libros de recepción do persoal do Goberno e Servicio do Hospital.


CONTAS
Fondos: Legaxos:303
Libros:447

E a serie máis voluminosa deste fondo. Acolle, non só a documentación tocante ás contas do propio Hospital, senon tamén ás de diversas institucións benéficas a el incorporadas: Enfermos, Casa de Expósitos, Santuario de Nosa Señora da Angustia, Hospital de San Lázaro, Administración dc Rendas de varias sinecuras: Sta. María de Marrozos e Sta. María dc Budiño, entre outras.

O xa citado cambio de Administracións influíu na documentación desta Serie. Hai cambio de nomenclatura nos libros de Contas. Segundo Fernández Catón, desde1863-1864 as contas non aparecen agrupadas por anos naturais senon por exercicios económicos. A partires de 1960 vólvese ó sistema anterior.

A documentación é de réxime interno e moi importante para o estudio da evolución administrativa, económica e social do Hospital, e doutras institucións benéficas a el incorporadas.


ENFERMOS
Fondos: Legaxos:193
Libros:318

Recolle esta documentación a entrada do enfermo no Hospital, a súa estadía e saída, así como os tratamentos aplicados. É importante para o estudio da Medicina, Cirurxía e para o funcionamento das boticas.

Comeza esta Serie en 1630, pois anteriormente descoñecemos como se levaba o Rexistro de ingreso de enfermos.

Hai que salientar, entre estas libros, os de peregrinos enfermos que de España e do extranxeiro acudían a Santiago ó sartego do Apostolo.


EXPÓSITOS
Fondos: Legaxos:111
Libros:178

Unha das razóns fundamentais deste Hospital é a crianza e o coidado dos nenos expósitos, a máis da asistencia a peregrinos e enfermos.

A documentación é moi abundante, e relativa á entrega dos nenos, a súa crianza e distribución polos lugares próximos a Santiago, e ós salarios das amas de cría. Todo elo, reflexase con fidelidade nesta Serie.


PLEITOS
Fondos: Legaxos:73

Reúne esta serie pleitos civís e crimináis en número de 1083, sobre asuntos varios.


APEOS E HERDADES
Fondos: Legaxos:18
Libros:42
Pergameos:74

Abrangue esta serie a documentación relacionada coas propiedades do Hospital.

Figura nesta Serie documentación anterior á fundación do Hospital, e élo débese ó feito de que o pasaren propiedades de certos cautos e fregresías ó Hospital, pasou tamén a documentación que legalizaba a propiedade. Así hai nesta Serie pergameos dos séculos XIII ó XV.

A documentación retírese ás propiedades do Hospital en diversos lugares da rexión galega. Salientaremos, entre outros, Arcedianato de Nendos, Piñor, Rianxo, Eiré e Cecebre.


XERAL
Fondos: Pezas:2.017
Legaxos:65

Serie facticia na que se agruparon tódolos documentos ou expedientes que foran desglosados das súas propias series ou non entraban noutras deste fondo. É de gran riqueza e completa ás outras series pola súa grande variedade temática.


PEDIMENTOS
Fondos: Legaxos:59

Abrangue dende 1500 ata 1836. Inclúe peticións, memoriais e instancias sobre expósitos, enfermos, ministros e asuntos vistos en Xunta.


CORRESPONDENCIA
Fondos: Libros:54
Legaxos:153

É unha serie na que se reunía documentación de carácter administrativo. A correspondencia recollida nos legaxos vai desde o século XVI ata 1960, namentras que os Libros Rexistro soamente reflexan documentación dos sécalos XIX e XX.

É interesante para o estudio da Institución dende os seus primeiros momentos.


DIVERSOS
Fondos: Legaxos:143

Esta Serie abrangue documentación dende 1660 ata 1965. Segundo Fdez. Catón, recóllese nela toda a documentación que non encaixaba dentro doutras series, ou, ainda pertencendo a elas, aparecía solta, resultando difícil encadrala no marco da súa propia serie.


Arquivo Histórico Universitario
Rúa Casas Reais nº5
15782 Santiago de Compostela
  Teléfono: 881812880
Fax: 881812885
arqivoh@usc.es