![]()
D.
Ramón dispoñía xa dende a súa época
de seminarista dun anteollo de 67mm. de abertura que lle regalara a súa
avoa materna Dna. Camila Ulloa, instrumento co que empezou a practicar
a súa afición astronómica. Anos máis tarde,
a Srña. María Lajosa Sánchez, tamén de Lalín,
obsequiou a D. Ramón cun magnífico teodolito construido en
Londres.
Con
estes aparatos colocados na galería da súa casa comenza a
realizar de xeito sistemático observacións astronómicas
de calidade a pesar dos escasos medios dos que dispoñía,
de sorte que no Anuario do Observatorio de Madrid correspondente a 1912
aparece recollido un traballo seu: "Observaciones del cometa de Joannesburgo
1910a".
A
partir de tal publicación pode dicirse que empeza a ser coñecido
nos medios astronómicos españois.
Entre
os anos 1911 e 1920 pasa longas temporadas estivais no Observatorio que
D. Luis Ocharán construira en Castro Urdiales e foi gracias a esta
experiencia cando concibe a idea de construir en Lalín un Observatorio
Astronómico estable. E así foi. En 1917 no xardín
da súa casa levantara o que soe denominarse o segundo Observatorio.
Éste estaba formado por dúas casetas de madeira que resgardaban
o teodolito unha delas e un anteollo a outra, ademáis de algúns
instrumentos auxiliares e un cronómetro de marina.
Con
esta nova instalación as súas observacións alcanzan
unha admirable precisión, ó tempo que efectúa minuciosos
estudios teóricos de instrumentos, aparecendo varias publicacións
súas na "Revista de la Sociedad Astronómica de España
y América".
Resulta
nembargantes curioso que o primeiro libro escrito por el non foi de Astronomía
senón de Matemáticas. "ALGORITMIA" viu a luz en 1918 e foi
patrocinado polo seu tío D. Saturnino Aller a quen dedica a obra.
Precisamente ó falecer D. Saturnino queda D. Ramón cos seus
bens en usufructo durante varios anos e co diñeiro que iso lle reportou
decide potenciar os seus medios de observación facéndose
cun refractor de 120 mm. de abertura e 1800 mm. de distancia focal.
Para
albergar semellante instrumento era preciso modificar a estructura do seu
Observatorio e construir unha cúpula. As obras dirixidas por el
mesmo concluíron en 1924, recibindo o novo aparato ó ano
seguinte.
Nada
máis ser instalado o refractor, selecciona minuciosamente o programa
científico a seguir, a discusión do cal se pode ver no artígo
"Programa del Observatorio de Lalín" publicado en 1932 en "Arquivos
do Seminario de Estudos Galegos".
Fundamentalmente
o programa quedou establecido da seguinte maneira:1º Medidas de estrelas
dobres, 2º Exame de superficies planetarias e 3º Observacións
ocasionais, onde se poden incluir ocultacións, posicións
de cometas, estrelas fugaces, etc.
As
medidas micrométricas de estrelas dobres visuais comenzaas a publicar
en 1930 na revista xermana ASTRONOMISCHE NACHRICHTEN que daquela era a
principal revista astronómica europea. Anos máis tarde tamén
nesta mesma publicación da a coñecer a órbita da estrela
dobre 0S77 á que seguiron outras máis. Por todo isto pode
decirse que foi o introductor do estudio das estrelas dobres en España,
tema no que chegou a crear unha importante escola posteriormente en Santiago.
Ata
o ano 1939, D. Ramón deu a coñecer nada menos que 43 traballos
en revistas tanto españolas como extranxeiras ademáis do
libro ALGORITMIA, escribindo tamén un excepcional texto manuscrito
sobre Astronomía no que viña traballando dende a súa
xuventude. A isto hai que amecer o estudio e deseño de aparatos
científicos que chegaron a interesar a constructores alemáns.
Todo isto fixo que o Observatorio de Lalín tivese un recoñecemento
internacional a pesar da súa modestia e do seu plantel unipersoal.
Chamaba
particularmente a atención o gran partido que D. Ramón lle
sacaba ós seus instrumentos e a meticulosidade coa que facía
os seus cálculos e observacións.
Pero
ademáis de isto facía moitas outras cousas, proxectaba planos
de casas e igrexas e incluso daba clases ós xóves lalinenses,
tanto de Xeografía como de Matemáticas, Latín, etc.
e todo isto de forma gratuita.
Chegou
incluso a facer de biógrafo ó térselle encargado un
traballo sobre Rodríguez González "o matemático de
Bermés".
Unha
vez concluida a Guerra Civil española, a Universidade de Santiago
dispoñía dun reducido claustro e alguén suxeriu ó
entón rector D. Carlos Ruiz del Castillo que D. Ramón podería
prestar un importante sevicio, e, en efecto, convencerono para que transladara
a Compostela a impartir as materias de Análise Matemática
e Xeometría Analítica na Facultade de Ciencias.
Inda
que a idea de trasladar o Observatorio de Lalín a Santiago xa fora
concebida antes de 1936 polos profesores D. Luis Iglesias e D. Isidro Parga,
foi agora con D. Ramón en Santiago cando tomou máis corpo
a idea, e , a non dubidalo, as xestións que realizou perante o Consello
Superior de Investigacións Científicas (C.S.I.C.) o profesor
D. Enrique Vidal Abascal, foron o detonante para que o Rectorado da Universidade
dera o visto bo co patrocinio do propio C.S.I.C.
O
Observatorio Astronómico da Universidade construiuse ó longo
de 1943 e constaba de tan só un pequeno edificio coas cúpulas
nas que se instalaron os instrumentos que viñeron de Lalín,
se ben coa promesa de ir aumentando no futuro tanto al instalacións
como o material científico de observación.
Os
primeiros anos en Santiago foron de especial actividade. O día 30
de xuño de 1943 le D. Ramón a súa Tese de Doutoramentol
na Universidade de Madrid. O tema era outro dos seus preferidos: "Algunas
experiencias que conviene realizar en observaciones de pasos por verticales".
Ese mesmo ano é nomeado Director do Observatorio Astronómico
e tamén en 1943 aparece a primeira edición de INTRODUCCIÓN
A LA ASTRONOMÍA, magnífico libro que recollía integramente
en letra impresa o manuscrito antes mencionado
Por
outra banda, o instrumental do Observatorio viuse aumentado gracias á
doación por parte do C.S.I.C. dun anteollo de pasos que fora solicitado
por D. Ramón a fin de poder continuar as súas investigacións
en astronomía de posición.
En
anos sucesivos o Observatorio convertiuse nun centro de excelente ambiente
académico en torno ó cal se agruparon estudiosos tanto de
Astronomía como de Matemáticas. D. Ramón sentíase
ledo de verse rodeado por unha xuventude entusiasta sobre todo se temos
en conta os longos anos de soedade científica que pasou en Lalín.
Así, en 1945 creouse dentro do Observatorio a Sección de
Astronomía Teórica e Matemática "Durán Loriga",
con membros como os profesores D. Enrique Vidal Abascal (primeiro Director)
e D. Eduardo García-Rodeja Fernández. Esta sección
pode dicirse que foi o xermen a partir do cal xurdiría anos máis
tarde a Sección de Matemáticas da Facultade de Ciencias,
hoxe Facultade de Matemáticas.
A
pesar dos escasos medios de observación dispoñibles, case
os mesmos que en Lalín, o traballo desenrolado era intenso e o Observatorio
nos anos cuarenta e cincuenta encontrábase a pleno rendemento. Entre
os feitos máis destacados acaecidos neste periodo de tempo cabe
destacar os seguintes:
-
Lectura da Tese de Doutoramento de D. Enrique Vidal Abascal que co título
"El problema de la órbita aparente de las estrellas dobles visuales"
foi dirixida por D. Ramón e lida en Madrid en 1944.
-
Construcción mediante deseño de D. Ramón dunha base
especial para o anteollo de pasos a fin de poder realizar observacións
de pasos polos verticais de azimut +- 45º , así como o deseño
dun reloxio de tempo sidéreo.
-
Inauguración da Serie "Publicaciones del Observatorio de Santiago"
onde están recollidos moitos dos traballos realizados no Centro,
sobre todo de medidas micrométricas de estrelas dobres visuais,
ocultacións, observacións de pasos, así como outros
traballos relativos a investigacións teóricas.
-
Creación da Cátedra de Astronomía na Facultade de
Ciencias en 1944, encargándose de ela D. Ramón ata 1949 no
que foi nomeado Catedrático Extraordinario de Astronomía.
-
Nomeamento de D. Ramón como membro da Comisión 26 (estrelas
dobres) da Unión Astronómica Internacional (Zurich, 1948).
Ó ano seguinte foi nomeado vocal da Comisión Nacional de
Astronomía.
-
Publicación en 1948 do libro ASTRONOMÍA A SIMPLE VISTA.
-
Ampliación do Observatorio coa Sala Meridiana, edificio da biblioteca,
despachos e vivenda do Conserxe.
-
Incorporación de varios becarios e colaboradores entre os que se
encontraron: D. José Pensado Iglesias (que logo foi Director do
Observatorio de Madrid), D. Rafael Cid Palacios (Catedrático de
Astronomía da Universidade de Zaragoza), D. Ángel Docobo
Fernández (tío de D. José Angel Docobo Durántez,
actual Director do Observatorio), Dna. Antonia Ferrín Moreiras,
D. Jesús Manuel Costa Seoane, D. Juan Antonio Zaera de Toledo, e
un longo etcétera, sen esquecer ó seu fiel axudante e Conserxe
D. Venancio Froiz Gómez.
-
Tese de Doutoramento do profesor Cid Palacios co título: "Contribución
ó estudio de estrelas dobres visuais" tamén dirixida por
D. Ramón.
-
Publicación da 2ª Edición de INTRODUCCIÓN A LA
ASTRONOMÍA igualmente patrocinada polo C.S.I.C. (1957).
Entre
1960 e 1963, a pesar de contar con máis de oitenta anos, inda dirixe
tres Teses máis: a de Múgica Buhigas, "Über die Anwendung
des Theodolits in der Geodätischen Astronomia" (Munich, 1960), a de
Zaera de Toledo "Sobre la determinación de órbitas de estrellas
dobles visuales. Examen de varios métodos. Aplicaciones."(Zaragoza,
1962) e a de Ferrín Moreiras, "Observaciones de pasos por dos verticales"
(Santiago, 1963), ó tempo que escomenza a recibir os primeiros homenaxes,
os que, por certo, trataba sempre de evitar. O principal de eles foi sen
dúbida o que lle tributaron os seus veciños de Lalín
o 4 de setembro de 1960 co gallo de terlle sido concedida a Gran Cruz da
Orden Civil de Alfonso X o Sabio.
Posteriormente
rúas de Santiago, A Coruña, Vigo e Lalín levaron o
seu nome.
Dúas
foron as súas liñas de investigación preferidas: os
métodos de determinación de coordenadas basados en observacións
de pasos por dous verticais e as estrelas dobres visuais, pero nos 53 anos
que van dende a aparición do seu primeiro artigo ata o último,
D. Ramón escribiu tamén de forma maestra sobre outros moitos
temas tales como observacións de cometas, superficies planetarias,
instrumentación, reloxería, auroras boreais, estrelas fugaces,
eclipses, tránsitos, descripción dos seus observatorios,
etc. Asimesmo entre 1947 e 1949 realizou crítica bibliográfica
sobre tratados de Astronomía na "Revista de Geofísica" e,
como xa se comentou anteriormente, a petición do Seminario de Estudos
Galegos foi autor da primeira biografía do seu paisano Pedro Joseph
Rodríguez González, excelente xeodesta do século pasado
que chegou a ser Director do Observatorio de Madrid.
No
campo puramente matemático tivo tamén D. Ramón unha
destacable contribución en artigos sobre a teoría parabólica
dos erros, conxuntos e números finitos indefinidos e transfinitos,
principios da teoría de conxuntos, etc.
A
súa sensibilidade e finura didáctica quedaron inmortalizadas
nos libros que nos deixou. En "ALGORITMIA. Principios fundamentales de
la Ciencia de los números" recolle con nítida claridade os
principais temas da Análise Matemática, dende a noción
de número enteiro, ata as ecuacións diferenciais. "INTRODUCCIÓN
A LA ASTRONOMIA" foi unha aportación trascendental. Tanto na súa
primeira edición de 1943 como na segunda de 1957, fai unha detallada
exposición das distintas partes desta rama da Ciencia a fin de dar
de ela unha visión de conxunto. Ámbas edicións, que
inclúen numerosos conceptos teóricos, exemplos prácticos
e dibuxos orixinais, foron libros de texto e consulta nas Facultades de
Ciencias durante anos. "ASTRONOMÍA A SIMPLE VISTA" é un interesante
libro de divulgación dirixido fundamentalmente a aqueles que carecendo
de medios están igualmente interesados en coñecer a fermosa
ciencia dos astros. Trátase dunha obra moi documentada que cubríu
un valeiro na época na que foi escrita. Este libro foi reproducido,
agora no seu 50º aniversario, conxuntamente polo Concello de Lalín
e a Universidade de Santiago de Compostela.
Entre
1931 e 1934 apareceron tamén na revista LOGOS diversos ensaios seus
escritos en língua galega, os cales foron reeditados en 1989 pola
Diputación Provincial de Pontevedra con prólogo de D. Xosé
Filgueira Valverde.
Tendo
caído enfermo en 1964, decide regresar a Lalín onde falece
o 28 de marzo de 1966 ós 88 anos de idade.
Á
súa morte dona ó Observatorio Astronómico da Universidade
de Santiago os seus instrumentos así como a maioría dos seus
fondos bibliográficos.
Este
home que dedicou a súa longa vida á Ciencia e ó servicio
ó próximo, non puido dispor dos medios de observación
necesarios para ampliar as súas investigacións. En reiteradas
veces solicitou o que nun principio se lle prometera, ou sexa, poder contar
cun refractor de polo menos 30 cms. de abertura, instrumento que el considaraba
o mínimo imprescindible. Nembargantes as súas peticións
non chegaron a ser atendidas polos organismos oficiais.
A
súa producción científica, tendo en conta os medios,
a época e os lugares onde a desenrolou, foi excepcional: 78 publicacións
entre artigos, notas e comentarios bibliográficos, 4 libros, 5 Teses
de Doutoramento dirixidas, 4 estrelas dobres descubertas, autor de numerosos
deseños de aparatos científicos e un sen fin de observacións,
cálculos, notas e catálogos estelares que quedaron inéditos.
Por todo isto é considerado como unha das principais autoridades
astronómicas españolas.
Nembargantes,
o seu mellor legado foi, sen dúbida, o non cuantificado, é
dicir, a bondade, modestia, humildade, rigor científico e dedicación
ós demáis, do que sempre fixo gala. Como ben dicía
o profesor Vidal Abascal, a obra maestra de D. Ramón foi a súa
vida.
José
Ángel Docobo Durántez
Director do Observatorio Astronómico
|