ISOC-GAL: O Capítulo Galego da Internet Society

A Internet Society (ISOC) é a asociación relacionada con Internet con máis prestixio no mundo. Promovida polos fundadores desta rede, entre os seus membros están os creadores da tecnoloxía que sustenta o seu funcionamento e os actuais sabios e pensadores de Internet. Tamén comparten este clube miles de cidadáns que con actitude entusiasta perseguen o desenvolvimento en todo o planeta deste novo e apasionante fenómeno de comunicación global.
Cun espíritu aberto á innovación, ISOC ten como obxectivos tanto facilita-lo desenvolvimento de estándares, protocolos e infraestructuras para Internet, coma contribuir ó establecimento de mecanismos democráticos de administración da Rede á marxe dos gobernos e das grandes multinacionais. A fin última de ISOC é asegurar que Internet sexa de todos e para todos.
Na súa tarefa ISOC conta con oficiñas centrais en Reston, Virxinia (E.U.A.), a súa sé europea en Xenebra (Suiza), e está presente en todo o mundo a través dos seus capítulos.
Obxectivos de ISOC-GAL
Como reza na súa carta fundacional, ISOC-Galicia ten un doble escenario de actuacións. En primeiro lugar, o territorio galego e a comunidade galega espallada polo mundo. Neste ámbito, ISOC-Galicia traballará polo fortalecimento e a extensión da cultura Internet, creando vías para a articulación da comunidade galega e os seus intereses na Rede.
En segundo lugar, ISOC-Galicia constitue a representación oficial da Internet Society en Galicia e, neste sentido, sirve de canle para a distribución de información fiable sobre Internet e actúa como organización autorizada nos organismos internacionais que administran e planifican a operación da Internet globalmente. Nesta liña de actuacións, ISOC-Galicia estivo representada na reunión de coordinación de capítulos europeos, ISOC-ECC, celebrada recentemente en Berlín, e na reunión fundacional de ICANN tamén realizada nesa cidade. Do mesmo xeito, a principios estivo representada na reunión convocada pola Comisión del Mercado de las Telecomunicaciones.
A curto plazo, e para facer inda máis importante a presencia de Galicia en Internet, ISOC-Galicia quere consolida-la súa estructura. O obxectivo é constituir unha base sólida que faga efectiva-las súas políticas cara dentro, e fortalece-la súa representación nos organismos internacionais de planificación e goberno da Internet.
Publicado por Aula TIC PEMEs da USC - http://www.usc.es/atpemes
