Unha aplicación fai doado pedir cita no médico dende o móbil
Probablemente un dos servizos en liña máis populares na nosa comunidade autónoma é o de solicitude de citas de atención primaria do Servizo Galego de Saúde, e para facelo accesible en practicamente calquera momento e lugar Manuel Rego Casasnovas (traballador de Igalia) desenvolveu, a xeito de experimento, unha aplicación móbil chamada SergasApp, dispoñible polo momento para dispositivos cos sistemas operativos Android, BlackBerry, Symbian e WebOS grazas ao framework de desenvolvemento PhoneGap (o que fai doado que tamén poida chegar ao iPhone no futuro). A versión para Android pode descargarse de balde a través de Google Play.
Esta ferramenta que permite a solicitude, consulta e cancelación de citas de atención primaria do SERGAS dende o móbil destaca especialmente pola posibilidade de poder almacenar os datos de varias tarxetas sanitarias nun único terminal, facendo doada a solicitude de citas para todos os membros da familia.
A aplicación SergasApp publícase baixo licenza pública xeral de GNU versión 3, estando dispoñible o seu código fonte no seu repositorio Git.
Fonte: Código Cero, 9 de abril de 2012
Publicado por Aula TIC PEMEs da USC - http://www.usc.es/atpemes
Palabras chave (2)
