Cátedra de Cultura Cubana 'Alejo Carpentier'

Universidade de Santiago de Compostela (España)


Presentación
Actividades
Publicacións
Seminario Internacional "Alejo Carpentier e España"


Presentación

A Cátedra de Cultura Cubana ‘Alejo Carpentier’ da Universidade de Santiago de Compostela  (USC) fundouse no ano 1994 en virtude dun acordo bilateral da mesma coa Universidade da Habana (Cuba) e a súa Facultade de Artes e Letras. As súas actividades intégranse no Vicerrectorado de Extensión Cultural e Servicios á Comunidade Universitaria. O convenio renovouse e ampliouse no ano 2000, e dentro desta prioritaria bilateralidade estendeu a súa actuación a outras institucións culturais e académicas de Cuba coas que a Universidade da Habana mantén relación directa ou indirecta: o I.S.A. Universidade das Artes, a Fundación ‘Alejo Carpentier’, a Cátedra ‘Alejo Carpentier’, o Instituto de Literatura  e Lingüística José A. Portuondo, o I.C.A.I.C, a Biblioteca Nacional José Martí, entre outras.

A dirección da Cátedra osténtaa o Catedrático Emérito de Literatura Hispanoamericana desta Universidade, Dr. Varela Jácome, e a Subdirectora Executiva é a Profª Titular de Literatura Española da mesma, a Dra. Yolanda Novo Villaverde.

Actividades

Dende finais do ano 1999 a Cátedra vén desenvolvendo unha intensa actividade bilateral e tamén dentro da esfera da propia USC, co fin de difundi-la cultura cubana máis xenuína nos campos das Humanidades e as Ciencias Sociais. Así, en setembro de 2000 realizouse na Habana un Curso Internacional de Posgrao en colaboración coa Universidade da Habana e as outras dúas Cátedras universitarias de Cultura Cubana radicadas en España. En Compostela tivo lugar, no 2001, unha importante exposición de carteis de cine cubanos ilustrada por filmes representativos, que tivo unha acollida tan favorable que levou este paquete de exposición  e proxección de películas a varios lugares de España, entre eles Barcelona. O pasado ano 2002 celebrouse en Santiago un ciclo de audiovisual cubano (dos ‘Grupos Creativos’ da RTV cubana) dirixido por Natasha Vázquez e Rigoberto Senarega. E hai uns meses a Cátedra colaborou activamente co Consulado Xeral de Cuba en Galicia nos actos conmemorativos do CL aniversario de José Martí no 2003. Tamén o intercambio intelectual de Galicia e Cuba lévase a cabo a través de breves estancias de profesores de alá e aquí para reforza-las investigacións en curso ou abrir novos campos de estudio. Ademais, veñen sendo frecuentes as visitas curtas á nosa Universidade de profesionais de Cuba para impartir conferencias e seminarios no ámbito das nosas Facultades e Grupos de Investigación. Inversamente, varios profesores da USC dictan a miúdo conferencias e cursos de posgrao na Universidade habaneira.

Publicacións

Unha importante actividade da Cátedra é a súa liña de publicacións específica, integrada dentro do Servicio de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade compostelá (SPIC). A colección céntrase en textos relacionados coa cultura e a literatura de Cuba. Gracias ás boas relacións coa viúva de Alejo Carpentier e coa Fundación  que ela preside, o primeiro volume desta Biblioteca da Cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier (BCCCAC), dirixida pola Dra. Yolanda Novo, puido ser unha edición académica –con estudio preliminar, bibliografía actualizada e exhaustiva, e apéndices- de El recurso del método, de Alejo Carpentier, edición realizada e coidada polo carpenterista cubano José Antonio Baujín. Agora mesmo –setembro de 2003- vén de saír de imprenta o número 3, a monografía  José Martí y la novela de la cultura cubana, de Ana Cairo, coa que a nosa Universidade rende homenaxe ó legado intelectual e humano do cubano José Martí con ocasión do seu CL aniversario. O volume 2, pola súa banda, xuntou tódolos ensaios críticos sobre literatura cubana de Benito Varela Jácome. Na actualidade estase a imprimir a edición completa, con estudio e notas, de tódolos ensaios e críticas de Alejo Carpentier sobre a arte plástica española, edición preparada conxuntamente pola Dra. Luz Merino e o Dr. José Antonio Baujín. Con este cuarto volume en  edición coidada, que se vai presentar no curso do Seminario Internacional ‘Alejo Carpentier e España’ de marzo do 2004,  a nosa Universidade tributa homenaxe a esta faceta de Alejo e á imbricación e diálogo, a través del, da plástica española e cubana, ó fío de importantes primicias sobre as relación intensas de Alejo con Picasso e Miró, entre outros.

Seminario Internacional "Alejo Carpentier e España"

    O Seminario Internacional ‘Alejo Carpentier e España’  vai reunir na nosa Universidade compostelá a prestixiosos especialistas entre os días 2 e 5 de marzo de 2004,  co obxecto de conmemorar academicamente dende esta Universidade, a través da súa Cátedra cubana, o primeiro centenario do natalicio do escritor cubano, en feliz coincidencia cos dez anos da existencia da Cátedra e cun novo ano Xacobeo compostelán. As relacións intelectuais do autor e as da súa ampla obra coa cultura e o legado literario español de tódolos tempos iranse tratando monograficamente ó longo deses catro días, co obxecto de botar luz sobre un dos aspectos menos estudiados sistematicamente. O resultado deste encontro científico será editado en formato Actas. Prevense actividades paralelas de carácter musical, bibliográfico e cinematográfico.


Poden consultar a primeira circular do Seminario AQUÍ.

O programa xeral do Seminario poden consultalo AQUÍ

Poden consultar o organigrama do Seminario AQUÍ.

A información hoteleira de utilidade para quen desexe inscribirse no Seminario poden consultala AQUÍ.