..
.... |

Cátedra
José Ángel Valente
de Poesía e Estética
Presentación
A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética
creouse tras a doazón feita polo universal poeta galego á Universidade
de Santiago de Compostela do seu arquivo e biblioteca persoais.
En consecuencia, a primeira función da Cátedra é a custodia,
catalogación e estudo do importante material doado, así como
a organización de actos e a publicación de obras relacionadas
co legado recibido. Non obstante, a actuación da Cátedra, denominada
de Poesía e Estética por desexo do propio escritor, está aberta
ás múltiples conexións interdisciplinares e interartísticas
que a proteica obra de Valente establece coa poesía e coa estética
en xeral.
A creación da Cátedra, que sucedeu á investidura
de Valente como Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago
de Compostela en 1999, tivo lugar no ano 2000, en ambos casos
durante o Rectorado de Darío Villanueva. Para albergar todo
o material doado designouse un espazo específico no último andar
do recinto da Biblioteca da Facultade de Filoloxía, pechado
e amoblado con estanterías, mesas para investigadores e medios
electrónicos para o traballo.
O Rectorado nomeou como director inicial da
Cátedra ao daquela tamén director do Departamento de Literatura
Española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral, Luis Iglesias
Feijoo e, como secretario, a Claudio Rodríguez Fer, estudoso
e amigo de Valente, quen exerce como director da mesma dende
o ano 2005. Por benevolencia do artista Antoni Tàpies, moi vinculado
persoal e esteticamente a Valente, o deseño do logotipo da Cátedra,
usado en todas as súas actividades e publicacións como signo
identificador, está baseado nun motivo do pintor catalán presente
nun debuxo da colección persoal do poeta e publicado por primeira
vez no libro Material memoria en 1979.
|
Valente,
por Sara Lamas |
|