|
|
PRESENTACIÓN
A Cátedra de Extensión Cultural Valle-Inclán da Universidade de Santiago de Compostela creouse o 20 de marzo do 2002, en virtude dun Convenio de Cooperación entre a USC (Excmo. e Macgo. Sr. Reitor D. Darío Villanueva Prieto) e o Concello da cidade (Ilmo. Sr. Alcalde D. Xosé A. Sánchez Bugallo ), co obxecto de proporcionar un marco de integración e apoio á tarefa de investigación, actividades e proxectos que desde o 1988 vén desenvolvendo o Grupo de Investigación Valle-Inclán da USC (en adiante, GIVIUS).
Ademais dese primordial obxectivo, a Cátedra Valle-Inclán da USC desenvolve as súas propias iniciativas, (financiadas no marco do ‘Programa Universidades’ do Grupo Santander), que amplían e completan as propiciadas polo GIVIUS, se ben conflúen no común propósito de potenciar os estudos valleinclanianos e dálos a coñecer á comunidade científica.
A tal fin creouse, por unha parte, un Seminario
Permanente impartido por especialistas na obra do escritor galego,
que ao longo do ano académico proporciona aos seus participantes,
a oportunidade de debater e traballar con recoñecidos valleinclanistas
problemas e cuestións relativas á figura e obra de
Ramón del Valle-Inclán. Por outra, púxose en marcha a Biblioteca
da Cátedra Valle-Inclán no marco do Servizo de Publicacións
e Intercambio Científico da USC, cuxa directora é Margarita
Santos Zas. A finalidade desta Biblioteca é servir de canle
á divulgación universitaria da investigación en torno á
figura e obra do escritor, con dúas liñas básicas
editoriais: unha, edicións (facsimilares, críticas,
etc.) e cadernos de dirección de escena de calquera obra
dramática de Valle-Inclán, que teñan un valor
histórico e/ou artístico; a segunda, monografías
que, con diversas metodoloxías e enfoques críticos,
teñen como eixo a figura e obra do escritor, así como
o seu contexto histórico-cultural.
Desempeña a dirección da Cátedra Valle-Inclán desde a súa creación Margarita Santos Zas (24/04/2002), sendo a súa secretaria técnica Francisca Martínez Rodríguez, ao igual que o foron anteriormente Pilar Veiga, Rosario Mascato e Sandra Domínguez, todas integrantes do GIVIUS.
Contou así mesmo coa colaboración
de Estudio ZM e na actualidade con
Signum Deseño, artífice da imaxe gráfica
da colección da Cátedra e tamén do seu logotipo;
e asemade coa colaboración do Ldo. en Filoloxía e
Técnico Superior en Administración de Sistemas Informáticos,
Rafael López Mella, que desenvolve labores
de apoio informático e deseñador desta páxina
web segundo o modelo da USC.

Última actualización: maio de 2009
|