¿QUE
SOMOS?
A
Casa de Europa é unha residencia universitaria destinada ó aloxamento
de profesores convidados e visitantes procedentes doutras universidades do
mundo que, cada vez con maior frecuencia, acoden a Santiago de Compostela
para participaren nas nosas actividades docentes e investigadoras. Dispor
dunha residencia con historia para os participantes en actividades académicas
é un obxectivo deseñado pola Universidade
de Santiago de Compostela (USC) co fin de reforza-la proxección
internacional da nosa Universidade. A Finca Simeón ou máis coñecida
significativamente coma Finca Vista Alegre (tal é a magnífica
vista que se aprecia da cidade histórica e dos propios xardíns)
acolle polo de agora dous edificios da Universidade de Santiago de Compostela:
o Centro de Estudios
Avanzados e a Casa de Europa. Cedidos en uso á USC a través
do Consorcio da nosa cidade, con motivo da celebración do 500 aniversario
da universidade compostelá. A conversión de propiedade privada
en patrimonio público permítenos recuperar unha das parcelas
máis valiosas no corazón de Compostela.
A Casa de Europa conta con seis cuartos de uso dobre ou individual, e diversos
lugares de encontro que permiten dispoñer do mellor ambiente intelectual
tanto para a realización de xuntanzas e reunións, coma para
a estancia de participantes en congresos, conferencias, cursos ou foros organizados
pola Universidade de Santiago de Compostela. O persoal encargado da posta
en marcha do complexo Vista Alegre esfórzase día a día
en darlle un toque persoal a residencia, coidando ó máximo tódolos
detalles, co fin de facer á estancia dos hóspedes o máis
agradable posible. A Casa de Europa ten unha situación estratéxica,
é un lugar ideal para coñecer tódalas facetas de Compostela:
a súa cultura (museos, igrexas e monumentos), o comercio, a gastronomía
e a vida nocturna. E todo, ó seu alcance.