

Démoslle a cada cuarto o nome dos pensadores e autores principais da creación da Unión Europea:
JEAN
MONNET
1888-1979
A historia sitúa a este francés, nado en 1888 en Cognac, entre
os homes do século XX que marcaron o destino do mundo coa súa
acción. Durante a Primeira Guerra Mundial, creou en Londres a Oficina
Común de Fornecemento Aliada; en 1919 participa na creación
da Sociedade das Nacións, da cal será o Secretario Xeral Adxunto.
Durante a Segunda Guerra Mundial, preside o Comité de Coordinación
Franco-Británico para a posta en común dos recursos aliados
e xoga un papel predominante na concepción e posta en marcha do "Victory
Program", que levará á intervención dos E.E.U.U.
no conflicto. Membro en Arxel do primeiro goberno libre de Francia, organiza
a armada francesa que había de libera-lo territorio nacional. En
1945, propón, a petición do Xeneral de Gaulle, un plan de
reconstrucción e de modernización do país, asociando
tódalas forzas vivas de Francia: é o Plan Monnet. Despois
da guerra, Jean Monnet concibe a primeira Comunidade Europea, a C.E.C.A.,
Comunidade Europea do Carbón e o Aceiro, da cal será Presidente
da Alta Autoridade de 1952 a 1955. O seu desexo constante de unir ós
homes adquire aí unha dimensión superior na súa vontade
de achegar ós pobos que durante longos anos estiveran enfrontados
traxicamente. Co Tratado de Roma de 1957, a construcción esténdese
ó Mercado Común. Jean Monnet crea entón un Comité
de Acción para os Estados Unidos de Europa que une partidos e sindicatos.
Pai fundador da Comunidade Europea, contribuíu de maneira decisiva
a transformar Europa nun espacio de liberdade, prosperidade e paz; menos
preocupado do éxito ca da acción, Jean Monnet cría
nas institucións comprometidas en tarefas concretas e na transmisión
da experiencia entre as xeracións.
"Non unificamos estados, unimos homes. Europa non se fará
de golpe, nin cunha construcción de conxunto, farase a través
de realizacións concretas creando primeiramente e ante todo unha
solidariedade de feito. Os homes só aceptan os cambios por necesidade,
non ven a necesidade que reside na crise."
ROBERT
SCHUMAN
1886-1963
Robert Schuman naceu en Luxemburgo, o 19 de xuño de 1886: a súa
nai era luxemburguesa casada cun loreno que se apartou da anexión
para establecerse no Gran Ducado, a uns kilómetros de Evranxe, a
súa vila natal. Así é como o mozo Robert Schuman frecuentou
a escola primaria e secundaria en Luxemburgo. Realizou os seus estudios
superiores en Alemaña e abriu un despacho de avogados en Metz en
xuño de 1912. Dous anos máis tarde estalou a guerra e Robert
Schuman é declarado inútil por razóns de saúde.
En novembro de 1918, Alsacia e Lorena celebran a súa volta a Francia
e Robert Schuman entra no Parlamento coma deputado pola Mosela. En 1939,
unha nova guerra estala e en marzo de 1940, Robert Schuman, é nomeado
Subsecretario do Estado para os refuxiados. De volta a Lorena, é
arrestado pola gestapo e secretamente encerrado no cárcere de Metz.
Polo tanto, o futuro Presidente do Consello (1947) e futuro Ministro de
Asuntos Exteriores (1948-1952) foi, nese momento, o primeiro parlamentario
francés encarcerado. A "Declaración Schuman" do
9 de maio de 1950, relativa á Comunidade Europea do Carbón
e do Aceiro, coidadosamente elaborada con Jean Monnet e o seu equipo, ilustra
ben as finalidades da construcción europea, baseábase nun
tríptico fundamental: reconciliación, solidariedade, paz.
Robert Schuman, Presidente do Parlamento Europeo de 1958 a 1960, escribiu
no verán de 1963, pouco antes da súa morte o 4 de setembro.
"As duras leccións da historia ensináronme, ó
home na fronteira que son, a non fiarse das improvisacións apresuradas,
dos proxectos demasiado ambiciosos, pero así mesmo ensináronme
que cando un obxectivo, foi maduramente reflexionado, baseado na realidade
dos feitos e no interese superior dos homes conducíndonos a iniciativas
novas, mesmo revolucionarias, leva consigo- incluso se rompe a orde establecida
- os antagonismos seculares e as antigas rutinas para facernos permanecer
de forma máis firme e perseverar".
ALCIDE
DE GASPERI
1881-1954
Orixinario do Trentino, por entón pertencente ó imperio Austrohúngaro,
Alcide de Gasperi comprométese na vida política da súa
rexión e na de Austria durante os seus anos universitarios en Viena.
Empeza a súa verdadeira carreira política como deputado no
parlamento austríaco en 1911. Nesta época, Gasperi representa
a unha pequena comunidade italiana no seo dun gran imperio multinacional
e multicultural. Esta experiencia dálle unha visión máis
global da vida política, enriquecéndoo cunha cultura máis
ampla e máis diversa, e converténdoo nun europeo de vangarda.
Estala a Primeira Guerra Mundial, Alcide de Gasperi é o responsable
do Comité dos Refuxiados. Axuda a miles de exiliados do Trentino,
detidos polo goberno austríaco por razóns militares, a emigrar
cara ó interior do país. Despois da anexión de Trento
a Italia, ó final da Primeira Guerra Mundial, involúcrase
na creación dun partido católico, o Partido Popular Italiano
(P.P.I.). Elixido deputado de Trento en 1921, preside o grupo parlamentario
do P.P.I. Xoga un papel importante na vida política italiana ata
a chegada de Mussolini ó poder. Opositor comprometido, acusado de
actividades antifascistas, é detido e condenado a 4 anos de prisión.
A pesar da súa liberación gracias á intervención
da Igrexa Católica, queda baixo vixilancia ata a caída do
Duche, ocupando un posto de empregado na Biblioteca do Vaticano. Ó
final da Segunda Guerra Mundial, Gasperi encóntrase de novo no primeiro
plano da vida política como líder incontestable da democracia
cristiá. De 1945 a 1953, dirixe 8 gobernos sucesivos. É Ministro
igualmente de Asuntos Exteriores. Fai que Italia se adhira á O.T.A.N.
e traballa pola integración do seu país no concerto das Nacións,
ó lado dos aliados. Integra Italia na C.E.C.A. e apoia activamente
o proxecto da C.E.D. (Comunidade Europea de Defensa). Ó principio
da construcción europea, Alcide de Gasperi, Robert Schuman e Konrad
Adenauer encóntranse regularmente e viven xuntos as primeiras grandes
etapas da construcción de Europa. Entre éxitos e fracasos,
nace entre eles na unión, unha solidariedade e unha estima profundas.
Alcide De Gasperi consagrará os últimos anos da súa
carreira á edificación da construcción europea. Demitido
polo seu propio partido en 1953, pouco antes da súa morte, convértese
no primeiro presidente da Asemblea parlamentaria da C.E.C.A.
"Constituír esta solidariedade da razón e do sentimento,
da fraternidade e da xustiza, e insuflar á unidade europea o espírito
heroico da liberdade e do sacrificio que sempre foi o da decisión
nas grandes horas da historia"
KONRAD
ADENAUER
1876 - 1967
Despois da Segunda Guerra Mundial, Konrad Adenauer foi un dos defensores
principais dunha Europa unida e pacífica. Adenauer empeza a súa
carreira política na República de Weimar onde se coñece
coma un alcalde comprometido e namorado da súa cidade natal: Colonia.
Os encontros que organiza entre intelectuais e universitarios católicos
franceses e alemáns ilustran o espírito de reconciliación
e a vontade de reunificación que o animaban. De 1921 a 1933, ocupa
a función de Presidente do Consello do Estado Prusiano. A súa
carreira interrómpese bruscamente pola chegada dos nazis ó
poder en 1933. Detido varias veces, obrígano a abandonar Colonia.
Ó remate da guerra, Adenauer ten xa 70 anos, afíliase a un
pequeno partido, aínda pouco coñecido nesa época, o
nomeado "Unión Democrática Cristiá". Despois
da Segunda Guerra Mundial, o 15 de setembro de 1949, o Parlamento Federal
Alemán noméao chanceler da recentemente creada República
Federal Alemana. O seu mandato durará 14 anos e estará marcado
polo seu compromiso na construcción europea. Nos numerosos discursos
en favor de Europa, Adenauer evoca a miúdo a idea dos Estados Unidos
de Europa, soñada por Víctor Hugo, da que a unión de
intereses económicos debería conducir a unha unión
política. O seu desexo de integrar Alemaña en Europa critícase
e discútese polos que vían nisto un obstáculo á
reunificación alemana. Segundo Adenauer, a separación de Alemaña
era unha consecuencia da escisión de Europa en dous bloque antagonistas.
Para Adenauer, a reunificación de Europa debía poñer
fin á escisión dolorosa de Alemaña. Non vería
feita realidade a súa teoría ata 1989.
"O meu obxectivo
é soñar que un día poidamos aplaudi-los Estados Unidos
de Europa. Se os intereses son comúns, se non nos consideramos escravos,
entón, o achegamento cultural, persoal e político desenvolverase
de forma normal e poderemos a longo prazo asegurar a paz en toda Europa
Occidental."
PAUL
HENRI SPAAK
1899-1972
Socialista belga, antes da Segunda Guerra Mundial ocupou diversos postos
ministeriais. Desde 1941, foi un dos iniciadores da unión aduaneira
de Bélxica cos Países Baixos e Luxemburgo, que daría
lugar finalmente en 1944 ó BENELUX. Ocupou varios postos no goberno
despois de 1935, e de 1938 a 1949 foi Ministro de Asuntos Exteriores de
forma case continuada. Xefe de Goberno en Bélxica de 1946 a 1949
apoiou o ingreso do seu país na O.T.A.N. e en tódalas iniciativas
de integración europea. En 1950 foi elixido presidente da O.E.C.E.
e do Consello de Europa, e dous anos despois da Asemblea Parlamentaria da
C.E.C.A. Ministro de Asuntos Exteriores de 1954 a 1957 dirixiu a comisión
de expertos que estudiou a formación da Comunidade Económica
Europea e firmou o Tratado de Roma. Spaak alcanzou recoñecemento
internacional como primeiro Presidente da Asemblea Xeral das Nacións
Unidas (1945), Presidente do Consello Europeo de Recuperación (1948-1949)
e Secretario Xeral da O.T.A.N. (1957-1961). Tanto nos postos nacionais coma
nos internacionais, Spaak loitou pola unificación política
e económica da Europa do Leste, así coma pola creación
de organizacións que desde entón se converteron na Unión
Europea.
"(...) a Europa Occidental só ofrece esta particularidade entre
os países que a compoñen, non hai competencia territorial,
pero hai, sen embargo, unha comunidade de principios políticos, xurídicos
e morais, así coma un nivel social comparable. E dicir, hai todo
o necesario para crear unha estreita vinculación".
SALVADOR
DE MADARIAGA
1886-1978
Este español "educado pola escola en Francia e pola vida en
Inglaterra", segundo se definiu a si mesmo no prefacio dos seus Ensayos
angloespañoles, naceu na Coruña, o 23 de xullo de 1886.
Fixo os seus estudios no Instituto do Cardeal Cisneros, e terminounos no
Colexio Chaptal, de París. En 1906, ingresou na Escola Politécnica
e logo na de Minas, na que obtivo o seu titulo de enxeñeiro, ó
mesmo tempo que cultivaba con paixón o estudio do inglés que
lle permitiu engadir ós seus títulos universitarios o de "Máster
en Humanidades" da Universidade de Oxford. Entre 1912 e 1916 desempeñou
o cargo de enxeñeiro de explotación da Compañía
de Camiños de Ferro do Norte de España. En 1916 dirixiuse
a Londres. Alí foi redactor do Times publicou, en inglés,
o seu primeiro libro de crítica literaria Shelley and Calderon,
ó que seguiron algúns contos fantásticos, cheos de
humor, coma Sir Bob, conto para os nenos de nove a noventa anos,
e The Sacred Giraffe (A xirafa sagrada). En 1921, Madariaga ingresou
na Secretaría da Sociedade das Nacións, e ó ano seguinte,
encargouse nela da Dirección do Desarme, posto ó cal renunciou
para ocupar a cátedra de Literatura Española na Universidade
de Oxford, que desempeñou desde 1928 ata 1931. Neste ano foi nomeado
profesor extraordinario da Universidade de México, despois Embaixador
da República Española en Washington e delegado de España
ante o Consello da Sociedade das Nacións, na que foi membro da Comisión
de Artes e Letras. Finalmente asistiu á Conferencia India, que tivo
lugar en Londres, onde foi proposto pola delegación hindú
coma árbitro do conflicto hindú-musulmán, nunha comisión
integrada polo Primeiro Ministro Macdonald, o Lord Chanceler Sankey, o profesor
Murray e Gandhi. Ó ano seguinte foi designado Embaixador da República
española en París e, pouco despois, foi enviado novamente
a Xenebra, onde presidiu o Comité dos Trece, ata xullo de 1936. Coma
membro superior da Sociedade das Nacións, correspondeulle, ademais,
dirixirse a Sudamérica, en xullo de 1935, en calidade de observador
das operacións bélicas que se desenvolvían no Chaco.
Durante esta viaxe, investido do seu carácter de plenipotenciario,
visitou, ademais da zona en litixio, Uruguai, Arxentina e Chile. Durante
a Guerra Civil española permaneceu no exilio, en Inglaterra, e na
década dos sesenta liderou a oposición ó dictador español
Francisco Franco. Á morte deste regresou a España no ano 1976
e ocupou a cadeira da Real Academia Española que lle pertencía
desde 1936. Madariaga escribiu varios volumes sobre España e o seu
imperio colonial. Entre as súas obras de crítica literaria
destacan unha serie de ensaios sobre literatura moderna, Guía do
lector do Quixote (1926) e unha extensa análise da obra mestra do
escritor español Miguel de Cervantes Saavedra. Os escritos políticos
e filosóficos de Madariaga falan do militarismo europeo e do concepto
de democracia. Entre as súas novelas cabe destacar O corazón
de pedra verde (1942) e Guerra no sangue (1957), ambas baseadas na historia
de Latinoamérica. Faleceu o 14 de decembro de 1978 en Locarno (Suíza)
a consecuencia dun fallo cardíaco.
"Europa é un corpo, é unha alma tamén, non
é aínda unha conciencia".
RESERVAS______________________TARIFAS___________________CORREO