versión en castellano
english version

versión para discapacitados
 
Inicio » Servizos » Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CeTA)
Seccións
Presentación
Historia do CeTA
Persoal
Normativa
Documentación
Recursos TIC
Proxectos
Formación - Docentes
Formación - Estudantes
Proxectos de Innovación Educativa
Actividades
Campus Virtual da USC

Proxectos de Innovación Educativa

Cuarta convocatoria

A integración do sistema universitario español no Espazo Europeo de Educación Superior require propostas concretas que desenvolvan os distintos elementos conceptuais definidos nas declaracións europeas e recollidos pola LOU ( máis información ). A Universidade de Santiago de Compostela, consciente da importancia deste novo contexto, da necesidade de desenvolver estratexias de mellora na calidade docente e investigadora, e de integrar as tecnoloxías nos usos educativos, fai pública a “Cuarta Convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa” mediante USC Virtual .

 

1. OBXECTIVOS

A Convocatoria trata de apoiar a posta en marcha de proxectos orientados á mellora da docencia e a investigación por medio da integración das tecnoloxías, canalizando aquelas iniciativas do profesorado que fomenten a innovación nos métodos docentes, a reflexión compartida, o intercambio de experiencias, a discusión de propostas didácticas centradas na aprendizaxe autónoma do alumno, converxentes coa concepción da ensinanza universitaria que adopta o Sistema Europeo de Transferencia de Créditos (ECTS); así como a creación de materiais didácticos que fagan uso das tecnoloxías da información e a comunicación.

Os proxectos deben ir dirixidos a desenvolver experiencias de formación baseadas na web mediante USC Virtual , en tres liñas de actuación diferentes:

  1. Formación regrada: primeiro e segundo ciclo e materias de nivelación.
    As accións neste ámbito buscarán unha mellor integración das tecnoloxías da información e a comunicación como soporte á docencia presencial, potenciando a autoaprendizaxe e o traballo colaborativo do alumno, así como o labor titorial do profesor diminuíndo as barreiras espazo–temporais entre o alumno e o profesor.
  2. Formación regrada: terceiro ciclo
    Neste ámbito, a finalidade das accións será a planificación e o desenvolvemento dun programa de doutorado, promovendo a innovación e a calidade nos métodos docentes con apoio das tecnoloxías da información e a comunicación.
  3. Formación continua
    As accións neste ámbito irán dirixidas a desenvolver materiais on-line para o uso da oferta formativa da USC: materias de libre configuración, cursos técnicos (ofimática, internet, etc.)

O resultado final dos proxectos deberá ser a producción dos materiais, e os procedementos necesarios para que os alumnos de terceiro ciclo e das materias regradas poidan realizar e verificar a súa aprendizaxe de xeito autónomo a través de USC Virtual.

 

2. DESTINATARIOS

Poderán presentar Proxectos de Innovación Educativa profesores individuais ou grupos de profesores da USC. Cando se trate dun grupo de profesores deberá existir un coordinador responsable do proxecto. En todo caso, entenderase que os profesores solicitantes contan con plena capacidade docente nas materias ás que afecta o proxecto, que gozan de autonomía e, no seu caso, da autorización do Departamento ou Centro para levalo a cabo. Os proxectos terán que involucrar a todos os profesores da materia. Tamén poderá solicitar a súa participación un Departamento, Facultade, Escola ou Instituto, cando a índole do proxecto así o aconselle.

Nesta convocatoria consideraranse prioritarios os proxectos presentados por un Departamento ou Área, así como aqueles que sexan converxentes coa concepción da ensinanza universitaria que adopta o Sistema Europeo de Transferencia de Créditos (ECTS).

3. CRITERIOS DE VALORACIÓN DOS PROXECTOS

A selección dos proxectos realizarase conforme ás bases desta Convocatoria, utilizándose os seguintes criterios:

Criterios Excluíntes:

•  O non cumprimento dos requisitos formais

•  Que a temática non estea en consonancia coas bases desta Convocatoria e non se dirixa á mellora da calidade da docencia por medio das tecnoloxías

•  A non presentación do informe valorativo, así como dunha memoria económica dos proxectos resultantes de anos anteriores

Criterios Valorativos:

•  Que se ofrezan propostas metodolóxicas concretas que repercutan nunha maior motivación dos alumnos e favorezan a aprendizaxe autónoma e significativa

•  Que contemple no seu desenvolvemento a participación activa dos alumnos

•  Que redefinan e potencien o labor titorial e o papel do profesor/a como orientador/a da aprendizaxe dos alumnos

•  Que se fomente o traballo colaborativo do profesorado

•  A amplitude do ámbito de aplicación e o carácter interdisciplinar do proxecto

•  Que potencie o emprego daqueles recursos didácticos (audiovisuais, simulacións, etc.) que propicien unha ensinanza máis activa e motivadora

•  Interese e viabilidade do proxecto

•  Coherencia do orzamento do proxecto

4. SELECCIÓN, SEGUIMENTO E APOIO TÉCNICO

As Vicerreitorías de Organización Académica e Profesorado, de Calidade e Terceiro Ciclo e Extensión Docente comprométense a realizar o seguimento de cada un dos proxectos seleccionados. A tal fin, constituirase unha Comisión de Selección e Seguimento da Convocatoria, presidida polo Excmo. Vicerrector de Organización Académica e Profesorado D. Cástor Méndez Paz, e formada por: D. José Raúl Canay Pazos como secretario e, D. Marcelino Agís Villaverde, D. Pedro Faraldo Roca, D. Luis Coladas Uría, D. Fernando Cadaveira Mahía, D. Manuel López-Rivadulla Lamas e D. Félix M. Sarmiento Escalona , como vocais. A función da Comisión de Selección e Seguimento da presente Convocatoria será regular todo o relativo á mesma, e en particular:

•  Seleccionar os proxectos.

•  Definir os medios técnicos necesarios para apoiar cada un dos proxectos seleccionados.

•  Garantir o apoio ós profesores e ós servizos na utilización dos medios técnicos.

Aportarase apoio técnico para a producción do material, a formación necesaria no uso de USC Virtual, tanto polo que se refire á plataforma tecnolóxica WebCT como a outras aplicacións informáticas necesarias para a producción dos materiais, e aloxamento dos materiais nos servidores de USC Virtual.

 

5. FINANCIAMENTO

A selección dun proxecto implicará unha dotación económica, en consonancia coa petición efectuada no mesmo, e as posibilidades orzamentarias. A partida específica dos orzamentos da USC destinada a financiar os proxectos seleccionados nesta Convocatoria é de 72.000 euros.

Para contribuír á súa efectiva realización, os Centros e Departamentos poderán colaborar ó financiamento con fondos propios.

A cantidade máxima que se poderá solicitar por proxecto será de 6.000 euros na liña de actuación B, e de 3.000 euros nas liñas de actuación A e C. As cantidades concedidas poderanse dedicar a material inventariable, material funxible ou bolsas.

O crédito dispoñerase en dous prazos: o 50% o inicio do proxecto e o 50% restante a súa finalización.

Se o proxecto inclúe un bolseiro para colaborar no seu desenvolvemento deberá axeitarse os seguintes criterios:

  • O tempo de duración mínima da bolsa será de tres meses, e o máximo o da duración do proxecto a desenvolver
  • A contía económica das bolsas será de trescentos euros o mes, cunha dedicación de vinte horas á semana

 

6. XORNADAS DE INTERCAMBIO

Dende a Comisión de Selección e Seguimento tratarase de favorecer a comunicación e a coordinación entre os distintos proxectos. Nesta liña, no primeiro cuadrimestre do curso 2004-2005 realizarase un encontro de intercambio de experiencias no que participarán todos os profesores integrantes dos proxectos aprobados.

 

7. MEMORIA E PUBLICACIÓN DOS PROXECTOS

Os coordinadores responsables dos proxectos seleccionados deberán entregar, ó rematar o curso, un informe valorativo do mesmo, no que se especifique o grao de cumprimento da actividade. Así como unha memoria económica que inclúa unha desagregación dos gastos efectuados e a copia das facturas correspondentes.

As Vicerreitorías de Organización Académica e Profesorado, de Calidade e Planificación Estratéxica e de Terceiro Ciclo e Extensión Docente editarán ó final do curso 2004-2005 un texto no que se recollerán as experiencias realizadas. Para elo, cada equipo de proxecto comprometerase a elaborar, xunto a súa memoria, o capítulo para a súa edición.

 

8. PRESENTACIÓN E CALENDARIO DOS PROXECTOS

Os proxectos presentaranse nos impresos que se adxuntan á Convocatoria como anexos, xunto cunha copia da memoria do proxecto presentado.

Segundo a índole dos proxectos e as posibilidades da súa efectiva aplicación, contémplanse dous prazos para a súa execución:

Liña de actuación (A)

  1. Curso académico 2004-2005

Liña de actuación (B)

  1. Curso académico 2004-2005
  2. Curso académico 2005-2006

Liña de actuación (C)

  1. Curso académico 2004-2005

 

En todo caso, en cada proxecto deberán constar os seguintes extremos:

•  Datos identificativos do/s profesor/es solicitante/s ou, no seu caso, do Departamento, facultade, escola ou instituto.

•  Materia/s (e plan de estudios ó que pertence) implicada/s no proxecto.

•  Breve memoria do proxecto, xustificativa dos seus obxectivos e viabilidade, con mención expresa dos resultados finais que se perseguen.

•  Orzamento estimado de gastos.

•  Previsión de prazos para a súa posta en marcha e execución.

•  Cando o proxecto comporte o emprego de recursos do Departamento e/ou do Centro, a solicitude deberá acompañarse da conformidade do seu Director/Decano.

•  Experiencia previa en actividades similares por parte dos solicitantes.

•  Necesidades de apoio loxístico.

Non serán necesarios os acordos do Departamento e do Centro no momento da presentación das solicitudes. No caso de que o proxecto sexa aprobado, deberá ser posteriormente ratificado polo Consello de Departamento e a Xunta de Centro.

 

O prazo de presentación da vixente Convocatoria é do 20 de setembro ó 8 de outubro.

No período máximo de 15 días dende o peche da Convocatoria, a Comisión de Selección e Seguimento reunirase para estudiar as propostas presentadas conforme ós criterios de selección, comunicándose o resultado a todos os interesados nun prazo máximo de 15 días dende esa data. A resolución dos Proxectos aprobados farase pública na páxina web da Universidade.

Os Proxectos serán presentados no Rexistro Xeral da Universidade ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992 de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e Procedemento Administrativo Común.

 

Reitoría da USC
Colexio de San Xerome
Praza do Obradoiro, s/n
15782 Santiago de Compostela
Teléfono: +34 981 56 31 00
Logotipo de Universia Universia   Logotipo da Unitenda Unitenda   Logotipo do Grupo Compostela
Vicerreitoría de Coordinación
do Campus de Lugo
Praza Pío XII, 3
27001 Lugo
Teléfono: +34 982 28 59 00