O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) foi creado por acordo do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela o 10 de febreiro de 2010. É o primeiro dunha rede de centros de investigación cun novo modelo de organización e funcionamento, que constitúe o elemento fundamental da estratexia de I+D do proxecto CAMPUS VIDA (Campus de Excelencia Internacional, MEC-MICINN, 2009).
A misión do CIQUS é o desenvolvemento da investigación de caracter transdisciplinar, para abordar os grandes retos actuais nos ámbitos da química biolóxica e do desenvolvemento de novos materiais funcionais, baixo parámetros de calidade e competividade. A actividade do CIQUS dirixirase á resolución de problemas científica e tecnoloxicamente relevantes, contribuíndo á mellora da calidade de vida das persoas e ao desenvolvemento socioeconómico do contorno.
Pretende así mesmo contribuír á formación dos mellores investigadores en química das futuras xeracións, e a que a sociedade perciba e aprecie as contribucións da química ao desenvolvemento e benestar global.
O CIQUS nace coa visión de converterse nun centro de investigación de referencia que se distinga pola calidade e impacto da súa investigación e polo seu compromiso coas demandas da sociedade.
Preténdese que neste centro de investigación as palabras “colaboración”, “interdisciplinar” e “excelencia” sexan cotiás, e a clara guía dos proxectos científicos que nel se desenvolvan. Preténdese así mesmo crear un contorno de traballo propicio para que estudantes de posgrado e investigadores desenvolvan ao máximo as súas competencias e habilidades para afrontar retos científicos importantes. Queremos crear un centro no mapa internacional da investigación química puntera, que sexa un referente atractivo para estudantes e investigadores de todo o mundo.
A actividade do CIQUS está guiada por unha serie de valores, compartidos polos investigadores que o integran: excelencia, liderado, innovación, cooperación, xeración e transmisión de coñecemento, ética e boas prácticas, etc.