|
|

Actividades xa realizadas
[ANO 2004 ]
I Concurso de monólogos monolingües: temos moito bico, vennos con contos
Puxemos en marcha esta actividade cunha grande expectación e agardando que causase o mesmo efecto en toda a comunidade universitaria, que era a quen ía dirixida. Para iso, escollemos un cartel anunciador e confeccionamos unhas bases do concurso que nos pareceron as máis axeitadas. Na prensa apareceu a nova uns días antes en Vieiros, no Cartafol da USC, na Voz de Galicia, no Galicia Hoxe, no Correo Gallego e como non, no Xornal electrónico da USC .
O acto celebrouse o 24 de novembro cun grande éxito grazas ao talento dos participantes, á actuación dos presentadores e á asistencia do público que encheu a aula onde se celebrou o acto. Tamén os xornais recolleron esta noticia
Se queres, podes ver unhas fotografías presentadores e dalgúns dos concursantes: Xosé Manuel Outeiriño, Leo, Juan Vega, Iria e Raquel, e Daniel Rodicio.
Representación de Bicos con Lingua da compañía Talía Teatro
O 16 de decembro de 2004 tivo lugar a representación teatral da obra Bicos con Lingua, que acadara os premios María Casares de Teatro 2004 ao mellor texto orixinal e mellor actor protagonista. A iniciativa xurdiu conxuntamente das comisións de Normalización Lingüística das facultades de Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación, Ciencias Económicas e Empresariais e Filoloxía.
A aula B volveu ateigarse de público que gozou enormemente. Os textos son moi divertidos e intelixentes e os actores (Artur Trillo e Toño Casais) fan un traballo estupendo que favorece a reflexión sobre os usos da lingua.
Volver ao principio
[ANO 2005]
As CNL das facultades de Psicoloxía, Escola Politécnica Superior e por suposto, a nosa, organizaron a primeira edición destes premios, que están dirixidos ao alumnado de primeiro e segundo ciclo. Agardamos que acaden o seu interese e o do profesorado, que ten un labor fundamental nesta iniciativa.
Podes descargar aquí as bases do concurso para os traballos correspondentes ao curso 2004-2005. A decisión do xurado fíxose pública ao principio do acto do II Concurso de Monólogos Monolingües do que falaremos máis adiante. O primeiro premio da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais quedou deserto e o gañador do segundo premio foi Roi González Bello, cun traballo titulado " Valor intrínseco fronte ao prezo de mercado". Noutras facultades tamén houbo premiados
Para facilitar a confección dos traballos, puxemos ao voso dispor dunha chea de Documentos e recursos de apoio compilados polo Servizo de Normalización Lingüística da USC e unha pequena listaxe cuadrilingüe (galego-español-portugués-inglés) de termos básicos da economía e da empresa elaborada por nós coa axuda da área de Terminoloxía do SNL. Descárgaa aquí.
II Concurso de monólogos monolingües: move o bico, vennos con contos
Desta volta tivo lugar o 30 de novembro e cremos que a actividade xa se está consolidando na Universidade. Saíu publicado nalgún recuncho dos medios: en Vieiros, na revista O'Cartafol, no Xornal electrónico da USC, no xornal da Concellaría de Cultura de Santiago de Compostela e na Voz de Galicia.
As bases do concurso eran moi semellantes ás do ano anterior, aínda que cambiamos algo a contía dos premios. Contamos novamente coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e con Biblos, clube de lectores.
Presentou o acto o actor Carlos Blanco e anotáronse nesta edición sete concursantes. Veu un mundo de xente, como podes comprobar nas fotos que che mostramos aquí de todo o que aconteceu ese día.
¿Sabesdes quen foron os gañadores? Para nós, todos e todas; para o xurado, que tiveron o ingrato labor de ter que peneirar: Raúl, Eliana, Sara e Xosé Afonso, nesta orde. Parabéns.
|