Saltar ao contido principal
Inicio  »  Regulamento

REGULAMENTO

DELEGACIÓNS DE VOTO

 - MODELOS DE DELEGACIÓN DE VOTO [17 KB]                                                                                                             

 

REGULAMENTO DO COMITÉ INTERCENTROS DO PERSOAL LABORAL DE ADMINISTRACIÓN E SERVIZOS DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

ARTIGO 1.- O presente Regulamento ten como ámbito de aplicación o Comité Intercentros da Universidade de Santiago.

ARTIGO 2.- O Comité Intercentros da Universidade de Santiago é un órgano representativo e colexiado que representa a todo o Persoal Laboral de Administración e Servizos da Universidade de Santiago (Campus de Santiago e Lugo); para isto asume as competencias previstas neste Regulamento, segundo as delegacións feitas nos comités de Santiago e Lugo conforme ao previsto no Estatuto dos Traballadores  e Convenio Colectivo,  así como as demais funcións propias dun Comité Intercentros.

ARTIGO 3.- Estrutura do Comité Intercentros: o Comité Intercentros estará composto por 13 membros.

         Funcionará a través dos seguintes órganos:

                   - Unipersoais: Presidencia, Secretaría e Vicepresidencias.

                   - Pluripersoais: Pleno e Comisións.

ARTIGO 4.- O Pleno estará composto pola totalidade dos seus membros.

         Teñen dereito a asistir ás reunións os/as delegados/as das Seccións Sindicais, recoñecidos ante o Comité como tales, con voz e sen voto. Os membros dos comités de empresa de Santiago e Lugo que non pertenzan ao Comité Intercentros, poderán asistir ás reunións nas mesmas condicións que os/as delegados/as das Seccións Sindicais

ARTIGO 5.- A Presidencia é o máximo órgano unipersoal do Comité.

ARTIGO 6.- O/a Presidente/a asume a representación oficial do Comité Intercentros diante de todo tipo de persoas ou entidades públicas e privadas e especialmente nos casos ós que se refire o artigo 65.1 do Estatuto dos Traballadores.

ARTIGO 7.- Son funcións da Presidencia do Comité Intercentros:

·         Presidir as reunións do Comité Intercentros.

·         Presidir as asembleas xerais de conformidade co establecido no Estatuto dos Traballadores.

·         Convocar as reunións ordinarias e extraordinarias do Comité Intercentros e as asembleas xerais. Estas funcións poderán ser delegadas na Secretaría do Comité Intercentros.

·         Informar ao Pleno, ou no seu caso á Comisión Permanente, da súa actuación dende a última reunión ordinaria.

·         Regular as intervencións dos/as delegados/as sindicais.

·         Regular as intervencións dos/das traballadores/as da Universidade diante do Comité Intercentros cando se traten temas que lles afecten individualmente.

·         Entregar a tódolos sindicatos a documentación chegada ao Comité nun prazo máximo de 72 h.

·         Tomar as decisións nos casos en que pola urxencia das mesmas non poida ser convocado o Pleno do Comité. Estas decisións deberán ser referendadas na primeira reunión posterior do Pleno.

·         Suspender as reunións do Comité Intercentros cando se incumpran os dereitos e deberes dos membros, que impidan o normal desenvolvemento das mesmas. Está obrigado a convocar un Pleno, co mesmo orde do día, nun prazo de 72 horas.

·         Propoñer ao Pleno o cese do/da Secretario/a polo incumprimento das súas funcións.

·         As demais funcións previstas neste Regulamento, no Convenio Colectivo, no Estatuto dos Traballadores e demais disposicións legais

ARTIGO 8.- O/a Presidente/a será elixido/a por maioría absoluta en primeira votación, de entre os membros do Comité Intercentros que se presenten como candidatos/as a dito cargo.

         No caso de non producirse esta, celebrarase unha segunda votación, logo de transcorrer unha hora desde a primeira, e será nomeado/a o/a candidato/a que acade maior número de votos. En todos os casos a votación será secreta.

En caso de empate entre dous ou máis candidatos en segunda votación, abrirase un período de 48 horas que permita acadar algún tipo de acordo que desbloquee a situación, rematado o cal procederase a realizar unha nova votación.

         Se só houbera un/unha candidato/a votarase si, non ou abstención.

ARTIGO 9.- O/a Presidente/a do Comité Intercentros cesará:  

  1. Ao remate do seu mandato.
  2. A petición propia. Neste caso asumirá provisionalmente a Presidencia o membro do Comité con maior antigüidade na Universidade, que convocará unha reunión extraordinaria para elixir novo/a Presidente/a.
  3. Por unha moción de censura que deberá levar incluída a proposta dun/dunha candidato/a á Presidencia. Será necesaria a maioría absoluta en votación secreta.
  4. Por dimisión do Comité Intercentros.
  5. Se é revocado o Comité Intercentros segundo o establecido no Estatuto dos Traballadores.

Despois do cese, o/a Presidente/a poderá continuar en funcións, agás do establecido nos casos segundo e terceiro deste artigo.

ARTIGO 10.- A Secretaría do Comité Intercentros será quen dea fe dos actos e acordos das reunións do Comité e das asembleas xerais.

ARTIGO 11.- Son funcións da Secretaría do Comité Intercentros:

  • Levantar acta das reunións do Comité e das asembleas xerais.
  • Custodiar as actas e demais documentos facilitados ao Comité Intercentros.
  • Facilitar copias das actas a calquera membro do Comité que o solicite.
  • Publicar ou facilitar a publicación das actas do Comité a través dos medios que se consideren oportunos.
  • Tramitar tódalas propostas feitas polos membros do Comité Intercentros.
  • Tramitar as dimisións dos membros do Comité Intercentros e a dimisión ou cese do Comité.
  • Velar polo cumprimento da legalidade vixente en tódalas actuacións do Comité Intercentros.
  • Exercer as demais funcións previstas neste Regulamento e demais funcións legais.

ARTIGO 12.- O/a Secretario/a do Comité Intercentros será elixido/a polo mesmo procedemento establecido para a elección do/a Presidente/a.

ARTIGO 13.- O/a Secretario/a rematará as súas funcións:

  1. Ao remate do  seu mandato.
  2. A petición propia. Neste caso asumirá provisionalmente a Secretaría o membro do Comité con menor antigüidade na Universidade.
  3. Por maioría absoluta do Pleno a proposta da Presidencia.
  4. Por maioría absoluta do Pleno a proposta dun terzo dos membros do Comité.
  5. Por dimisión do Comité Intercentros.
  6. Por ser revocado o Comité Intercentros.

ARTIGO 14.- As Vicepresidencias son órganos unipersoais concibidos neste regulamento para incorporar na xestión ordinaria do comité a unha ou a varias das alternativas sindicais diferentes das que ostenten a presidencia e a secretaría, cando así sexa proposto por algunha das partes e aprobado por maioría absoluta.

ARTIGO 15.- Atendendo ás condicións expostas no artigo anterior, o número máximo de vicepresidencias corresponderase co número de alternativas sindicais existentes no comité distintas das que ocupen a presidencia e a secretaría do mesmo. Só poderá existir unha vicepresidencia por cada unha de ditas alternativas.

Cos límites expostos, o número de vicepresidencias será o que se recolla na proposta de creación das mesmas. Para ser tomadas en consideración as propostas deberán estar respaldadas pola sinatura de tres delegados membros do comité ou por un sindicato que teña un número igual ou maior de delegados.

A proposta de creación de vicepresidencias e o número das mesmas realizarase conxuntamente coa de presidencia e secretaría na elección das mesmas, e votarase previamente.

De ser o caso, unha vez acordada a creación e o número de vicepresidencias, procederase a súa elección no mesmo proceso de votación que se realice para a elección de presidente/a e secretario/a.

Si a pesar de acordar a creación de vicepresidencias non existen candidatos para ocupar todas ou algunha das mesmas, ou os candidatos propostos son rexeitados polo pleno, dita creación decaerá. Para que poda volver a someterse a elección, deberá volver a iniciarse o proceso de creación de vicepresidencias a partir dunha nova proposta de creación que deberá ser aprobada por maioría absoluta.

A proposta de creación de vicepresidencias e a posterior elección poderá realizarse:

  • no momento da elección de presidencia e secretaría.
  • de non existir proposta nese momento, ou si esta foi rexeitada, poderá realizarse outra en calquera momento, sempre e cando transcorran un mínimo de seis meses entre cada votación, e sempre que non se realicen máis de tres dentro dun mesmo mandato.

Poderase, así mesmo, ampliar o número de vicepresidencias para posibilitar a incorporación ás mesmas das alternativas que no seu momento permaneceran ao marxe por calquera tipo de motivo. Para facelo deberá existir unha proposta asinada por un mínimo de tres delegados ou por un sindicato que teña o mesmo ou maior número de delegados, deberán ter transcorrido seis meses desde a última votación, non poderán levarse a cabo máis de dúas ampliacións e non poderá realizarse en ningún caso, si para a creación previa se agotaron as tres posibilidades contempladas neste regulamento.

ARTIGO 16.- O mandato das vicepresidencias do Comité están vinculadas ao mandato da presidencia existente e cesan automaticamente cando cesa esta por calquera dos motivos establecidos na normativa de aplicación e no presente regulamento. Do anterior se deriva que as vicepresidencias non poderán substituír ao presidente/a en ningún caso, e só poderán asumir funcións da presidencia por delegación expresa da mesma nos termos e pola duración que na dita delegación expresa se estableza. En calquera caso a delegación cesará automaticamente si cesa a presidencia.

ARTIGO 17.- Son funcións das Vicepresidencias do Comité Intercentros asistir á Presidencia no desempeño da súas funcións, e desempeñalas si, no seu caso, lle son expresamente delegadas pola mesma.

As vicepresidencias existentes serán membros de pleno dereito da permanente do Comité.

As vicepresidencias teñen dereito a acompañar ao presidente/a e secretario/a a canta reunión sexan convocados para asistir en nome do comité Intercentros, aínda que só quen ocupe a presidencia está autorizado a falar ou actuar en nome do comité e sempre sometido as condicións establecidas no presente regulamento.

As vicepresidencias teñen dereito a recibir directamente toda a información que chegue ao comité Intercentros. A secretaría do comité adoptará as medidas necesarias para dar cumprimento a este punto e será responsable do seu cumprimento.

ARTIGO 18.- Normalmente o número de vicepresidencias e o número de aspirantes coincidirán, e nese suposto cada proposta de vicepresidencia votarase si, non ou abstención, e deberá acadar máis votos afirmativos que negativos para acadar o cargo. No suposto de que algún non obtivera un número de votos afirmativos suficientes, a votación repetirase unha hora despois. Si a situación persiste, a creación da vicepresidencia ou vicepresidencias afectadas decaerá e estarase ao previsto neste regulamento para eses supostos.

Si o número de vicepresidencias creadas é inferior ao número de alternativas sindicais que puideran optar e se dese o caso de que se presentaran un número de aspirantes superior ao número de cargos, procederase a unha selección previa mediante unha votación na que o pleno escollerá entre os aspirantes, e na que cada delegado so poderá votar a un dos aspirantes ou absterse. O número de vicepresidencias determinará o número de aspirantes máis votados que poderán participar na elección nos termos establecidos no paragrafo primeiro deste artigo.

En caso de empate, será seleccionado aquel aspirante que pertenza a alternativa sindical que máis votos obtivera nas eleccións sindicais correspondentes, sumados os dous colexios electorais.

ARTIGO 19.- A Comisión Permanente asumirá as funcións do Comité Intercentros nos casos de dimisión ou cese do Comité, se este é revocado e nos meses de vacacións. Asemade, asistirá a tódalas reunións coa representación empresarial que por motivos de urxencia non poida acudir ó Pleno debendo, neste caso, informar no primeiro Pleno seguinte que será o que referende a súa actuación.

ARTIGO 20.- A Comisión Permanente estará composta pola Presidencia e Secretaría do Comité Intercentros e un membro de cada unha das candidaturas con representación no Comité.

ARTIGO 21.- Crearanse as comisións que o Comité estime necesarias, establecendo as funcións, duración e número de membros. En todo caso, a composición será proporcional á representación de cada candidatura.

ARTIGO 22.- As reunións do Comité Intercentros serán ordinarias e extraordinarias.

ARTIGO 23.- As reunións ordinarias celebraranse a lo menos cada dous meses. Na orde do día das reunións ordinarias incluiranse tódolos temas que decida a Presidencia do Comité Intercentros e, obrigatoriamente, aqueles que solicite por escrito calquera membro do Comité cunha antelación mínima de dous días.

Cando menos unha de cada tres reunións ordinarias do comité Intercentros celebrarase no Campus de Lugo.

ARTIGO 24.- Son reunións extraordinarias aquelas que convoca a Presidencia cando o estime necesario e as que convoca por ser solicitada por un terzo dos membros do Comité Intercentros.

ARTIGO 25.- A convocatoria das reunións ordinarias deberán ser comunicadas pola Secretaría, por correo-e con xustificante de recepción, a todos os membros do Comité cunha antelación mínima de 3 días. Non se computarán sábados, domingos e festivos.

ARTIGO 26.- As convocatorias de reunión do Comité Intercentros deberán incluír: orde do día, lugar, día e hora de celebración.

ARTIGO 27.- As reunións extraordinarias deberán celebrarse antes de transcorridos 5 días desde a presentación da solicitude á Presidencia do Comité Intercentros. Aos efectos de cumprimento disto non se computarán os días non laborables.

ARTIGO 28.- As reunións do Comité Intercentros consideraranse constituídas de forma regulamentaria na primeira convocatoria cando asista a maioría absoluta dos membros. Considerarase validamente constituída a hora da segunda convocatoria cos presentes.

ARTIGO 29.- Nas reunións do Comité Intercentros só se poderán adoptar acordos respecto dos temas previamente incluídos na orde do día, agás o que establece o artigo 30 para as reunións ordinarias.

ARTIGO 30.- Nas reunións ordinarias, antes de tratar os puntos da orde do día, a Presidencia e a Secretaría deberán informar obrigatoriamente da súa actuación dende a última reunión ordinaria, sen necesidade de incluír previamente este punto na orde do día. O Comité limitarase a aprobar ou censurar a actuación da Presidencia e Secretaría.

         O disposto neste artigo deberá figurar obrigatoriamente en acta.

ARTIGO 31.- Unha vez lida a orde do día, acordarase un tempo máximo para cada punto da orde do día, por consenso ou mediante votación

ARTIGO 32.- As votacións sobor dos acordos do Comité Intercentros serán a man alzada. Serán secretas cando así o solicite algún membro, sen prexuízo de que se estableza outro sistema en casos concretos.

ARTIGO 33.- Os membros do Comité poderán delegar o seu voto en calquera outro membro do comité. A delegación de voto deberá facerse por escrito en modelo establecido (Anexo I) e será comprobada e verificada pola presidencia antes das votacións, deberá consignar con claridade si está feita para todos os puntos do orde do día ou só para algún ou algúns. Entenderase que o delegado/a recibiu facultades paravotar, segundo a súa vontade en relación a aquel ou aqueles puntos do orde do día que veñan comprendidos na delegación de voto, e teranse por nulas as delegacións que restrinxan ou condicionen dita liberdade. Cada membro do comité só poderá ser titular dunha delegación de voto.

ARTIGO 34.- As resolucións do Comité Intercentros aprobaranse por maioría dos votos emitidos a favor, menos nos casos establecidos neste Regulamento e demais disposicións legais en que sexa perceptiva maioría absoluta. Deberán recollerse en acta os votos a favor, votos en contra e abstencións ou votos en branco, tomando o nome de acordos do Comité Intercentros.

         Deberán incluír as discrepancias dos membros do Comité Intercentros, individualmente ou en grupo, cando así sexa solicitado.

ARTIGO 35.- Ás reunións do Comité Intercentros só poderán asistir aquelas persoas que autorice o Comité Intercentros.

ARTIGO 36.- Cando se someta á asemblea xeral a adopción de acordos que afecten ao conxunto dos/as traballadores/as, a Secretaría do Comité Intercentros será a responsable de que se faga conforme establece o Estatuto dos Traballadores.

ARTIGO 37.- Polo que respecta aos/ás delegados/as sindicais estarase ó establecido na "Lei 11/1985 de Libertade Sindical", unha vez comunicado o seu nomeamento ao Comité Intercentros e á Universidade.

ARTIGO 38.- A iniciativa para a reforma do presente Regulamento corresponde a un terzo dos membros do Comité Intercentros que deberá ser aprobada por maioría absoluta en primeira convocatoria e por maioría simple en segunda convocatoria.

  • Contacta con nós, deixa a túa suxerencia.
comitepas@usc.es