Home

Presentación

O proxecto de Investigación Textos literarios medievais no Camiño de Santiago (PGIDIT08PXIB204038PR), desenvolvido na área de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela, organiza un Congreso Internacional titulado Identidade europea e intercambios culturais no Camiño de Santiago (séculos XI-XV), que terá lugar na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela os días 9 a 12 de novembro de 2010.

O congreso, de carácter multidisciplinar e organizado en catro xornadas, contempla tres ámbitos de estudo:

  1. Literatura: circulación de xéneros literarios, temas, motivos e textos a través do Camiño de Santiago durante a Idade Media.
  2. Historia: identidade europea e imaxinario cultural na Idade Media difundido a través do Camiño.
  3. Arte: difusión da Arte Románica (arquitectura, escultura, pintura e música) a través das rutas de peregrinación medievais.
Actividades

No congreso participarán un total de 22 especialistas en historia, arte e literatura, tanto da propia USC como de universidades e centros de investigación de ámbito galego, español e internacional. Nos seus relatorios abordarán distintos temas dende diferentes perspectivas, mais tomando como base as funcións que o Camiño asumía na conformación do acervo lingüístico, literario e cultural do noroeste peninsular, en concreto, e da Europa medieval en xeral.

Con este encontro científico búscase fomentar tanto o intercambio de experiencias entre especialistas de diferentes ámbitos como a convivencia entre investigadores expertos nos campos referidos e novos investigadores que inician a súa actividade nestes dominios.

Destinatarios: Investigadores, docentes e estudantes das diferentes filoloxías así como das titulacións en Historia e Historia da Arte; egresados das Facultades de Filoloxía e Xeografía e Historia, e profesores de ensino secundario.

Crédito de libre configuración: Foi concedido un crédito de libre configuración (RR 2010/207, con data 18 de outubro) para os estudantes das licenciaturas de Filoloxía, e das licenciaturas en Historia e Historia da arte que estean inscritos no Congreso e cumpran os requisitos para obtelo.

Duración: 30 horas (24 presenciais máis 6 de realización de traballo). Os inscritos que desexen optar ao crédito de libre configuración (para as licenciaturas de Filoloxía e as licenciaturas en Historia e Historia da Arte) deberán realizar un pequeno traballo (entre 6 e 10 folios) composto por un resumo das conferencias, unha reflexión propia sobre a importancia do Camiño de Santiago na conformación do acervo lingüístico, literario e cultural na Europa medieval e unha valoración crítica dos aspectos positivos e negativos do congreso. O traballo será remitido á organización do Congreso antes do día 10 de decembro de 2010.

Asistencia: A asistencia ao Congreso é obrigatoria e será debidamente comprobada. Só se permitirá a ausencia a un máximo de dúas sesións aos inscritos que desexen obter un diploma de asistencia ou opten ao crédito de libre configuración.

Número de prazas: 150.

Custo da inscripción: 30 € (normal: docentes, investigadores, doutorandos) / 10 € (reducida: estudantes e desempregados).

Sede: Salón de Actos. Facultade de Filoloxía.