Información Xeral
Estudos de Posgrao Propio
Son aqueles que están
encamiñados á formación de especialistas, sobre todo en ramas interdisciplinarias
e de interese social, cultural, científico técnico e /ou profesional.
A Lei Orgánica 11/1983 de Reforma Universitaria, recoñece
ás Universidades, en uso da súa autonomía, a facultade de impartir ensinanzas
conducentes á obtención de títulos ou diplomas, ademais daqueles que
teñen validez en todo o territorio español. O Real Decreto 778/1998,
que regula a obtención dos títulos de doutor e doutros estudos de posgrao,
desenvolve a norma anterior, e di textualmente que as Universidades
"poderán impartir ensinanzas para titulados universitarios sobre
campos do saber propios da carreira de procedencia ou de carácter intercurricular
e especialmente orientados á aplicación profesional dos ditos saberes"
Quen supere estas ensinanzas poderá obter o correspondente
título ou diploma propio da Universidade.
Os estudios de posgrao propios da Universidade de Santiago de Compostela poden
ser:
Son estudos que teñen unha duración mínima de 50 créditos
entre teóricos e prácticos e unha duración lectiva de, polo menos, un curso académico.
Como norma xeral para acceder a estas ensinanzas é requisito previo unha titulación universitaria
correspondente ó 2º ciclo. Excepcionalmente poderán accede-los titulados de primeiro ciclo,
cando a especificidade dun Máster concreto e a súa conexión coa formación de posgrao de titulados
universitarios estea suficientemente xustificada.
Poderán ser admitidos nun Máster, cando así se dispoña na
programación deste ou por acordo posterior da Comisión de Posgrao,
os alumnos que teñan superados os créditos do primeiro ciclo das
actuais titulacións de dous ciclos, sempre que non lle falten máis
de 30 créditos para obter a titulación. En todo o caso, para poder
obter o título de Máster, o alumno deberá posuír a condición de
titulado antes de acabar o ano académico correspondente ós estudos.
Os alumnos que cursaran estudos nun Master e non tiveran dereito ao
título poderán solicitar unha certificación de ditos estudos.
Teñen unha duración mínima 20 créditos, e poderán acceder
a estas ensinanzas os titulados universitarios de primeiro ou segundo
ciclo. Tamén poden acceder aqueles profesionais directamente relacionados
coa especialidade, sempre e cando cumpran os requisitos legais de acceso
á universidade, e así se recolla expresamente na convocatoria. Así mesmo,
poderán acceder alumnos non titulados, pero tendo en conta que para
poder obte-lo título de Especialista Universitario deberán posuí-la
condición de titulados antes de acaba-lo ano académico correspondente
ós estudos.
Os aspirantes a cursar estudos de Posgrao Propio deberán reuni-los requisitos xerais mencionados
e tamén os específicos de cada un dos cursos. As solicitudes de admisión
presentaranse nas secretarías dos departamentos, centros ou institutos
universitarios que ofrezan estes estudos, nos prazos que se fixen para
cada un deles. Na solicitude, que se poderá facer nun modelo normalizado
(P10),
indicarase se o alumno desexa ser considerado para unha bolsa (no caso de
que o curso ofreza a súa concesión).
Unha vez efectuada a admisión pola comisión académica de cada curso,
se efectuarán as seguintes xestións:
-
Publica-las listas de admitidos e excluídos. No caso de que
os cursos o consideren, entre os admitidos indicarase os que
teñen concedida unha bolsa e a súa contía.
-
Fixa-lo prazo de reclamacións.
-
Publicar as listas definitivas de admitidos e bolseiros, e o
horario de impartición dos estudos.
-
Publica-los prazos de matrícula.
Os
alumnos deberán formaliza-la matrícula na SECCIÓN DE POSGRAO, TERCEIRO
CICLO E FORMACIÓN CONTINUA (Pavillón estudiantil- Campus Universitario
Sur, 15782 Santiago de Compostela) mediante modelo normalizado (P11), nas datas que se indicarán para cada un
dos cursos, e aboarán o importe de matrícula que corresponda coa a folla
de liquidación de prezos públicos facilitada pola Sección de posgrao,
Terceiro ciclo e Formación Continua no momento de formaliza-la
matrícula.
Establecemento Seguro Obrigatorio de Accidentes e Asistencia en viaxe
para estudantes da USC (Acordo
Consello Goberno 29 de xuño de 2009)
Para garantir que todos/as os alumnos teñan subscrito un seguro
obrigatorio de accidentes no momento de matricularse, o seu importe
inclúese na liquidación da matricula
Os alumnos que se atopen en posesión dun título estranxeiro, e que
desexen realizar estudos de Posgrao (Máster ou Especialización) na Universidade de Santiago
de Compostela, poderán facelo sen necesidade de homologar previamente o seu título. Para estes
efectos será suficiente a autorización outorgada polo reitor. Estes alumnos, ademais de
solicitar a admisión polo procedemento establecido, deberán acreditar a titulación que posúen,
que haberá de ser equivalente aos españois de licenciado, enxeñeiro ou arquitecto ou diplomado,
enxeñeiro técnico e arquitecto técnico. A autorización do reitor,
que se expedirá previa comprobación da correspondencia do título
estranxeiro presentado.
Esta autorización unicamente será válida para realizar o curso no que sexa admitido.
Os alumnos que obteñan a
cualificación global de "apto" terán dereito á expedición dun título propio da Universidade de Santiago
de Compostela. Os alumnos que non obteñan esta cualificación poderán
solicitar unha certificación académica das materias cursadas. Tanto
as solicitudes dos títulos como das correspondentes certificacións
faranse na SECCIÓN DE POSGRAO, TERCEIRO CICLO E FORMACIÓN CONTINUA
(Pavillón estudantil- Campus Universitario Sur, 15782 Santiago de
Compostela).
Para a expedición pola USC de Títulos Propios, Diplomas e
certificados é necesario realizar o pagamento das taxas que aprobe o
Consello Social para cada ano académico.
Os títulos propios de posgrao expedidos pola USC serán asinados
polo reitor, polo interesado e polo xefe da dependencia
administrativa responsable da tramitación e expedición do título, en
modelo normalizado no que poderá figurar impresa a sinatura do
reitor, e causarán constancia rexistral nun Rexistro Universitario
de Títulos Propios, con análogas condicións de identificación,
custodia, certificación e carácter público que o rexistro
universitario de títulos oficiais. No reverso do titulo figurará a
relación de materias e de créditos superados.
|