accesibilidade
 
Inicio » Centros » Centro de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua » Posgrao propio » Bolsas
Seccións
Presentación
Persoal
Terceiro ciclo
Posgrao propio
Formación continua
Normativa
Formularios e Impresos
Ligazóns
Destacados
Teses en trámite
Defensa de Teses

Bolsas

CRITERIOS PARA A CONCESIÓN DE BOLSAS DE MATRÍCULA PARA OS ALUMNOS DE CURSOS DE POSGRAO 

(Aprobados  os criterios complementarios para a concesión de bolsas de posgrao en Consello de Goberno o 12 de xuño de 2003 . Aprobados os criterios para a concesión de bolsas de posgrao en Xunta de Goberno de 23 de abril de 2002)

1.Obxectivos

As bolsas aquí reguladas serán de aplicación unicamente para o acceso ós cursos de posgrao (máster e especialización) impartidos na Universidade de Santiago de Compostela, de acordo co Regulamento de Estudios de Posgrao e Formación Continua (en adiante REPFC), aprobado por Xunta de Goberno o 22 de decembro de 1999.  A finalidade destas bolsas é a de contribuír ó financiamento dos estudios de posgrao daqueles alumnos que en función da súa capacitación e da súa situación económica poidan ampliar os coñecementos adquiridos nos estudios de primeiro e segundo ciclo e converterse en profesionais especializados.

2. Oferta de bolsas

Para a determinación da contía e número de bolsas en cada curso de posgrao seguiranse os pasos descritos a continuación:

2.1. Determinación do número de alumnos

As propostas de cursos de posgrao contemplarán un número estimado mínimo de prazas, cifra que servirá de base para o cálculo dos orzamentos do curso. De acordo coa normativa dos cursos de posgrao, o número mínimo de alumnos é aquel que, no caso de cubrirse, compromete ós promotores do curso á súa celebración.

 2.2. Determinación do prezo da matrícula

A cantidade proposta como prezo da matrícula deberá respecta-los límites aprobados pola Comisión de Posgrao e, de se-lo caso, polo Consello Social da Universidade. Para a súa determinación tomarase o coste real do curso, deducindo, de se-lo caso as aportacións externas, e dividirase entre o número mínimo de alumnos.

 2.3. Contía individual e número das bolsas

Cada bolsa de matrícula suporá unha reducción do 75 % do prezo da matrícula, determinado conforme co apartado 2.2. O número de bolsas a ofertar será o equivalente de dividir o número mínimo de alumnos entre 7,5 e redondeando esta cifra o número enteiro máis próximo.

2.4. Cursos que non alcanzan o número mínimo de alumnos

Os cursos que teñan un número de solicitudes inferior ou igual o mínimo, incluíndo as bolsas, e onde a concesión destas poida comprometer a continuidade do curso de posgrao, poderán solicitar do CPTF unha revisión da contía e número de bolsas de xeito que se garantice a continuidade do mesmo. Dita solicitude requerirá a xustificación orzamentaria pertinente.

 2.5. Cursos que reciban subvencións para o seu desenvolvemento

Aqueles cursos que reciban subvencións para financia-la súa celebración ateranse ó disposto no artigo 20 do Regulamento dos Estudios de Posgrao e Formación Continua (modificación aprobada pola Xunta de Goberno de 23 de abril de 2002)

3. Formalización das solicitudes

A solicitude de bolsa farase conxuntamente coa solictude de admisión no curso de posgrao, durante o prazo que para este último fin se estableza. As solicitudes presentaranse no modelo oficial (que estará a disposición dos interesados en Internet no enderezo http://www.usc.es/cptf/) xunto coa solicitude da admisón no curso de posgrao, no plazo e forma que se establezca, e deberán ir acompañadas pola documentación que permita acredita-la indentidade dos solicitantes así como valora-los estudios universitarios realizados que se vaian utilizar como criterios na selección. En concreto deberán aportar:

- Copia do DNI. - Certificación dos estudios de primeiro e segundo ciclo e, de se-lo caso, de terceiro ciclo realizados.

- Acreditación das bolsas da convocatoria xeral e/ou de mobilidade de primeiro e segundo ciclo do Ministerio de Educación, Cultura e Deportes obtidas.

- Declaración da situación laboral do interesado, de acordo co establecido no apartado 4.b)

- Curriculum vitae.

4. Requisitos dos solicitantes

Para ser beneficiario dunha bolsa de matrícula, ademais de resultaren admitidos no curso de posgrao para o cal se solicita, os aspirantes deberán cumpri-los seguintes requisitos:

  • Ter aprobadas tódalas disciplinas requiridas para o obtención do título de diplomado, licenciado, de enxeñeiro ou de arquitecto por unha facultade, escola técnica superior ou escola universitaria, incluíndo o proxecto ou traballo de fin de carreira, de se-lo caso, despois do 1 de xaneiro de 1996.

  • Non ter unha relación laboral ou percibir o subsidio de desemprego no momento da resolución da convocatoria de becas.por unha contía superior a doce mil euros.

  • Non disfrutar, nin ter disfrutado en anos anteriores, doutra bolsa nalgún dos cursos de posgrao ofertados na Universidade de Santiago de Compostela, ou ben que fora concedida por outra institución que teña a mesma finalidade.

5. Criterios de selección

A selección dos candidatos efectuarase por parte da Comisión Académica do curso de posgrao no que o alumno solicite a bolsa.

Para a adxudicación das bolsas a Comisión Académica ordenará as solicitudes tendo en conta a puntuación obtida de acordo co seguinte baremo:

A. Bolsas do MECD: máximo 6 puntos (2 puntos por cada un dos tres últimos anos da licenciatura ou diplomatura nos que o alumno obtivera bolsas da convocatoria xeral e/ou de mobilidade de primeiro e segundo ciclo do Ministerio de Educación, Cultura e Deportes)

B. Licenciatura: máximo 4 puntos, en función da nota media do expediente académico. A nota media calcularase seguindo o procedemento establecido na normativa de xestión académica da USC publicada por Resolución Rectoral do 19 de abril de 2005. No caso da posuír máis de unha titulación terase en conta unicamente a que se utilice como referencia para a admisión no curso de posgrao.

C. Estudios de terceiro ciclo: máximo 2 puntos (superación do período de docencia, 1 punto; obtención do DEA ou suficiencia investigadora, 2 puntos)

D. Tempo transcurrido desde a obtención da licenciatura ou diplomatura: á cantidade resultante de suma-la puntuación obtida nos tres apartados anteriores restaráselle o número resultante de sustraer ó ano en curso o ano no que o solicitante obtivo o requisito establecido no punto 5.B. Para os que realizaran estudios de terceiro ciclo non se lle descontarán 1 ou 2 anos, segundo teñan superado o período de docencia ou estean en posesión do DEA, respectivamente

E. Outros méritos: ata 1 punto. A comisión académica fixará con antelación os criterios a utilizar neste apartado

Os solicitantes deberán ter unha puntuación mínima de 5 puntos para poderen ser bolseiros, dos cales 1,5 puntos deben corresponder á valoración do apartado 5.B.

Cando concorran conxuntamente aspirantes que realizaran os seus estudios no estranxeiro e en España, co fin de facilita-la aplicación dos criterios mencionados, dividirase o número de bolsas a conceder en dous grupos, ponderando o número de bolsas co número de admitidos de cada un dos grupos citados.

6. Contía das bolsas

Os candidatos que obteñan unha bolsa das reguladas no apartado 2.a) terán dereito a matrícula reducida no curso de posgrao no 75 % do seu importe. Excepcionalmente, e sempre logo da autorización previa por parte da Comisión de Posgrao, poderanse conceder bolsas por outra porcentaxe do prezo da matrícula.

7. Tramitación

A Comisión Académica na tramitación das bolsas axustarase ó seguinte procedemento:

  • Comprobación de que todas as solicitudes cumpren os requisitos establecidos.

  • Publicación da Lista de solicitudes admitidas e excluídas (sinalando no seu caso a causa da exclusión).

  • Establecemento dun prazo de reclamación e aportación de documentación de 5 días hábiles dende a data de publicación da lista de admitidos e excluidos.

Publicación da lista definitiva dos alumnos solicitantes de bolsa.

8. Resolución

Unha vez publicada a lista definitiva de solicitudes de bolsa, a Comisión Académica fará pública a resolución de alumnos admitidos indicando aqueles solicitantes obtiveron bolsa de matrícula. Para estes efectos o CPTF prestará o apoio e asesoramento que sexan necesarios, co fin de garantir que a aplicación desta norma sexa o máis correcta, homoxénea e áxil posible.

 A non admisión no curso de posgrao implica a denegación da bolsa.

Os directores do curso de posgrao enviarán ó CPTF no formato que se estableza (e que estará dispoñible na web) a relación dos alumnos admitidos no curso, indicando para cada un deles a concesión ou non de bolsa e o importe que lles corresponde abonar.

 En calquera caso os alumnos solicitantes de bolsas abonarán no prazo de matrícula o 25% (ou o importe que corresponda) da matrícula. No caso de que a bolsa sexa denegada, a dirección do curso de posgrao poderá requerir os alumnos que procedan ó pago da contía restante, ata cubrir a correspondente ó primeiro prazo de matrícula, nun tempo máximo dun mes.

9. Reclamacións

Unha vez publicadas as relacións de solicitantes que acadaron a bolsa e dos que non o fixeron darase un prazo de 10 días para formular unha reclamación ante a Comisión de Posgrao.

 As reclamacións presentaranse ante a Comisión Académica do curso, quen as remitirá ó CPTF acompañadas de toda a documentación necesaria, e dun informe sobre o contido da reclamación.

10. Obrigas dos bolseiros. Seguimento da axuda

Os bolseiros están obrigados a asistiren ás clases e seguir con aproveitamento os estudios correspondentes ó curso de posgrao. O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nas presentes bases suporá a perda da bolsa concedida e, de se-lo caso, a obriga de abona-lo importe correspondente.

No caso particular dos cursos que se imparten con carácter plurianual, para manter o dereito á bolsa nos seguintes anos o alumno deberá xustificar novamente a principio de cada curso académico o cumprimento dos requisitos que inicialmente deron dereito a obtención da bolsa.

Os bolseiros están obrigados a comunicar ó CPTF a renuncia á bolsa tan pronto como se produza a causa que determine a dita renuncia. O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nas presentes bases suporá a perda da bolsa concedida e, de se-lo caso, o abono da cantidade disfrutada conforme ó establecido no artigo 78 do Decreto Lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia na redacción dada pola Lei 8/99, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

11. Transitoria

As bolsas concedidas de acordo coa anterior normativa en cursos con carácter plurianual seguirán reguladas por dita regulación.

 

 

 
Reitoría da USC
Colexio de San Xerome
Praza do Obradoiro, s/n
15782 Santiago de Compostela
Teléfono: +34 981 56 31 00
Logotipo de Universia Universia   Logotipo da Unitenda Unitenda   Logotipo do Grupo Compostela
Vicerreitoría de Coordinación
do Campus de Lugo
Praza Pío XII, 3
27001 Lugo
Teléfono: +34 982 28 59 00