accesibilidade
 
Inicio » Servizos » Inicio Área de Cultura » Universidade de Verán 2013
Seccións

Inicio Área de Cultura

Persoal
Axenda

Aula de Teatro

Espazo de Danza

Espazo de Cámara

Coro Universitario

Espazo de Fotografía

Espazo de Astronomía

Grupo de Creación Musical (Lugo)
Fonoteca

Visitas ao Patrimonio

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2013

Cursos de Verán

 

VERSIÓN EN CASTELLANO  

 


 

RELACIÓN DE CURSOS

NORMAS REGULADORAS E INSTRUCIÓNS

DIPLOMA DE ASISTENCIA E CRÉDITOS

IMPORTE DA MATRÍCULA

PRAZO DE MATRÍCULA

FORMALIZACIÓN DA MATRÍCULA

CENTROS DE MATRICULACIÓN E INFORMACIÓN

 


 

 

 

RELACIÓN DE CURSOS

 

Campus de Santiago de Compostela

Campus de Lugo

Guitiriz

Lalín

Meira

Ribadeo

Ribeira

Seoane do Courel

 

 

 

SANTIAGO DE COMPOSTELA

 

1.- II CURSO DE DIVULGACIÓN: A QUÍMICA, A CIENCIA QUE ENVOLVE AS NOSAS VIDAS  

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 3 a 6 de xuño

Dirección: Carmen García Jares e Pilar Bermejo Barrera

Secretaría: Mª del Carmen Barciela Alonso

Horas lectivas: 30

Límite de prazas: non

 

Obxectivos:

Dar a coñecer aspectos da Química do século XXI, os seus avances e a súa conexión con outras ciencias, demostrando que a maioría das actividades e comodidades que forman parte da nosa vida están a ser proporcionadas ou teñen un alto compoñente de Química. Neste senso, ao longo do curso, especialistas con ampla traxectoria docente e profesional en diversos campos de traballo relacionados coa Química exporán aplicacións de máxima actualidade da Química nos campos da saúde, da alimentación, na investigación forense e criminalística, no medioambiente, e mesmo no propio entorno doméstico, entre outros tópicos, usando un enfoque divulgativo asequible tanto a estudantes de Química e ciencias afíns, como a profesores de ensino medio, e público interesado en xeral.

 

 

2.- LaTeX: DOCUMENTOS ACADÉMICOS E PRESENTACIÓNS

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 3 a 7 de xuño

Dirección: Rosana Rodríguez López

Secretaría: Beatriz Máquez Villamarín

Horas lectivas: 30

Límite de prazas: 60

 

Obxectivos:

Practicar a elaboración de documentos de calidade tipográfica profesional, como artigos, libros, traballos académicos..., transcribindo textos de diferentes ramas de coñecemento dadas as posibilidades de representación de símbolos en ciencias, humanidades, ensinanzas técnicas, etc., e manexando gráficos na composición de materiais diversos, incluíndo a elaboración de presentacións, empregando unha ferramenta estable, multiplataforma, que xera documentos con calidade tipográfica profesional e totalmente gratuíta: LaTeX. A clase Beamer ofrecerá as mesmas posibilidades para a elaboración de presentacións.

 

 

3.- CURSO DE EDUCACIÓN DA VOZ

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 3 a 6, 10 a 13, 17 e 18 de xuño

Dirección: Pablo García Ferradás

Secretaría: Mª Concepción Losada Vázquez

Horas lectivas: 30

Límite de prazas: 15

 

Obxectivos:

Chegar a coñecer un pouco máis a propia voz e o seu funcionamento presentando todas aquelas ferramentas para coidala e sobre todo para potenciala, a través do coñecemento e a aplicación dunha técnica vocal liberadora da voz e deste xeito poder aplicar saudables patróns vocais a súa labor profesional e poder así

- Entender a relación corpo-voz

- Adquirir un tipo respiratorio axeitado para un óptimo funcionamento da voz.

- Mellorar as calidades vocais en xeral: timbre, potencia, etc.

- Acadar un bo nivel de proxección e impostación da voz

- Conseguir unha articulación clara para unha correcta intelixibilidade

- Alcanzar un control da modulación: tempos, intensidades, pausas, énfase, etc.

 

 

4.- Ética e estética da xestión ambiental

CURSO SUSPENDIDO A PETICIÓN DOS ORGANIZADORES

Programa completo

Datas: 10 a 13 de xuño

Dirección: Javier Barcia González

Secretaría: María Aránzazu Serantes

Horas lectivas: 16

Límite de prazas: non

 

Obxectivos:

Exposición das razóns, criterios e valores que se deben considerar desde a Ética e a Estética ambientais, co fin de discriminar e determinar teoricamente os principios normativos preferibles, en razón da súa razonabilidade, que permitan xustificar e guiar as intervencións en positivo que se fagan tanto nos espazos naturais como arquitectónicos urbanos.

 

 

5.- Novos modelos de creación  e financiamento de proxectos de comunicación e cultura. Alternativas para emprendedores e innovadores

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 10 a 14 de xuño

Dirección: Francisco Campos Freire

Secretaría: Xosé Pereira Fariña

Horas lectivas: 30

Límite de prazas: 50

 

Obxectivos:

Abordar a situación de cambio que se está a producir no ámbito das industrias culturais, da comunicación e creativas a través dos novos modelos de negocio e financiamento que impoñen as novas tecnoloxías abrindo novas oportunidades e perfís de negocio para as empresas e os profesionais. Explicaranse  os cambios nos sistemas de financiamento, comercialización e comercio eléctrico. Haberá sesións sobre os novos modelos de negocio da música, do libro electrónico, da prensa dixital de pago, do vídeo e a TV on line, videoxogos, das aplicacións para móbiles e tablets, os cambios na publicidade, sistemas de financiamento, crowfunding, redes sociais e contidos para a Web 2.0 e 3.0. Procurarase abrir novas fiestras de coñecemento e experiencias sobre as oportunidades de negocio e profesionais que presenta nas industrias culturais, da comunicación e creativas para emprendedores, creadores e innovadores.

 

 

6.- XUSTIZA DE RICOS E XUSTIZA DE POBRES: UNHA MIRADA CRÍTICA Á XUSTIZA ESPAÑOLA

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 17 a 21 de xuño

Dirección: Lotario Vilaboy Lois e Gumersindo Guinarte

Secretaría: Evaristo Nogueira Pol

Horas lectivas: 25

Límite de prazas: non

 

Obxectivos:

Este curso pretende constituír un espazo de encontro no que se analicen e debatan as últimas reformas levadas a cabo no noso país no ámbito do sector Xustiza, así como as anunciadas para un futuro inmediato. Os temas que se propoñen destacan pola súa actualidade, ampla repercusión social e carácter polémico, resultando de interese tanto para un amplo abano de colectivos profesionais como para a cidadanía en xeral. Serán abordados desde unha perspectiva plural e multidisciplinar, por expertos que porán en común as súas ideas e experiencias, combinando as exposicións teórico-prácticas co comentario de casos e situacións reais, ao obxecto de poder extraer reflexións e conclusións sobre o estado actual da Xustiza española e as posibles vías de mellora ou solución.

 

 

7.- O medioambiente en Galicia. Unha visión multidisciplinar

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 15 a 18 de xullo

Dirección: José Manuel Vila Abad e Susana López Estévez

Secretaría: María Teresa Pereira Lorenzo

Horas lectivas: 30

Límite de prazas: non

 

Obxectivos:

Sexta edición deste curso que pretende achegar aos estudantes universitarios, profesores de ensino medio, profesionais interesados no tema e ao público en xeral o estado actual da cuestión medioambiental galega desde un punto de vista multidisciplinar: aspectos físicos, químicos e biolóxicos da contaminación, cambio climático, xestión e solución de impactos, lexislación e economía medioambiental, novas enerxías, crecemento sostible, e educación medioambiental.

 

 

8.- Enerxía, cambio climático e sostibilidade: comunidades enerxeticamente autosuficientes

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 15 a 20 de xullo

Dirección: Ángeles López Agüera

Secretaría: João Domingues de Azevedo

Horas lectivas: 35

Límite de prazas: non

 

Obxectivos:

O obxectivo primordial deste curso é valorizar un novo modelo de xestión global e sustentable de recursos como resposta ao cambio climático e á crise enerxética mundial. Trátase de desenvolver o concepto de Comunidades Sustentables e Autosuficientes, estudando as súas vantaxes e inconvenientes fronte a outras propostas actuais (Transition Towns, Smart Cities, Ecoaldeas e outras). Así, procurarase adquirir os coñecementos suficientes para valorar e cuantificar a situación enerxética mundial con especial fincapé nas desigualdades entre países; describir os efectos asociados ao cambio climático e as súas evidencias; desagregar as propostas actuais de resposta tanto á crise enerxética como ao cambio climático, a nivel gobernamental, social, económico e asistencial; definir as posibilidades tecnolóxicas asociadas ás enerxías renovables que poden utilizarse para combater o cambio climático e crise enerxética e, finalmente, realizar cálculos sinxelos de avaliación de necesidades enerxéticas e hídricas así como de dimensionado de solucións tecnolóxicas sinxelas.

 

 

9.- A mediación de actualidade: mediación en asuntos civís e mercantís e mediación penal

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 16 a 19 de xullo

Dirección: Raquel Castillejo Manzanares

Secretaría: Cristina Alonso Salgado

Horas lectivas: 30

Límite de prazas: non

 

Obxectivos:

Dende hai varias décadas, fálase no Estado español da crise da Administración de Xustiza. Neste sentido, e motivado pola normativa europea, o Estado español ven de aprobar unha Lei de importancia nada desdeñable, a Lei 5/2012, de 6 de xullo, de mediación en asuntos civís e mercantís. Esta Lei está chamada a desenvolver un papel salientábel non só pola aposta por un método alternativo de resolución de conflitos, a mediación, senón porque o seu obxecto, centrado en asuntos civís e mercantís, atopa na actual crise económica, un terreo fértil para un próspero desenvolvemento. En liña converxente, pódese falar da mediación no proceso penal. Son moitas as dúbidas sobre o que acontecerá e como se acometerán as mudanzas dende o punto de vista técnico-xurídico e as conseguintes repercusións no eido xurídico, de aí a pertinencia deste curso, centrado fundamentalmente en botar luz sobre dous aspectos temáticos xurídicos actuais e polémicos.

 

 

10.- Big Data and Data Science

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 16 a 19 de xullo

Dirección: Tomás Fernández Pena e José Ramón Ríos Viqueira

Secretaría: José Manuel González Chenlo e María Tenorio Miranda

Horas lectivas: 33

Límite de prazas: 60

 

Obxectivos:

Nos próximos anos espérase que as organizacións se vexan inundadas por unha cantidade inxente de información. O novo cuño para o manexo e análise deste mar de información é Big Data & Data Science (BD & DS). Este curso de verán propón repasar o mundo do BD & DS combinando as perspectivas científicas e tecnolóxicas, analizando o seu futuro e principais aplicacións: situación actual do BD & DS; as principais liñas de investigación e tecnolóxicas asociadas a BD & DS; os principais dominios de aplicación de BD & DS, discutindo as complexidades e necesidades destes dominios; o impacto das tecnoloxías de BD & DS no futuro da economía e da sociedade, así como presentar as ferramentas mais estendidas de BD & DS (Hadoop, Cassandra, Lucene, Weka, etc.).

 

 

11.- Curso de toponimia: interpretación e actuación

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 16 a 19 de xullo

Dirección: Ana Isabel Boullón Agrelo

Secretaría: Gonzalo Hermo González

Horas lectivas: 30

Límite de prazas: non

 

Obxectivos:

Este curso pretende proporcionar unha formación sobre o ámbito da toponimia que non se ofrece habitualmente nos curricula universitarios dos graos e dar a coñecer a historia da conformación toponímica do territorio, as implicacións da toponimia con outras disciplinas (xeografía, marco xurídico, arqueoloxía e paisaxe, antropoloxía, literatura..) e incentivar a realización de actividades de recollida toponímica e de normalización lingüística.

 

 

12.- Innovación e prácticas científicas na aula de ciencias

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 16 a 19 de xullo

Dirección: Blanca Puig Mauriz

Secretaría: Beatriz Crujeira Pérez e Paloma Blanco Anaya

Horas lectivas: 30

Límite de prazas: 90

 

Obxectivos:

Este curso pretende traballar distintos aspectos da competencia científica: o uso de probas e a construción de argumentos en distintas disciplinas de ciencias, uso e avaliación de modelos de indagación, levar a cabo experiencias innovadoras no ensino de ciencias e actividades centradas no desenvolvemento das competencias científicas, tomar conciencia dos cambios que supón o ensino centrado en competencias, presentar materiais e estratexias ao profesorado de ciencias para crear ambientes que promovan o desenvolvemento das prácticas científicas e reforzar os vínculos entre a investigación educativa e a práctica docente.

 

 

13.- A loita contra a fraude fiscal nun contexto de crise económica: últimas propostas españolas e europeas

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 17 a 19 de xullo

Dirección: Amelia González Méndez e Juan J. Nieto Montero

Secretaría: José Manuel Iglesias Casais

Horas lectivas: 20

Límite de prazas: non

 

Obxectivos:

Este curso pretende analizar a incidencia da actual crise económica na adopción de actuacións de prevención e loita contra a fraude fiscal para a contención do déficit público, estudar as recentes medidas adoptadas en España: a Lei 7/2012 (de prevención e loita contra a fraude fiscal) e a Lei Orgánica 7/2012 (pola que se modifica o Código Penal en materia de loita contra a fraude fiscal), analizar a súa viabilidade e eficacia para loitar contra prácticas fraudulentas, estudar a realidade da fraude e a evasión fiscais na UE e avaliar as medidas adoptadas no eido da Unión Europea para afrontar esta realidade.

 

 

14.- Fiscalidade do fútbol

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 18 a 19 de xullo

Dirección: César García Novoa e Soraya Rodríguez Losada

Secretaría: Consuelo Ferreiro Regueiro

Horas lectivas: 15

Límite de prazas: 400

 

Obxectivos:

Este curso pretende promover a reflexión sobre a tributación do fútbol.

 

 

15.- VI Leccións Xacobeas Internacionais da USC: a rehabilitación do Camiño de Santiago

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 17 a 20 de xullo

Dirección: Miguel Taín Guzmán

Secretaría: Paula Pita Galán

Horas lectivas: 30

Límite de prazas: 150

 

Obxectivos:

As VI Leccións  Xacobeas queren achegar os resultados das últimas investigacións de temática xacobea que se están a levar a cabo tanto na USC coma noutros centros de investigación nacionais e internacionais, tendo coma fío condutor a Diáspora Xacobea.

 

 

16.- O corpo a debate: diversidade nos mecanismos, prácticas e avatares da corporalidade como inscrición social

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 29 de xullo a 1 de agosto

Dirección: Xosé Antonio Neira Cruz

Secretaría: Enrique Latorre Ruíz

Horas lectivas: 32

Límite de prazas: non

 

Obxectivos:

Promover a creación dun espazo de reflexión radical arredor do que supón ter/ser un corpo, vivir a través dun corpo, sentir a partir dun corpo e falar cun corpo.

Proporcionar as ferramentas para (re)pensar a corporalidade nun diálogo interdisciplinar entre a ciencia contemporánea, a filosofía de vangarda e a arte como orbe autónomo.

Indagar nos mecanismos de (de)construción da(s) identidade(s) a través do corpo.

Pescudar no papel da linguaxe como medio de representación dos corpos no entorno social.

Reflexionar sobre o corpo como política, así como sobre a función que desempeña o poder na súa constitución (biopoder).

Desenmascarar a lóxica do biopoder como dominio dos corpos e a violencia sobre os corpos “diferentes”

Analizar a potencialidade do corpo como vehículo artístico de primeira magnitude: as identidades inmóbiles subvertidas polo devir estético dos corpos.

 

 

17.- Atmosfera, clima e raios cósmicos

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 2 a 5 de setembro

Dirección: Juan A. Garzón Heydt

Horas lectivas: 28

Límite de prazas: 50

 

Obxectivos:

Facer unha introdución á atmosfera terrestre e aos principais fenómenos da

mesma que afectan ou están relacionados co clima e, a partir das principais

características da dinámica atmosférica, mostrar algunhas nocións das técnicas de predición meteorolóxica.

Facer unha introdución aos chamados raios cósmicos, as súas propiedades e o seu interese, tanto no estudo da evolución histórica do clima como polo seu posible uso para a medida da temperatura da estratosfera.

Percorrer a evolución do clima e as súas causas. En concreto, expor a teoría que propón unha posible influencia dos raios cósmicos no clima e discutir os resultados experimentais recentes obtidos en laboratorio.

Mostrar aos participantes as instalacións meteorolóxicas de Meteogalicia, en Santiago de Compostela, con asistencia ao lanzamento dun globo sonda e

demostración, na Facultade de Física da USC, dun equipo para a detección de raios cósmicos.

 

 

18.- A prestación de servizos sanitarios ante os retos do século XXI

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 2 a 5 de setembro

Dirección: Belén Trigo García e Amalia Puga Martínez

Secretaría: Miguel Vieito Villar

Horas lectivas: 32

Límite de prazas: non

 

Obxectivos:

Na terceira edición deste curso de verán, abórdanse aspectos concretos que non puideron ser tratados con anterioridade, afondando nalgunhas cuestións de especial interese e abordando cuestións de actualidade e interese práctico. En concreto, esta edición tratará un aspecto de gran relevancia na prestación de servizos sanitarios como son os eventos adversos, tanto desde a perspectiva da prevención e xestión de riscos, como desde a perspectiva da esixencia de responsabilidade e aseguramento.

 

 

19.- O espírito científico do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936) e a paideia cultural do galeguismo da “Época Nós”. Esculcas de homenaxe no seu noventa aniversario

CURSO SUSPENDIDO A PETICIÓN DOS ORGANIZADORES

Programa completo

Datas: 2 a 5 de setembro

Dirección: Lourenzo Fernández Prieto, Camilo Fernández Valdehorras e Alfonso Mato Domínguez

Secretaría: María Xesús Martínez

Horas lectivas: 29

Límite de prazas: 150

 

Obxectivos:

O vindeiro mes de outubro do 2013 conmemórase o 90 aniversario da fundación en Santiago de Compostela do vello Seminario de Estudos Galegos centro que xerou un “espírito científico galeguista”, que configurou a primeira “comunidade científica galega”, que fundamentou a “Paideia da alta cultura galega e galeguista” e que supuxo a primeira intención internacionalizadora dos estudos científicos sobre Galicia.

Así, este curso de verán pretende avaliar co debido rigor a identidade, as funcións, o patrimonio material e inmaterial, o valor e a significación científica do insigne Seminario de Estudos Galegos: a súa historia interna, o seu elenco intelectual, o abano das súas actividades científicas, as contribucións pedagóxicas, sociopolíticas e socioculturais; así como, sobre todo, o corpus cultural época que conformaron as súas publicacións e actividades investigadoras, sen descoidar as súas relacións e intercambios científicos con entidades doutras cidades hispánicas, peninsulares e europeas.

 

 

20.- Curso técnico-práctico en enerxía solar fotovoltaica

CURSO SUSPENDIDO A PETICIÓN DOS ORGANIZADORES

 

Datas: 2 a 6 de setembro

Dirección: Ángeles López Agüera

Secretaría: Vanessa Miramontes

Horas lectivas: 35

Límite de prazas: 50

 

Obxectivos:

Capacitar ás persoas asistentes ao curso a desenvolver calquera tipo de proxecto e traballo relacionado coa enerxía solar fotovoltaica aplicada na xeración de enerxía eléctrica para usos illados ou conectados á rede de subministración eléctrica.

Estudar as vantaxes e inconvenientes da enerxía solar fotovoltaica respecto ao resto das enerxías renovables.

Determinar os elementos integrantes das instalacións solares fotovoltaicas de conexión a rede e das instalacións fotovoltaicas illadas.

Coñecer os parámetros típicos que afectan o deseño dos compoñentes dunha instalación solar fotovoltaica de xeración de enerxía eléctrica.

Aprender a metodoloxía de dimensionado dos sistemas de xeración de electricidade baseados en módulos solares fotovoltaicos.

Calcular os distintos compoñentes dos sistemas solares fotovoltaicos: módulos fotovoltaicos, reguladores de carga, baterías, investidores, cableado, proteccións eléctricas, etc.

Manexar as táboas de datos necesarias para o cálculo e dimensionado dos sistemas fotovoltaicos: datos de radiación solar, táboas de caídas de tensión, selección de seccións do condutor, etc.

Realizar estudos sinxelos de viabilidade económica, técnica e ambiental.

Coñecer as tendencias en I+D+i , os set-up experimentais e algunhas das firmas punteiras no sector.

 

 

21.- O xardín atlántico e a xardinería sostible na Galicia do século XXI

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 4 e 5 de setembro

Dirección: María Jesús Sainz Osés e Carmen Salinero Corral

Secretaría: María Isabel Iglesias Díaz e Pilar Vela Fernández

Horas lectivas: 15

Límite de prazas: non

 

Obxectivos:

Coñecer o patrimonio vexetal nos xardíns atlánticos de Galicia e as novas tendencias da xardinería que se orientan ao deseño de novos tipos de xardín, a conservación da biodiversidade e a utilización sostible de recursos.

 

 

22.- Cartografías das resistencias: transformacións da praxe política ou as revoltas globais

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 4 e 5 de setembro

Dirección: Francisco Conde Soto

Secretaría: Álvaro Otero González

Horas lectivas: 16

Límite de prazas: non

 

Obxectivos:

Trazar unha panorámica xeral da nosa actualidade política poñéndoa en relación co pensamento filosófico recente.

Pensar o xeito en que se institúe ou constitúe a realidade como un proceso dinámico de discursos e accións.

Detectar e prever condutas ideoloxizadas froito de determinados posicionamentos políticos.

Debater da man de investigadores cualificados as cuestións máis delicadas da situación política e filosófica actual.

Favorecer o diálogo interdisciplinar entre afeccionados e especialistas en distintas materias de ciencias sociais.

 

 

 

LUGO

 

23.- Literatura científica: da redacción á publicación

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 3 a 7 de xuño

Dirección: Manuel Vázquez Vázquez

Secretaría: Julia Cantalapiedra Álvarez

Horas lectivas: 30

Límite de prazas: 60

 

Obxectivos:

Dar a coñecer o sistema de publicación científica aos futuros investigadores, así coma a situación actual e posibilidades futuras. Tratarase todo tipo de literatura científica, desde artigos a patentes, pasando por redacción de teses e comunicacións a congresos. Inclúense sesións practicas ou talleres, onde os alumnos aprenderan a procura de información no WOK, os sistemas de citas, o uso de sistemas de xestión de información, de xestores de referencias (refworks) e taller con editor de revista para revisar manuscritos dos alumnos.

 

 

24.- Nutrixenómica e nutrixenética: a alimentación do futuro?

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 4 e 5 de xuño

Dirección: Alberto Cepeda Sáez e Carlos Manuel Franco Abuín

Secretaría: José Manuel Miranda López

Horas lectivas: 15

Límite de prazas: non

 

Obxectivos:

Proporcionar unha actualización no coñecemento acerca das novas tendencias en alimentación humana e sobre a influencia da xenética nas terapias relacionadas coa alimentación.

E tamén un obxectivo destas xornadas promover a colaboración entre os grupos investigadores do Campus de Lugo que traballan na área de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e a Nutrición con investigadores de prestixio, especialmente pertencentes á area da medicina, da alimentación e do Centro Superior de Investigacións Científicas, que participarán nas xornadas coma relatores.

 

 

25.- Agroecoloxía e gobernanza da auga

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 5 a 7 de xuño

Dirección: Xan Neira Seijo

Secretaría: Tomás Cuesta García

Horas lectivas: 25

Límite de prazas: non

 

Obxectivos:

Dar a coñecer os factores que inciden no uso da auga na agricultura, así como as consecuencias deste uso de cara a calidade da auga de abastecemento e a súa influencia na ecoloxía dos cursos de auga. A pesca deportiva e o turismo rural constitúense nunhas importantes actividades económicas. Estes sectores veñen sendo un importante axente na conservación dos ecosistemas fluviais. Polo tanto poden establecerse interesantes sinerxías, de cara a preservar a biodiversidade fluvial, que é interesante analizar. Neste contexto a elaboración de guías de recursos naturais pode ser un favorable instrumento de cara a unha axeitada xestión do territorio.

 

 

26.- Planificación para o desenvolvemento de sistemas alimentarios locais e agricultura urbana

CURSO SUSPENDIDO A PETICIÓN DOS ORGANIZADORES

Programa completo

Datas: 15 a 17 de xullo

Dirección: Rafael Crecente Maseda e David Miranda Barrós

Secretaría: Andrés Manuel García Lamparte

Horas lectivas: 22

Límite de prazas: 50

 

Obxectivos:

O presente curso vai destinado a difundir entre as persoas vinculadas ao planeamento, as bondades dos sistemas alimentarios locais como precursores da sustentabilidade nunha determinada área xeográfica. Neste senso, amosarase como telos en conta á hora de facer un plan ou utilizalos para aproveitar as potencialidades dunha área para aumentar a súa resiliencia ante as incertezas que o contexto actual de crise, cambio climático e diminución das reservas de petróleo impoñen.

 

 

27.- Xestión sustentable do monte: os sistemas agroforestais

CURSO SUSPENDIDO A PETICIÓN DOS ORGANIZADORES

Programa completo

Datas: 22 a 24 de xullo

Dirección: Antonio Rigueiro Rodríguez e María Rosa Mosquera-Losada

Secretaría: Nuria Ferreiro Domínguez e Esther Fernández Núñez

Horas lectivas: 23

Límite de prazas: non

 

Obxectivos:

Dar a coñecer os principais tipos de sistemas agroforestais no territorio galego e as vantaxes da súa implementación dende unha perspectiva produtiva e medio ambiental. A valoración dos produtos do monte potencia o uso deste territorio, a súa apreciación e o seu coidado que á súa vez proporciona unha serie de beneficios ambientais e que están politicamente promovidos en diferentes partes do mundo. Unha das vantaxes de emprego destes tipos de sistemas en Galicia e a prevención de incendios forestais, a conservación da biodiversidade e a potenciación do secuestro de carbono.

Neste curso preténdese integrar a visión dos distintos axentes implicados para promover a implementación ou mellora de xestión deste tipo de sistemas.

 

 

28.- Compostaxe. AGROECOLOXÍA e cambio climático

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 23 e 24 de xullo

Dirección: Xan Neira Seijo e Anna Cervera Iglesias

Horas lectivas: 15

Límite de prazas: non

 

Obxectivos:

Apostar por promover o uso da compostaxe de materia orgánica como método de xestión de residuos agrarios e orgánicos e da agricultura ecolóxica para reducir os efectos do cambio climático.

Utilizar a compostaxe orgánica, prescindir do uso de abonos químicos de síntese e fomentar campañas de educación e promoción da agricultura ecolóxica son tres das medidas de loita contra o cambio climático.

Cómpre que os agricultores diminúan o uso de fertilizantes químicos, que xeran un maior consumo enerxético, desprenden grandes cantidades de dióxido de carbono á atmosfera e supoñen maiores gastos de transportes.

A compostaxe serve para mellorar a estrutura do chan, xa que facilita a captación e retención tanto da auga coma do osíxeno, ademais de supoñer unha excelente fonte de almacenamento de carbono.

 

 

29.- As plantas medicinais no desenvolvemento sostible das reservas da biosfera Terras do Miño e os Ancares Lucenses

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 29 de xullo a 1 de agosto

Dirección: Rosa Romero Franco e Antonio Rigueiro Rodríguez

Secretaría: Ruth Barros Camba

Horas lectivas: 30

Límite de prazas: non

 

Obxectivos:

Tratarase de dar unha visión sobre as plantas e fungos medicinais desde diferentes aspectos, afondando nos que podemos atopar en Galicia e naqueles aspectos que poidan ser contemplados como un recurso económico complementario no medio rural galego, e especialmente nos espazos protexidos, como as Reservas da Biosfera, contribuíndo así ao desenvolvemento rural nestas zonas. Neste curso intentarase sensibilizar aos asistentes en relación coa necesidade de realizar o aproveitamento destes recursos dunha forma sostible, mediante a recolección controlada e/ou da domesticación en cultivo das especies que están a ser máis demandadas.

 

 

30.- Xornadas sobre a propiedade da terra en Galicia. Implicacións para a xestión da terra e a xestión urbanística

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 2 a 4 de setembro

Dirección: Rafael Crecente Maseda e David Miranda Barrós

Secretaría: José Mª Tubío Sánchez

Horas lectivas: 23

Límite de prazas: 50

 

Obxectivos:

Aínda que o estudo da propiedade en Galicia xa ten unha certa tradición no ámbito agrario, segue habendo pouco coñecemento ou conciencia das implicación que ten noutros ámbitos. O principal obxectivo do curso é, polo tanto, tratar de unir as principais disciplinas que se ocupan da ordenación do territorio en Galicia e analizar por primeira vez desde unha perspectiva multidisciplinar as implicacións que a estrutura da propiedade en Galicia (entendida tamén como concepción social) ten en catro grandes eidos que son clave para a ordenación do territorio: a xestión urbanística, a xestión de terras agrícolas, a valoración de terras e a planificación de recursos naturais e paisaxísticos. O presente curso trata de formular dúas preguntas en cada un deses ámbitos que son piares básicos da ordenación do territorio: 1) Determinar se a estrutura da propiedade en Galicia representa un

problema dentro de cada un 2) Que innovacións técnicas e novas prácticas se están desenvolvendo en Galicia que permitan mellorar a xestión en cada un deses ámbitos.

 

 

 

GUITIRIZ

 

31.- O cancro e as súas causas: sustancias tóxicas no ambiente doméstico e estilos de vida como factores de risco emerxentes

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 15 a 17 de xullo

Dirección: Salvador Ramos Rey e Mª Lourdes Vázquez Odériz

Secretaría: Rodrigo Peña Fernandez

Horas lectivas: 20

Límite de prazas: non

 

Obxectivos:

Recoñecer a importancia do cancro como un problema socio-sanitario de primeira magnitude.

Identificar os factores de risco relacionados cos hábitos de vida e o medioambiente doméstico.

Valorar a necesidade de pór en marcha programas de educación para a saúde que permitan á poboación diminuír a súa exposición a estes factores de risco.

Sensibilizar ao profesionais socio-sanitarios e aos educadores na importancia da prevención do cancro e na promoción da saúde.  

Facilitar a información e os recursos necesarios para que as persoas afectadas por cancro poidan modificar os seus hábitos diarios, adoptando estilos de vida saudables. 

Mostrar as iniciativas máis innovadoras que se están levando a cabo nestes ámbitos.

Convivir, dialogar e compartir experiencias, durante o seminario, entre profesionais (presentes e futuros), pacientes e familiares.

 

 

32.- A paisaxe na historia

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 17 a 19 de xullo

Dirección: Rogelio Pérez Moreira

Secretaría: Francisco Javier López González

Horas lectivas: 22

Límite de prazas: non

 

Obxectivos:

A paisaxe é un proceso, un devalar nos seus ritmos e tempos constitutivos, cósmico, biolóxico e histórico. A súa cambiante fisionomía reconstrúese constantemente sobre si mesma, superpoñéndose ao natural o cultural.

A paisaxe herdada é, pois, depositaria da historia, resultado de cambiantes factores

ambientais, socioeconómicos e socioculturais. Polo mesmo, o seu paso a paso histórico préstase a diferentes miradas, científicas ou humanísticas, desde o sentimento ou a razón. O noso propósito é propiciar este diálogo interdisciplinario entre as diferentes olladas á paisaxe desde o punto de vista da historia.

 

 

 

LALÍN

 

33.- IX Novas fronteiras na igualdade de oportunidades 2.0: a escola da comunicación igualitaria

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 16 a 19 de xullo

Dirección: Mª José Méndez Lois e Mª Jesús Payo Negro

Secretaría: Celso Taboada Lorenzo

Horas lectivas: 30

Límite de prazas: 350

 

Obxectivos:

Promover a participación e integración entre escola e comunidade para detectar os problemas educativos e sociais que os afectan e aportar alternativas de solución.

Facilitar o encontro de profesionais dos distintos ámbitos de intervención relacionados coa igualdade de oportunidades.

Entender as relacións existentes entre familia, escola, comunicación social e igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Debater sobre a educación en igualdade nos ámbitos educativo e social.

Coñecer e analizar boas prácticas para o desenvolvemento de actuacións igualitarias na escola mediante a revisión das ferramentas habitualmente empregadas e a análise de novas propostas.

Incrementar o número de homes e promover o cambio de mentalidades, actitudes e prácticas en relación cos procesos educativos que favorezan a comunicación igualitaria.

Dispoñer de recursos (simbólicos, semánticos, gramaticais, etc) para articular alternativas á comunicación sexista, racista, homófoba, etc.

Capacitar ao alumnado no manexo de técnicas para rachar cos estereotipos sexistas e evitar a súa reprodución.

Fomentar un uso seguro, responsable e saudable de internet e das diferentes redes

sociais, fomentando as oportunidades e reducindo as ameazas.

Facilitar ao profesorado e ás familias o coñecemento de potenciais perigos do uso das redes sociais (contacto con persoas estrañas, ciberbullying, acceso a contidos nocivos,...) así como o establecemento de medidas e estratexias de protección.

 

 

 

MEIRA

 

34.- Biomasa forestal e bioenerxía

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 22 a 26 de xullo

Dirección: Roque Rodríguez Soalleiro

Secretaría: Xurxo Proupín Castiñeiras

Horas lectivas: 32

Límite de prazas: 55

 

Obxectivos:

Presentar a situación actual, achegar información práctica e difundir as posibilidades de futuro e aproveitamento actual da biomasa forestal para uso enerxético no ámbito do Noroeste Ibérico, e máis en concreto na provincia de Lugo. Abordarase a produción, cuantificación, recolección, transporte, comercialización e uso enerxético de biomasa forestal de diferentes tipos, incidindo en particular no uso térmico de biocombustibles sólidos como leñas, achas e densificados como pélets e briquetas. O curso terá énfase no uso de biomasa en sistemas de calefacción, auga quente sanitaria e climatización renovable nos ámbitos doméstico e municipal, aínda que se tratará tamén o ámbito industrial e as perspectivas de desenvolvemento tecnolóxico.

 

 

 

RIBADEO

 

35.- Arte e patrimonio na Mariña lucense. O Camiño e os camiños da arte

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 17 a 19 de xullo

Dirección: Ana E. Goy Diz e Antonio Garrido Moreno

Secretaría: Diego Rodríguez Paz

Horas lectivas: 25

Límite de prazas: non

 

 

Obxectivos:

Tomando como marco espacial o territorio da Mariña lucense, a actividade que se presenta ten como obxectivo fundamental a reflexión sobre a Arte e o Patrimonio Cultural desta comarca vinculado tanto ao Camiño Norte como ao resto dos camiños que ao longo da historia marcaron o noso desenvolvemento cultural, afondando na súa singularidade dentro da arte galega, ao tempo que se abordan cuestións relacionadas coa xestión patrimonial.

 

 

 

RIBEIRA

 

36.- A tradición impresa. A arte galega a través da imprenta, as bibliotecas e as estampas

Programa completo MATRICÚLATE

Datas: 22 a 24 de xullo

Dirección: José Manuel López Vázquez e Juan Manuel Monterroso Montero

Secretaría: Adrián Hiebra Bardo

Horas lectivas: 30

Límite de prazas: 60

 

Obxectivos:

A tradición impresa é fundamental para comprender a arte galega dende a Idade Moderna ata o momento actual. Tanto se se trata das bibliotecas dos arquitectos e artistas, como da importancia dos textos escritos ou as estampas que serviron de inspiración para as súas creacións, a labor da imprenta pódese considerar clave para a transmisión deses coñecementos. Así mesmo no momento actual, tanto a creación artística como a creación dunha conciencia patrimonial, susténtase no poder que a imaxe posúe como potencial transmisor de ideas e modelos culturais.

Entre os seus obxectivos atópanse os seguintes:

1.- Dar a coñecer o patrimonio gráfico galego.

2.- Poñer en relación a arte galega co mundo da estampa e do gravado europeo.

3.- Recoñecer os procesos de migración das ideas e as relación interculturais a través da arte.

4.- Poñer en valor os fondos da colección do Museo do Gravado e a Estampa Dixital de Artes.

 

 

 

 

SEOANE DO COUREL

 

37.- VIII CURSO DE CONSERVACIÓN DO COUREL. Unha ollada ao interior dos soutos: estudo práctico da riqueza biolóxica dos bosques de castiñeiro

CURSO SUSPENDIDO A PETICIÓN DOS ORGANIZADORES 

Programa completo

Datas: 17 a 20 de xuño

Dirección: Javier Guitián Rivera

Secretaría: Paula Domínguez Lapido

Horas lectivas: 28

Límite de prazas: 40

 

Obxectivos:

Trátase dunhas xornadas prácticas que pretenden ensinar aos alumnos as técnicas básicas de estudo da riqueza biolóxica dos bosques de castiñeiro, centrándose no estudo das plantas vasculares e de determinados grupos de animais (aves, ratos, etc).      

De xeito concreto, os obxectivos son que os alumnos:

Empreguen técnicas para describir a estrutura e características espaciais dos bosques de Castanea sativa.

Se familiaricen coas técnicas de mostraxe de plantas e animais (inventarios, censos, trampeos)

Sexan capaces de relacionar a riqueza biolóxica coas características dos diferentes bosques.

Formulen un diagnóstico, en función dos resultados, sobre as posibles medidas de xestión dos soutos

 

 


 

 

NORMAS REGULADORAS E INSTRUCIÓNS

 

A inscrición nunha actividade da Universidade de Verán 2013 implica a aceptación destas normas.

 

 

DIPLOMA DE ASISTENCIA E CRÉDITOS

Os/as asistentes a cursos de verán terán dereito a un diploma no que constarán o título do curso, o número de horas e a asistencia.

Os/as estudantes da USC recibirán, se marcan a casiña correspondente ao formalizar a matrícula, créditos de libre elección ou optativos.

É requisito para obter a cualificación de "apto" e así recibir tanto o diploma como os créditos, a asistencia regular, cando menos, ao 80% das horas lectivas. Cada director/a de curso establecerá o control da dita asistencia que quedará reflectida nunha acta. Os/as asistentes que obteñan a cualificación de "apto" recibirán o diploma e, se é o caso, o certificado de crédito no último día de celebración do curso.

 

A USC recoñece créditos para os cursos da Universidade de Verán 2013 coa seguinte equivalencia:

 

Para as diplomaturas, mestres, enxeñarías, enxeñarías técnicas e licenciaturas (créditos de libre elección):

2 créditos por cada curso de 30 ou máis horas

1 crédito por cada curso de menos de 30 horas

 

Para as titulacións de Grao adaptadas ao EEES (créditos optativos, cun máximo de 6 créditos recoñecibles por actividades de representación estudantil, actividades deportivas, actividades culturais e actividades solidarias e de cooperación):

2 créditos por cada curso de 25 ou máis horas

1 crédito por cada curso de menos de 25 horas

 

 

 

IMPORTE DA MATRÍCULA

 

Taxa xeral

cursos de 30 ou máis horas lectivas: 120 €*

seminarios e xornadas de menos de 30 horas: 70 €*

 

Taxa reducida, aplicable a estudantes de calquera universidade ou en estudos de formación profesional ou bacharelato, pensionistas, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC

cursos de 30 ou máis horas lectivas: 70 €*

seminarios e xornadas de menos de 30 horas: 40 €*

 

*Todas as persoas, nacionais ou estranxeiras, que non están cubertas polo seguro escolar obrigatorio do INSS, por non teren formalizado matrícula en estudos oficiais na USC no curso académico 2012-13 ou ben, sendo alumnos/as da USC neste curso 2012-13, son de nacionalidade estranxeira ou nacionais maiores de 28 anos e non teñan contratado este seguro nos estudos nos que formalizaron matrícula, deben subscribir, a parte do importe da matrícula do curso de verán, o seguro obrigatorio de accidentes e asistencia en viaxe que ten un custo de 15 €. A liquidación do importe do seguro farase no momento de realizar a matrícula, liquidándose xunto a esta e terá validez para todos os cursos de verán que se realicen no ano 2013.

 

En ningún caso será posible a devolución de taxas unha vez realizada a matrícula, agás pola suspensión do curso.

 

 

PRAZO DE MATRÍCULA

 

Ábrese o prazo:

En liña por internet, a partir do 6 de maio

Presencial, a partir de 15 de maio

 

Acaba o prazo, secuencialmente:

 

o 24 de maio, para os cursos que se celebran na semana do 3 de xuño

o 31 de maio, para os cursos que se celebran na semana do 10 de xuño

o 7 de xuño, para os cursos que se celebran na semana do 17 de xuño

o 5 de xullo, para os cursos que se celebran na semana do 15 de xullo

o 12 de xullo, para os cursos que se celebran na semana do 22 de xullo

o 19 de xullo, para os cursos que se celebran na semana do 29 de xullo

o 30 de agosto, para os cursos que se celebran na semana do 2 de setembro.

 

O pagamento da matrícula debe realizarse dentro dos CINCO DÍAS NATURAIS de facer a inscrición. En caso contrario, a inscrición quedará anulada.

 

NON SERÁ POSIBLE MATRICULARSE FÓRA DESTES PRAZOS.

 

 

FORMALIZACIÓN DA MATRÍCULA

A matrícula poderá formalizarse de tres maneiras:

1.- Por internet
2.- Presencial
3.- Por correo ordinario

 

1.- Por internet

A persoa interesada premerá a ligazón "MATRICÚLATE" que ven xunto ao título do curso no que se quere matricular na relación que está máis abaixo e seguirá as instrucións.

Terá cinco días naturais para realizar o pagamento, en caso contrario a inscrición quedará anulada.

En todo caso, deberase remitir copia do resgardo do pagamento selado pola entidade bancaria ao fax nº 881 811208, escaneado ao enderezo electrónico cursosdeveran@usc.es ou presentalo persoalmente en calquera dos dous centros de matriculación da Universidade de Verán (Santiago ou Lugo).

 

2.- Presencial

A persoa interesada dirixirase a un dos dous centros de matriculación de Cursos de Verán. Logo de comprobar se hai prazas no curso ou cursos nos que se quere matricular e de formalizar os seus datos persoais, daráselle unha folla de liquidación con dous impresos (unha para o interesado e outra para a entidade bancaria) para realizar o pagamento da taxa en calquera oficina das entidades bancarias colaboradoras (Novagalicia Banco, La Caixa, Caixa Rural Galega e Banco Santander).

Terá cinco días naturais para realizar o pagamento, en caso contrario a inscrición quedará anulada.

En calquera dos casos (sexa un curso con límite de prazas ou non), deberase remitir copia do resgardo do pagamento selado pola entidade bancaria ao fax nº 881 811208, escaneado ao enderezo electrónico cursosdeveran@usc.es ou presentalo persoalmente en calquera dos dous centros de matriculación da Universidade de Verán (Santiago ou Lugo).

 

Documentación que hai que presentar

- membros da comunidade universitaria da USC (estudantes, PDI ou PAS): nº de DNI

- estudantes doutras universidades ou de centros de FP e Bacharelato: orixinal ou fotocopia da folla de liquidación de taxas de matrícula no curso 2012-13 ou da de exención de taxas, da credencial de bolseiro de investigación ou do certificado do departamento de estar a realizar un mínimo de 20 horas semanais de traballo de investigación

- persoas desempregadas: orixinal ou fotocopia do cartón de desemprego

 

3.- Por correo ordinario

No caso de imposibilidade de formalizar a matrícula en persoa ou por internet, poderase facer por correo. Para isto, é preciso poñerse en contacto telefónico cunha das dúas secretarías de Universidade de Verán, onde se lle informará do procedemento a seguir.

 

 

 

CENTROS DE MATRICULACIÓN E INFORMACIÓN

 

Campus de Compostela:
Secretaría da Universidade de Verán

Área de Cultura
Colexio de San Xerome
Praza do Obradoiro s/n
Teléfono 881 811018 e 881 811103

Fax nº 881 811208

 

Campus de Lugo:
Secretaría da Universidade de Verán

Área de Cultura do Campus de Lugo
Pazo de Montenegro, Praciña da Universidade
Teléfono
982 821513

Fax nº 982 821506

 

cursosdeveran@usc.es

 

 

Reitoría da USC
Colexio de San Xerome
Praza do Obradoiro, s/n
15782 Santiago de Compostela
Teléfono: +34 881 811 000
Logotipo de Universia Universia   Logotipo da Unitenda Unitenda   Logotipo do Grupo Compostela
Vicerreitoría de Coordinación
do Campus de Lugo
Praza Pío XII, 3
27001 Lugo
Teléfono: +34 982 820 000