Facultade de Psicoloxía
Address
Rúa Xosé María Suárez Núñez, s/n. Campus sur.
15782 Santiago de Compostela
Go to the own Web
Welcome
Contacto:
Decanato: correo-e: zpsideca@usc.es
teléfono: 981.563.100, ext. 13719
Xestora Académica: 981.563.100, ext. 13899
Esta páxina web pretende ser un instrumento de orientación sobre a oferta formativa da Facultade de Psicoloxía da USC, a súa organización, procedementos e normas. Está dirixida, fundamentalmente, aos/ás estudantes, e ás persoas interesadas en cursar estudos de Psicoloxía.
A Facultade de Psicoloxía da USC, creada en 1991, é única no Sistema Universitario Galego. Os estudos de Psicoloxía comezaron no curso 1973-74. O plan de estudos actual está vixente desde 2001; consta de 300 créditos (5 cursos), e dá lugar ao título de "Licenciado/a en Psicoloxía".
A Psicoloxía pódese contemplar desde unha triple faceta: unha disciplina científica, unha titulación académica e un ámbito de actividade profesional.
Como disciplina científica, a Psicoloxía ocúpase do estudo científico de cómo as persoas perciben, sinten, pensan e actúan.
Desde o punto de vista académico cómpre destacar as dimensións docente e de investigación. A formación en Psicoloxía, contemplada no plan de estudos, trata de conxugar os coñecementos precisos sobre os procesos psicolóxicos, os seus condicionantes biolóxicos, evolutivos e socioculturais; así como o coñecemento dos métodos e técnicas científicas que serven para avanzar no coñecemento psicolóxico. Todos eles son contidos fundamentais das materias que configuran o primeiro ciclo da titulación (1º, 2º e 3º cursos). No segundo ciclo (4º e 5º cursos) intégranse as materias relacionadas cos grandes ámbitos de aplicación da Psicoloxía: o clínico, o educativo e de intervención no desenvolvemento, e o do traballo e as organizacións. Mais tamén se ofertan materias optativas abertas cara novas áreas de actuación. Cómpre salientar a relevancia do Prácticum, pois permite aos/ás estudantes ter unha experiencia directa, en diversos centros concertados, do traballo profesional que realizan os/as psicólogos.
A oferta docente de primeiro e segundo ciclo contempla a posibilidade de realizar intercambios con outras Universidades españolas (Programa SICUE) e doutros países europeos (Programa ERASMUS) coas que existen convenios de intercambio.
A Universidade de Santiago de Compostela pode presumir de que a titulación de Psicoloxía que ofrece sitúase entre as de mellor calidade do sistema universitario español. Sirva un dato para avalar esta afirmación: nas cinco últimas convocatorias estatais do exame PIR (Psicólogos Internos Residentes), ás que se presentan máis de 2000 licenciados/as anualmente, os titulados/as por esta Facultade acadaron os mellores resultados absolutos e relativos de todas as Facultades de Psicoloxía de España, conseguindo, no ano 2005, dez das 81 prazas ofertadas, con tres entre os 10 primeiros postos, e no ano 2006, 19 das 89 prazas, entre elas o 1º posto.
Polo que fai referencia á investigación, na Facultade de Psicoloxía existen diversos grupos que se sitúan na vangarda da investigación española das súas respectivas áreas de coñecemento e con importante recoñecemento no contexto internacional. O incremento de proxectos de investigación financiados e de publicacións en revistas internacionais son dúas mostras significativas.
A Psicoloxía como ámbito profesional é polivalente e proxéctase a todos aqueles eidos nos que a conducta humana, normal ou anormal, se manifesta: tradicionalmente o ámbito clínico, o do traballo e as organizacións e o educativo; mais tamén outros que emerxen das crecentes demandas derivadas dos cambios sociais, culturais, demográficos, de estilos de vida, etc.
Quixeramos que o paso de cada estudante pola Facultade de Psicoloxía supoña unha oportunidade para a formación integral, non só nos contidos xerais e específicos da titulación de cara ao futuro exercicio profesional, senón tamén como persoa e como cidadán. A participación activa nas aulas, nos órganos de representación de Departamentos e de Facultade, a organización e participación en actividades culturais e de extensión universitaria (entre outras), cunha actitude aberta e dialogante, contribuirán a acadar ese obxectivo.
Para rematar, a Facultade de Psicoloxía é tarefa de todos e de todas; é un proxecto colectivo que precisa do traballo e a participación activa de profesores, estudantes e persoal de administración e de servizos, cada quen desde a súa responsabilidade e posición.
Benvida, por tanto, aos/ás que se incorporan á Facultade e ánimo a todos/as para levar adiante, de forma eficiente, aberta, e responsable, as tarefas do presente curso académico.