Facultade de Relacións Laborais
Address
Campus Sur.
15782
Santiago
Fax: 881815207
Teléfono con extensión: 981563100-15125
Teléfono con extensión: 981563100-15126
Web: http://www.usc.es/rlaborais_stgo
Correo electrónico: zreldeca@usc.es
Go to the own Web
Welcome
Esta guía é o resultado do esforzo realizado por diferentes persoas pertencentes á USC. Quixera, en primeiro lugar, deixar constancia do meu recoñecemento á labor realizada e solicitar a comprensión dos seus usuarios ante os posibles erros ou omisións que puidesen detectar. Trátase dun documento no que se tenta transmitir, dun xeito actualizado, aquela información que consideramos de interese tanto para os alumnos como para calquera outra persoa que pretenda coñecer o noso centro e a titulación nel impartida. Nese senso, consideramos que este é un instrumento imprescindible e por iso poremos o noso máximo interese na mellora dos seus contidos e na súa permanente actualización. Nembargantes, para cumprir axeitadamente a súa función, sería extraordinariamente importante que as posibles suxestións dos seus usuarios chegasen ata nós, xa que estamos convencidos que ninguén mellor co destinatario da información pode descubrir as carencias e aportar as posibles solucións para resolvelas.
Quixera aproveitar esta oportunidade para, en nome de todo o persoal, dar a benvida ós nosos estudiantes e moi especialmente a aqueles que por primeira vez se incorporan ó centro e manifestar a nosa dispoñibilidade para traballar na mellora non só desta guía senón de todos aqueles procesos que redunden en beneficio da Escola.
Agardando que vos sexa de utilidade, recibide un cordial saúdo.
Santiago de Compostela, novembro 2007
Juan J. Ares Fernández
O Director
BREVE HISTORIA DA E.U. DE RELACIÓNS LABORAIS
As Escolas Sociais, denominación utilizada para referirse ás actuais Escolas Universitarias de Graduados Sociais/Relacións Laborais ata a súa incorporación á Universidade, creáronse por R.D. de 17 de agosto de 1925 do Ministerio de Traballo, Comercio e Industria co obxecto de formar ós seus funcionarios, técnicos e directivos nas técnicas laborais e sociais.
A Escola de Santiago de Compostela creouse no ano 1942 como "Seminario de Estudios Sociales" e por O.M. de 28 de xuño de 1946 converteuse , dende o 1 de xaneiro de dito ano, en Escola Social.
O R.D. 921/1980 de 3 de maio (B.O.E. de 17 de maio) que regula a ordenación das ensinanzas de Graduado Social e os Centros que as imparten establece na disposición adicional segunda a equivalencia do Título de Graduado Social co de Diplomado Universitario.
O R.D. 1524/1986 de 13 de xuño (B.O.E. de 28 de xullo) supón a incorporación á Universidade das Ensinanzas de Graduado Social. Dende ese momento o título de Graduado Social Diplomado adquire pleno valor universitario e comenza un longo proceso de incorporación das Escolas Sociais existentes nas correspondentes Universidades.
O Decreto 285/1989 de 16 de Decembro (B.O.E. de 5 de xaneiro de 1990) supuxo a asunción pola Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servicios da Administración do Estado en materia de ensinanza de Graduado Social en Santiago de Compostela. Deste xeito, rachábase a tradicional dependencia do Ministerio de Traballo que, como as restantes Escolas españolas, mantivera, dende o seu nacemento, a de Santiago.
O Decreto 241/1991 de 4 de xuño (D.O.G. de 18 de xullo) polo que se integra a Escola de Graduado Social de Santiago na Universidade de Santiago de Compostela, supón a conversión do centro en Escola Universitaria de Graduados Sociais e a súa definitiva incorporación a dita Universidade.
O R.D. 1429/1990 de 26 de Outubro, polo que se establece o título universitario oficial de Diplomado en Relacións Laborais e as directrices xerais propias dos plans de estudios conducentes á obtención daquel, é o inicio do proceso que continuaría, na Escola de Santiago, no ano 1993, coa publicación do Plan de Estudios para a obtención do título de Diplomado en Relacións Laborais. o que suporía á incorporación gradual da diplomatura en Relacións Laborais e á desaparición, do mesmo xeito, da diplomatura de Graduado Social.
Dende xullo de 1999, de ácordo co Decreto 216/1999 do 15 de xullo (DOG do 26 de xullo), a denominación oficial do Centro é a de Escola Universitaria de Relacións Laborais da USC.