Saltar ao contido principal
Home  »  General information  »  USC Responsable  »  O marco de responsabilidade social na USC

O marco de responsabilidade social na USC

 

Ap3 

 

Para calquera institución universitaria parece consubstancial á súa misión o ser socialmente responsable. As universidades prestan un servizo á sociedade e precisan do seu apoio e confianza para sobrevivir. O papel das universidades é clave como fonte de xeración e difusión de coñecemento e de valores e principios éticos e humanos. A docencia e a investigación deben dar resposta ás necesidades da sociedade e manter un diálogo permanente con ela. E, desde unha perspectiva interna, como en calquera outro tipo de organización, deben facerse valer os dereitos de todos os membros da comunidade universitaria e facelos corresponsables do cumprimento dos seus deberes e dos da propia institución para coa sociedade.

Unha universidade socialmente responsable debe perseguir como obxectivo fundamental crear valor para todos os seus grupos de interese, promovendo valores de igualdade, liberdade e solidariedade e de respecto polo noso entorno. E debe tamén contribuír a desenvolver e difundir o coñecemento en materia de sostibilidade e responsabilidade social na súa actividade docente e investigadora.

Pero estas manifestacións obvias da responsabilidade social universitaria non xorden de xeito automático ou espontáneo na súa actividade, senón que é preciso alimentalas e coidalas para garantir a súa existencia e o seu crecemento. A USC ten mostrado un forte compromiso coa asunción da súa responsabilidade social nos pasados anos, mais debe facer un esforzo maior para consolidalo e poñelo en valor, dotando de maior coherencia e coordinación ás actuacións que se veñen desenvolvendo nos ámbitos do voluntariado, a cooperación para o desenvolvemento e a protección e divulgación ambiental, así como ás iniciativas que se realizan nos eidos da docencia, a investigación e a xestión e os servizos.

Actualmente a Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade, en colaboración con outras vicerreitorías, coordina a implantación das políticas de responsabilidade social da USC, á vez que fomenta a autoxestión de cada centro nesta materia baixo as directrices xerais marcadas pola institución e baixo un marco de corresponsabilidade. O obxectivo da Vicerreitoría é lograr unha maior coordinación e coherencia das diferentes actuacións e outorgar un maior grado de formalización á política de responsabilidade social da USC.