Saltar ao contido principal
Home  »  Services  »  Modern Language Centre  »  Móvete!! – Acredítate!! 2013-2014

Móvete!! – Acredítate!! 2013-2014

Monday, June 03rd, 2013 Vicerreitoría de Relacións Exteriores e Internacionalización

Regulamentación das probas de lingua para a mobilidade estudiantil e a acreditación do B1


Móvete!!
-        Porque moverse significa saír e coñecer novas formas de aprender, novas formas de ensinar e novas formas de traballar.
-        Porque cremos que a mobilidade é unha oportunidade de enriquecemento persoal.
-        Porque está demostrado que a mobilidade mellora a emprega­bilidade.
-        Por isto queremos que o maior número de vós poida realizar un período de mobilidade noutra universidade con algún dos progra­mas existentes.
Os requisitos básicos para solicitar algunha das bolsas de mobilidade son: ter superado o 15% de créditos da túa carreira e aprobar o exame da lingua establecido para o país ao que queres ir.
 
Acredítate!!
Para obter o título de grao necesitas acreditar o dominio dunha lingua estranxeira no nivel chamado soleira ou B1 segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER).

Como fago para acreditar o nivel de lingua?
Tes varias maneiras:
-        Presentando na UXA algún dos moitos certificados admitidos (a lista está aquí)
-        Aprobando un dos cursos do nivel B1 que organizamos no propio CLM
-        Superando a proba que realizamos no CLM e que é recoñe­cida en todas as universidades españolas
 
Como funciona o proceso de acreditación do nivel B1 mediante unha proba no CLM?
É moi sinxelo: dende o mes de setembro os exames de lingua para os programas de mobilidade e para a acreditación do B1 vanse estruturar en dúas probas. Ambas as probas vanse celebrar ao longo de todo o curso, segundo un calendario publicado previamente.
Ti matricúlaste da proba B1-A dunha lingua; se a superas, serás apto para a mobilidade cara a un país que esixa o nivel B1 desa lingua. Unha vez superada a proba B1-A, se queres, pódeste matricular na proba B1-B desa mesma lingua; se a superas, terás acreditado o nivel B1 que necesitas para o grao. Ambas as dúas probas son complementarias.
 
Resumindo:
se superas a proba B1-A = es apto para a mobilidade;
se superas, a maiores, a proba B1-B = terás acreditado o nivel B1.
 
Que vantaxes ten o novo procedemento?
-     Podes escoller a data na que te queres examinar.
-     Sen présas nin presións polo pechamento de convocatorias de mobilidade; podes examinarte tranquilamente nas datas nas que teñas menos traballo. A proba ten unha validez de catro anos.
-     Se suspendes unha vez, podes volver a matricularte e acudir outro día; tes catro oportuni­dades para cada proba de cada lingua.
-     Podes planificar e preparar a túa mobilidade e a acreditación do B1 dende o 1º curso.
 
Como teño que matricularme?
Matricúlaste a través da túa secretaría virtual. Podes escoller a(s) lingua(s) da(s) que queres examinarte e a(s) data(s) da(s) proba(s). A matrícula pecha dez días hábiles antes de cada proba. A matrícula para a proba B1-A custa 10 € e para a proba complementaria B1-B da mesma lingua custa 20 €. Non poderás matricularte na proba B1-B sen ter aprobada a B1-A. Non se fan devolucións da matrícula fóra do prazo estabrecido na convocatoria.
 
Hai límite de prazas?
Si. Cada quenda ten prazas limitadas e se a cota se cubrise xa para unha data, o sistema non che deixará matricular para ese día, pero poderás escoller outra data.
Atención: isto esixe pola túa parte certa planificación! Non esperes ao último momento!
 
Que pasará cando estea próximo o peche de convocatorias de mobilidade e eu aínda non teña realizadas as probas?
O novo sistema pretende eliminar as présas de última hora. Porque non son boas, nin para ti nin para nós. Por iso, se queres ir de mobilidade, prepárate xa e aproveita todo o ano académico para faceres as probas cando máis che conveña. Non esperes ao final! Prepárate xa e terás máis opcións e mellores resultados!
 
Máis información
A convocatoria sairá en xullo 2013. Nese momento atoparás toda a información que precises. Este é só un aviso para que saibas o que imos facer e te poidas preparar.
 

Language Courses