Skip to Content

Comunidades en transición: repensando a universidade. Xornada 2

Publicado por USC En Transición, 10/2/2012

Comunidaden en transición: repensando a universidade

Crónica do segundo día das xornadas

 

Despois de afondar o primeiro día das xornadas nun dos aspectos máis relevantes das iniciativas en transición –a participación comunitaria–, o programa para o segundo día buscou dar a coñecer experiencias que están a desenvolverse na actualidade e que poden servir coma referencia para o Programa USC en Transición ou, cando menos, proporcionar algunhas ideas.

 

Deste xeito, relatáronse en primeiro lugar as experiencias das hortas comunitarias de Conxo e San Pedro. Tanto nun caso coma noutro, Pilar e Suso e Flavia e Álvaro, expuxeron o proceso que levara aos seus respectivos grupos a poñer en marcha a iniciativa, as dificultades que se atoparon e o seu estado actual; a satisfacción de comer alimentos cultivados por un mesmo, a rede de relacións persoais que se acaba creando entre os participantes ou a implicación da veciñanza na horta foron algúns dos aspectos máis destacados.

 

A continuación, Isabel e Ángel presentáronnos os bancos de tempo Anaco e Fervello, respectivamente; dúas iniciativas estreitamente relacionadas que, dende o seu comezo, colaboran activamente. Tal e como nos contaron, nun contexto como o actual, con crecentes preocupacións económicas, a aposta pola recuperación de redes de confianza e servizos preséntase coma unha alternativa que, alén dos beneficios prácticos resultantes dos intercambios, repercute fortemente na saúde emocional e social dunha comunidade. Como artellar unha ferramenta para a xestión compartida do tempo e os servizos foi o seguinte paso. Para todas/os as que teñades gañas de saber máis, podedes consultar o funcionamento do banco e facervos socias/os en bdt.compostela.tk.

 

Coma remate da xornada, parecíanos importante coñecer unha iniciativa que, dalgunha forma, aglutinara outras moitas; Ricard Álvarez, membro do grupo promotor de Barcelona en Transició e integrante da iniciativa do barrio Sant Martí la Verneda en Transició, foi o perfecto relator para amosarnos a complexidade e a potencialidade que poden ter as iniciativas en transición.

 

Dende o ano 2009, en que un grupo de persoas decide poñer en marcha Barcelona en Transició co obxectivo de impulsar procesos de transición nos distintos barrios e comunidades da cidade condal, conseguiuse articular un conglomerado de iniciativas que, pouco a pouco, van cambiando a fisionomía física e social dos barrios: hortos urbanos, charlas, redes de intercambio, plans de enerxía participativos, cooperativas de enerxía, etc. Propostas todas que están a facer agromar o empoderamento das persoas na liña da resiliencia comunitaria.

 

A importancia da celebración, da posibilidade de disfrutar dos cambios e da relación coas demais persoas que comparten a iniciativa foi un dos elementos destacados, insistindo no paso lento pero continuo destes procesos e a necesaria confianza entre os participantes.


(C).USC en transición. 2011-2012