A Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC organiza en colaboración co Grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC (SEPA) as xornadas formativas ‘Comunidades en transición: repensando a universidade’ dirixidas ao persoal docente e investigador. Terán lugar os días 8, 9, 15 e 16 de febreiro simultaneamente nos campus de Santiago e Lugo.

 

Nas xornadas, enmarcadas no Plan de Formación e Innovación Docente (PFID), presentaranse as iniciativas en transición, en xeral, e o programa USC en Transición, en particular, como unha boa oportunidade para vivir e traballar pola sustentabilidade no marco universitario. Para iso contarán coa presenza do coordinador da área de Educación Ambiental e Cambio Climático do Centro Nacional de Educación Ambiental, Francisco Heras, e do promotor da iniciativa Zarzalejo en Transición, Javier Zarzuela. Ademais, membros do persoal investigador da USC amosarán aos participantes como vincular os seus traballos investigadores con procesos que procuran acadar unha transición na universidade.

 

USC en Transición

 

En abril de 2011 a USC declarouse comunidade en transición, sendo a primeira institución universitaria española en adoptar esta filosofía, que promove a organización de grupos en transición para superar os retos do pico do petróleo e o cambio climático.

 

Mediante o proxecto USC en Transición preténdese dinamizar á comunidade universitaria da USC para poñer en marcha procesos de transición a pequena escala que ademais de dar a coñecer outros modelos de vida máis sostibles, contribúan a reducir a pegada e a débeda ecolóxica da universidade.