Comunidades en transición: repensando a universidade

Crónica do terceiro día das xornadas

 

O curso entrou na súa segunda e última semana cunha xornada onde o Programa USC en Transición e a aplicación práctica da participación tomaron o protagonismo.

 

Na primeira sesión, a coordinadora da Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC, María Teresa Barral, presentounos os aspectos básicos do Programa USC en Transición. Partindo dende o Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, como plataforma teórica e loxística do programa, puidemos coñecer os antecedentes, os piares e as actividades que se desenvolveron e están a desenvolverse no marco do programa. Unha exposición que suscitou varias preguntas e reflexións entre as/os participantes e que propiciou que a sesión de prolongara ate o descanso de media mañá.

 

Despois dun pequeno descanso, retomouse o traballo, agora centrado no repaso dos resultados do curso de formación celebrado en maio de 2011. Dende o equipo de traballo fíxose fincapé dende o primeiro día en que o curso de formación “comunidades en transición: repensando a universidade”, pretendía dar continuidade ao traballo xa realizado, empregando como punto de saída as conclusións das dinámicas celebradas o curso pasado. Deste xeito, Miguel Pardellas, do grupo SEPA, fixo un rápido repaso do programa e as persoas que participaron nas charlas e mesas redondas para, a continuación, presentar a diagnose e a proxección de futuro sobre a que se traballaría.

 

O primeiro paso foi revisar a diagnose elaborada en 2011, incorporando novos elementos ás matrices de problemas, dificultades e inconvintes e potencialidades e vantaxes.

 

Acto seguido, e despois de organizar grupos por afinidades temáticas, tomáronse as proxeccións de futuro elaboradas para concretar dous aspectos: que é exactamente o que queremos poñer en marcha? Que dificultades podemos atopar no camiño?

Estas preguntas foron respondidas para os temas de mobilidade, alimentación, zonas verdes e residuos e enerxía na USC, afondando en cada caso na liña de traballo a seguir e nos problemas que haberá que superar.