A Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC, dependente da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade, organiza unha charla-coloquio sobre “Hortos Urbanos” dirixida todos os membros da comunidade universitaria do campus de Lugo. Este relatorio, que terá lugar hoxe ás 17.00h no Salón de Actos da Facultade de Formación do Profesorado, forma parte dunha actividade de creación dun horto urbano na terraza da Facultade de Formación do Profesorado, estando programada a construción e plantación para o vindeiro 12 de abril.

 

Nesta xornada a profesora da Escola Politécnica Superior, Belén Díaz, achegará aos asistentes coñecementos básicos sobre Agricultura Ecolóxica. Por outra banda, cóntase coa presenza de Roberto López, do Centro Educativo Galén, que disertará sobre potencial pedagóxico do uso de hortos como ferramentas de educación ambiental en colexios.

 

USC en Transición

 

A USC declarouse, en abril de 2011, como comunidade en transición, sendo a primeira institución universitaria española en adoptar esta filosofía, que promove a organización de grupos en transición para superar os retos do pico do petróleo e o cambio climático. Mediante o proxecto USC en Transición preténdese dinamizar á comunidade universitaria da USC para poñer en marcha procesos de transición a pequena escala que, no seu conxunto, ademais de dar a coñecer outros modelos de vida máis sostibles, contribúan a reducir a pegada e a débeda ecolóxica da universidade.

 

Toda a información relacionada con este programa difundirase a través da web do programa.