O Programa USC en Transición ten como obxectivo xeral a dinamización da comunidade universitaria da USC para poñer en marcha procesos de transición a pequena escala que, no seu conxunto, ademais de dar a coñecer outros modelos de vida máis sustentables, contribúan a reducir a pegada e a débeda ecolóxica da universidade. Dada a súa elevada contribución á pegada ecolóxica galega, un dos puntos nos que se fará especial fincapé será a redución do consumo enerxético da USC.
A súa vez, en función deste obxectivo xeral definíronse as seguintes ideas forza para o conxunto do programa:
- O punto de partida: a universidade como contexto. A universidade de Santiago de Compostela, cos seus dous campus en Santiago e Lugo, constitúe unha comunidade en si mesma; mais trátase dunha comunidade cunhas características moi particulares: a súa poboación é moi oscilante; as relacións de poder están moi marcadas; mesmo a identificación coma comunidade é moi discutíbel… Haberá que habilitar os mecanismos necesarios para adaptarse e poder desenvolver o proxecto tendo en conta este contexto e ás dinámicas propias da universidade.
- Creando comunidade: a participación coma base. O programa USC en transición non poderá ter éxito se non o convertemos nun programa da comunidade universitaria no seu conxunto, se non deixamos que sexa a comunidade quen se “apropie” do mesmo. Cómpre desenvolver iniciativas que contribúan a implicación de alumnado, PDI e PAS, recollendo as súas dúbidas, propostas e ideas; en consecuencia, a planificación inicial do programa estará suxeita á flexibilidade que estes procesos esixen, adaptándose ás necesidades do mesmo.
- Vasos comunicantes: a permeabilidade coa cidade.As cidades de Santiago e de Lugo son o macrocontexto no que se desenvolven as comunidades da USC. Ámbalas dúas cidades teñen as súas iniciativas e dinámicas; as comunidades en transición da USC teñen que ser permeables as dinámicas das cidades, alimentándose das iniciativas e proporcionando a súa vez unha base para o desenvolvemento de novas propostas.
Máis información sobre USC en Transición:









