Como non podería ser doutro xeito, o remate de cada curso académico servirá de referente temporal para a avaliación do conxunto de accións postas en marcha. Evidentemente, un proxecto que ten coma obxectivo a posta en marcha de transformacións nos modelos de vida dos participantes para contribuír así á redución da pegada e débeda ecolóxica da universidade e desenvolver a súa resiliencia non pode obter resultados significativos a curto prazo. Porén, si que resultará posíbel avaliar o éxito das actividades desenvolvidas, os colectivos participantes ou os centros ou departamentos que apostan por cambios substanciais nas súas dinámicas.

 

A avaliación é un proceso permanente que ten que contribuír para a corrección dos erros cometidos e a mellora da planificación dos vindeiros cursos, entre outras moitas cousas. A aposta por unha “USC en transición” parte da necesaria consideración dun proxecto a medio e longo prazo que, coa continuidade no tempo que esixen os cambios lentos, vaia producindo froitos progresivamente, xerando novas dinámicas e novos procesos que, no seu conxunto, contribúan a unha universidade e a unha comunidade universitaria máis sustentable, saudable e satisfactoria.