Skip to Content

NOVAS

[ver listado completo de novas publicadas]

Comeza a Semana da USC en Transición

Publicado por USC En Transición, 4/5/2012

O Programa USC en Transición organiza a vindeira semana un conxunto de actividades destinadas a dar a coñecer este proxecto aos membros da comunidade universitaria. A Semana da USC en Transición conta con rutas botánicas polos campus, paseos en bicicletas, conferencias, debates… organizados en ambos campus. Consulta o programa de actividades e anímate a participar nalguna delas!

 

ProgramaPrograma

 

Campus de Santiago

 

  • Exposición sobre Pegada Ecolóxica: do luns 7 ao venres 11 de maio, na Biblioteca Concepción Arenal.
  • Exposición sobre a USC en Transición: do luns 7 ao venres 11 de maio, na Biblioteca Concepción Arenal.
  • Obradoiro de Transición e Educación Ambiental: luns 7 de maio, ás 19:00h, na Biblioteca Concepción Arenal.
  • Ruta en bici, con taller de arranxos e nocións sobre seguridade vial en bicicleta: martes 8 de maio, ás 11.15h, na Praza Rodríguez Cadarso. Máis información no seu blogue. Inscricións en: rutaenbicicleta@gmail.com Por causas metereolóxicas, aprázase esta actividade para o vindeiro martes 15 de maio, á mesma hora na Praza Rodríguez Cadarso.
  • 61 segundos pola transición:debate sobre orixe, vantaxes e viabilidade na USC das comunidades en transición. Martes 8 de maio, ás 17.00h, no Salón de Actos do Colexio Maior Fonseca.
  • Ciclo de conferencias sobre Medio Ambiente e Saúde: martes 8 de maio, ás 17.00h, no Salón de Graos da Facultade de Farmacia. Os relatorios correrán a cargo do Prof. Dr. Juan Jesús Gestal Otero, o Prof. Dr. Salvador Xurxo Bará Viñas, o Prof. Dr. Juan Miguel Barros Dios, o Prof. Dr. Ramón Soto Otero e o Prof. Dr. Manuel Freire-Garabal.
  • Obradoiro de hortos urbanos: mércores 9 de maio, ás 17.00h, na Residencia Universitaria Burgo das Nacións. Inscricións en: obradoirodehortos@hotmail.com
  • A volta ao mundo en 22 árbores: ruta botánica polo Campus Sur da USC. Xoves 10 de maio, ás 17.00h, na Praza Rodríguez Cadarso. Inscricións en: rutabotanicapds@hotmail.es
  • Reciclamos?: obradoiro de reciclaxe. Xoves 10 e venres 11 de maio, ás 16.00h e ás 18.00h, nos soportais da Praza Rodríguez Cadarso. Inscricións en: saro11182@gmail.com
  • Día Europeo da Enerxía: charla sobre enerxías renovables, obradoiro de cociña solar e visita ás instalacións de enerxía renovable da USC. Venres 11 de maio, ás 10.30h, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría.
  • Entrega dos Premios USC en Transición 2012: venres 11 de maio, ás 12.00h, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría. Premiados: Bolsa de Aula Verde da Residencia Universitaria Bal e Gay de Lugo e Grupo en Transición Calidade do Ceo.

 

Campus de Lugo

 

  • Exposición sobre Pegada Ecolóxica: do luns 7 ao venres 11 de maio, na Biblioteca Intercentros.
  • Ruta botánica e fotográfica polo campus de Lugo: luns 7 e mércores 9 de maio, ás 16:30h, na Biblioteca Intercentros. Inscricións en: rbflugo@gmail.com
  • Obradoiro de confección de xabóns artesanais: martes 8, ás 18:30h e mércores 9 e xoves 10 de maio, ás 12.00h, na Facultade de Veterinaria. Inscricións en: rebercebu@hotmail.com, vanesina93@hotmail.com, sabelafonseca@hotmail.com
  • Obradorio de Transición e Educación Ambiental: xoves 10 de maio, ás 12:00h, na Biblioteca Intercentros.

 

 

 

 

O PROGRAMA USC EN TRANSICIÓN PRESENTOUSE NO I ENCONTRO IBÉRICO DE INICIATIVAS EN TRANSICIÓN

Publicado por USC En Transición, 26/4/2012

O I Encontro Ibérico de Iniciativas en Transición celebrouse en Zarzalejo (Madrid) do día 20 ao 22 de abril, co obxectivo de amosar as distintas actuacións pola transición que están a desenvolverse na actualidade en España e Portugal, compartindo experiencias e recursos. O proxecto USC en Transición foi  a única experiencia universitaria que se presentou neste encontro, no que ademais se propuxo a creación dunha Rede Ibérica de Iniciativas en Transición.

 

Na actualidade máis de cen proxectos en transición de moi diversa índole estanse a levar a cabo en España: barrios, pequenas poboacións ou mesmo cidades, que  contan coas súas particularidades pero manteñen moitos elementos en común. Actuacións coma os hortos comunitarios, os obradoiros participativos, as moedas locais ou a posta en marcha de medidas para a autosuficiencia enerxética están a converterse en puntos de encontro para moitas persoas que apostan por cambiar o seu modelo de vida, integrándose en grupos en transición que traballan en diversas accións pola sostibilidade.

 

Continuando coa Transición na USC


A USC foi a primeira universidade española en adoptar, en 2011, un proceso de transición, contando para elo co impulso e a coordinación da Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC e o asesoramento do grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA), así coma a colaboración da Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA).

 

 

 

No curso 2012 o programa USC en Transición continúa coa posta en marcha de novas iniciativas, entre as que destaca a creación  de  hortos comunitarios. Aos xa existentes na RU. Burgo das Nacións (Santiago) e Facultade de Formación do Profesorado (Lugo), ven de sumarse o Colexio Maior Fonseca, coa construción dun pequeno horto no xardín, en colaboración coa Bolsa de Aula Verde do colexio. No contexto das comunidades en transición os hortos urbanos  pretenden  localizar a produción de alimentos no contorno inmediato e  favorecer a cohesión das persoas que comparten a ilusión por promover e practicar un estilo de vida  máis sostible.

Menús en Transición: una alternativa de consumo responsable na USC

Publicado por USC En Transición, 20/4/2012

Menús elaborados con produtos ecolóxicos, de tempada e locais



O programa USC en Transición, impulsado pola Oficina de Desenvolvemento Sostible,  porá en marcha, na próxima semana do 23 ao 27 de abril, una iniciativa piloto para promover o consumo responsable en restaurantes da universidade. Os Menús en Transición están elaborados con produtos ecolóxicos, de tempada e locais, e serán ofertados, ao mesmo prezo que o resto dos menús, no Restaurante Universitario Burgo das Nacións (Campus Norte) e no Restaurante Universitario da Facultade de Matemáticas (Campus Sur). É a primeira vez na USC que os membros da comunidade universitaria teñen a opción de consumir un menú completo elaborado con produtos con certificación ecolóxica.

 

 

 

 

 

Granxa Familiar

 


A actividade está organizada en colaboración con Granxa Familiar, un proxecto universitario promovido polo Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio, no que se creou unha plataforma dixital (http://www.granxafamiliar.com/) para pór en contacto directamente a produtores e consumidores. Os valores fundamentais deste proxecto son o respecto polo medio ambiente, a saúde pública,o comercio xusto e a responsabilidade social.

 

USC en Transición


Esta iniciativa  ponse  en marcha co impulso dos bolseiros de USC en Transición no campus de Santiago, que están a traballar na difusión das vantaxes de hábitos de consumo responsable na alimentación, coma un dos piares das comunidades en transición. A USC foi  a primeira institución universitaria española en adoptar esta  filosofía. Con este proxecto preténdese dinamizar á comunidade universitaria da USC para poñer en marcha procesos participativos que  contribúan a reducir a pegada e a débeda ecolóxica da universidade.

OBRADOIRO DE HORTOS URBANOS NO COLEXIO MAIOR FONSECA

Publicado por USC En Transición, 18/4/2012

O horto urbano do Colexio Maior Fonseca permanecerá aberto a todos os residentes dos colexios maiores que queran cultivar os seus propios alimentos.

 

O programa ‘USC en Transición’, promovido pola Oficina de Desenvolvemento Sostible, organizará o vindeiro martes 24 de abril, ás 16.30h, un obradoiro de hortos urbanos no xardín traseiro do Colexio Maior Fonseca. A actividade consistirá na construción de bancais para a plantación de distintas variedades de especies hortícolas, ademais de plantas aromáticas e de flores, que favorecen a polinización.

No curso do obradoiro, ofrecerase información sobre as épocas de plantación e os coidados que precisan as plantas. Para o deseño dos bancais contouse co asesoramento da Asociación Galega de Horticultura Urbana

Esta actividade é unha experiencia piloto que, ademais da súa propia continuidade como fundamento da actividade dun grupo de transición, busca que a iniciativa se estenda a outras residencias universitarias, así como que poida ser adoptado na vida cotiá das persoas participantes. No contexto das comunidades en transición, os hortos urbanos pretenden asentar a produción de alimentos no contorno inmediato e favorecer a cohesión das persoas que comparten o interese por promover e practicar un estilo de vida máis sostible e respectuoso co medio.

O programa ‘USC en transición’ organiza un obradoiro de hortos de balcón no Campus de Lugo

Publicado por USC En Transición, 16/4/2012

Unha destas ‘hortas urbanas’ permanecerá exposta na Facultade de Formación do Profesorado para a súa utilización como elemento didáctico


O programa ‘USC en Transición’, promovido pola Oficina de Desenvolvemento Sostible, organizou o xoves 12 un obradoiro de hortos de balcón na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo. A actividade consistiu na construción de contedores con materiais de reciclaxe e a plantación de distintas variedades de especies hortícolas, ademais de plantas aromáticas e de flores, que favorecen a polinización.

 

No curso do obradoiro, no que participaron estudantes, profesores e persoal de administración e servizos, ofreceuse información sobre as épocas de plantación e os coidados que precisan as plantas. O horto permanecerá exposto e visitable na Facultade de Formación do Profesorado, co obxectivo de que sexa empregado como elemento didáctico e para a organización de actividades participativas.

 

Trátase dunha experiencia piloto que, ademais da súa propia continuidade como fundamento da actividade dun grupo de transición, busca que a iniciativa se estenda a outros centros e residencias universitarias, así como que poida ser adoptado na vida cotiá das persoas participantes. No contexto das comunidades en transición, os hortos urbanos pretenden asentar a produción de alimentos no contorno inmediato e  favorecer a cohesión das persoas que comparten o interese por promover e practicar un estilo de vida máis sostible e respectuoso co medio.


(C).USC en transición. 2011-2012