Saltar ao contido principal
Inicio  »  Centros  »  Facultad de Formación del Profesorado

Facultade de Formación do Profesorado

Facultade de Formación do Profesorado

Dirección

Avda. de Ramón Ferreiro, s/n.
27071 Lugo

Teléfono: 982821005
Fax: 982821057
Correo electrónico: decaprofesorado@usc.es
Web: http://www.usc.es/maxisterio

Ir a la Web propia

Bienvenida

A Facultade de Formación do Profesorado é un centro da Universidade de Santiago de Compostela que desenvolve a súa actividade no Campus de Lugo. A súa orixe remóntase ao 30 de outubro de 1842, data en que foi inaugurada oficialmente a Escola Normal de Mestres de Lugo, se ben a actividade do centro non se puido consolidar ata 1849, cando se habilitaron para ese fin unhas dependencias anexas ao Convento de Santo Domingo. Esta circunstancia converte á Facultade de Formación do Profesorado no centro universitario que goza dunha maior tradición no Campus de Lugo.

Pola súa banda, a disposición pola que se dota a Lugo dunha Escola Normal de Mestras retrásase ata o ano 1916. O novo centro empezou a súa andadura no Pazo da Deputación Provincial de forma provisoria e en circunstancias de crecente precariedade, que se mantiveron durante 38 anos, en tanto non se construíu un edificio específico destinado ás Escolas do Maxisterio e as súas correspondentes Graduadas Anexas, que foi inaugurado o 8 de setembro de 1954.

Nove anos máis tarde, decídese a unificación dos dous centros que ata entón se viñeran dedicando por separado á formación de mestres e de mestras, se ben o Ministerio de Educación Nacional non a fai operativa ata o inicio do curso 1964-65. A partir dese momento, a Escola do Maxisterio Masculino “Bispo Odoario” e a Escola do Maxisterio Feminino “Santa María” pasan a constituír unha soa Escola do Maxisterio, cun único director, secretario e claustro.
En 1970, a promulgación da Lei Xeral de Educación trae consigo dúas repercusións inmediatas para as Escolas de Maxisterio: por unha banda, a vella denominación de “mestre” substitúese pola de “profesor de EXB”, con rango de diplomado universitario e coa posibilidade de acceder, unha vez superado un curso de adaptación, ao cuarto ano de determinadas licenciaturas; e por outra, este tipo de centros pasan a integrarse na universidade coa consideración de Escolas Universitarias de Formación do Profesorado de Educación Xeral Básica.

Deste xeito, e de acordo co plan de estudos de 1971, á Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB de Lugo fóronlle adxudicadas as especialidades de Filoloxía, Ciencias Físico-Matemáticas e Ciencias Humanas, que se ampliarían á especialidade de Preescolar dez anos máis tarde. Este deseño académico, con lixeiras variantes, manteríase ata que en 1993 comezou a implantación das diplomaturas de Mestre en Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Física e Lingua Estranxeira, actualmente en proceso de extinción.

En efecto, a partir do curso 2010-2011, o desenvolvemento do Espazo Europeo de Educación Superior determinou a substitución progresiva das vellas diplomaturas polas novas titulacións de grao en Mestre de Educación Infantil e Mestre de Educación Primaria. Tamén se imparten dous másteres: o Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Linguas e o Máster Universitario en Dirección de Actividades Educativas na Natureza.

E tendo en conta que o proceso de adaptación ao EEES non supón só a modificación das titulacións propias da anterior ordenación das ensinanzas universitarias, senón tamén a dos centros que as viñan impartindo, o Decreto 233/2011, do 2 de decembro (DOG do 22 de decembro), autoriza a modificación da denominación da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB do Campus de Lugo, que pasa a denominarse Facultade de Formación do Profesorado, coa finalidade de adaptala á estrutura das novas titulacións.