Saltar ao contido principal
Inicio  »  Información general  »  USC Responsable  »  Desenvolvemento Sostible

Desenvolvemento Sostible

Ap10_a

 

No eixe 1 de Xeración de Coñecemento e Educación Ambiental do PDS, o principal obxectivo é a integración do respecto ao medio ambiente e a sostibilidade na formación das persoas. Para elo promóvese o incremento da oferta de estudos en materia medioambiental e, no campo da investigación, o desenvolvemento de alternativas científicas e tecnolóxicas para xestionar a interrelación entre a actividade humana e o medio dun xeito sostible.

As principais actividades desenvolvidas neste apartado son:

  • Divulgación e fomento de docencia e investigación en materia de enerxías renovables: a Aula de Enerxías Renovables, que se atopa na Escola Técnica Superior de Enxeñaría, ten por obxectivo dar a coñecer as principais características deste tipo de enerxías, impulsar a investigación en temas relacionados con elas e concienciar á comunidade universitaria, e a sociedade en xeral, da súa importancia no marco de establecer modelos de consumo enerxético máis respectuosos co medio ambiente.
  • Investigación ambiental: neste apartado realizáronse iniciativas cara a difusión da investigación ambiental emprendida desde a USC. Concretamente, na páxina web do PDS, creouse un espazo específico onde se recollen datos sobre os principais grupos de investigación en materia ambiental.
  • Actividades formativas: a ODS organiza cursos formativos de temática ambiental (convalidables por créditos de libre configuración) e participa en actividades formativas emprendidas desde a propia USC e/ou por outras institucións (ver sección sobre Formación en valores).

No eixe 3 de Divulgación, Participación e Sensibilización do PDS, o obxectivo é a creación de conciencia ecolóxica para impulsar a participación da comunidade universitaria en actividades ligadas á mellora ambiental da universidade en particular, e da sociedade en xeral.

 

Ap10_b

 

Dentro das actuacións incluídas dentro deste eixe, pódese distinguir entre actividades de participación, que procuran a implicación directa de membros da comunidade universitaria no coñecemento e mellora de problemas ambientais, e actividades de divulgación e sensibilización, onde se ofrecen materiais para interpretar e facer máis accesibles aspectos ligados á problemática ambiental, tanto a nivel universitario coma global.

No apartado das actividades de participación, é necesario salientar o Programa de Bolsas de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria (SPIU), dirixido a estudantes de grao e posgrao. Os/as bolseiros/as seleccionados/as nas respectivas convocatorias realizan diversas actividades que inclúen a realización de enquisas, avaliacións ambientais nos centros docentes, auditorías enerxéticas en edificios universitarios, divulgación de información a través de mesas informativas de campañas da ODS, visitas a instalacións enerxéticas e outras. Tamén se organizan actividades formativas dirixido especialmente a estes/as bolseiros/as e consistentes en charlas, debates, excursións e visitas.

Por outra banda, a ODS colabora estreitamente co Programa de Bolsas de Aula Verde no SUR, convocadas anualmente nos centros do Servizo Universitario de Residencias (SUR). Os/as bolseiros/as de Aula Verde desenvolven, baixo a tutela da ODS, o Programa de Compostaxe e a realización de diagnoses ambientais dos centros do SUR.

Dende o ano 2011 a ODS convoca tamén as Bolsas de colaboración no proxecto USC en transición, para colaborar nas actividades de formación, sensibilización e divulgación vencelladas a este programa.

Nas actividades de participación é imprescindible citar tamén o traballo que a ODS desenvolve desde o 2003 no comité executivo da comisión permanente da CRUE sobre Calidade Ambiental, Desenvolvemento Sostible e Prevención de Riscos (CADEP). Neste contexto, a USC impulsou, xunto coa Universidade Autónoma de Madrid, a creación dun grupo de traballo no seo da CADEP sobre Avaliación da sostibilidade universitaria, que desembocou na definición dun conxunto de indicadores que conforman unha ferramenta de avaliación da sostibilidade das institucións de educación superior, publicada a finais de 2011.

No apartado das actividades de divulgación e sensibilización, desde a ODS organízanse xornadas, seminarios e talleres en torno a diversas temáticas relacionadas co desenvolvemento sostible, como a mobilidade, alimentación, horticultura ou enerxías renovables, e moi especialmente co cambio climático. A ODS leva un exhaustivo rexistro de todas as actividades que se teñen desenvolvido baixo o PDS desde o curso 2004-05, que da conta da súa intensa e frutífera traxectoria.

 

Ap10_c

 

No ano 2011 a ODS puxo en marcha o proxecto ‘USC En Transición’, a través do que se está a realizar unha intensa actividade de educación, divulgación e concienciación ambiental. O proxecto introduce a filosofía das “comunidades en transición”, movemento que ten por obxecto dotar ás comunidades para soportar o dobre desafío do cambio climático e as limitacións no acceso aos recursos enerxéticos. Na USC o obxectivo xeral é dinamizar a súa comunidade universitaria para poñer en marcha procesos de transición a pequena escala que, no seu conxunto, ademais de dar a coñecer modelos de vida máis sustentables, contribúan a reducir a pegada e a débeda ecolóxica da universidade. De feito, preténdese que as actuacións transcendan máis alá da comunidade universitaria e que cheguen aos habitantes das cidades onde se asentan os campus, Santiago e Lugo.

 

USC en Transición  

 

O programa baséase na colaboración e participación de todos os sectores universitarios aos que vai dirixido, estudantes, PDI e PAS, levándose a cabo actividades encamiñadas á redución da pegada ecolóxica da USC, nos eidos da alimentación, o consumo enerxético, a mobilidade sostible e a recuperación de saberes tradicionais, entre outros. Para os estudantes, convócanse anualmente as bolsas USC en Transición, a través das que poden colaborar no deseño e execución das actividades necesarias para dar a coñecer este programa e contribuír ao seu éxito.

A ODS e o seu persoal implícase tamén na elaboración de publicacións relacionadas co seu ámbito de traballo e procura dar visibilidade a todas as súas actuacións tanto na prensa coma a través das redes sociais.

 

Na promoción do desenvolvemento sostible tamén xoga un papel fundamental a cooperación internacional ao desenvolvemento, que esixe o compromiso das institucións dedicadas ao coñecemento e a investigación e a creación de proxectos cuxo fin último debe ser o desenvolvemento sostible do país co que se coopera.

A USC conta cunha liña de actuación específica en materia de cooperación ao desenvolvemento que promove a participación en Programas Internacionais de Cooperación e na creación de programas propios con outras institucións, empresas e axentes sociais. Como membro da CRUE a USC tamén asume o Código de Conduta das Universidades en materia de Cooperación ao Desenvolvemento.

A USC creou un Grupo de Cooperación no que participan distintos membros da universidade e que ten como tarefas a coordinación de todas as accións, o apoio a todas as persoas que queiran participar e o establecemento de estratexias de información e asesoramento a todas as iniciativas.

Podemos destacar algúns dos logros acadados nos últimos anos:

COOPERACIÓN INTERNACIONAL NA USC
Ano 2010 Ano 2011
  • Sinatura de convenio para que educadores americanos se formen no Máster en Ciencias da Familia da USC
  • As Universidades da Eurorrexión colaboran nunha iniciativa que conxuga teatro e danza con tecnoloxía
  • Investigadores da USC traballan na aplicación de novas tecnoloxías ao ensino na Universidade Nacional de Córdoba (Arxentina)
  • A USC e a Universidade colombiana de Simón Bolívar colaborarán en proxectos de investigación no ámbito da xenética
  • Docentes de Humanidades e Filosofía traballan nun proxecto de cooperación universitaria en Níxer e Senegal
  • As universidades galegas e do Norte de Portugal exhiben o seu patrimonio desde 2006 no primeiro museo virtual universitario
  • A USC participa nun novo proxecto EM-ECW con centroamérica
  • As universidades galegas e do Norte de Portugal marcan a folla de ruta da Eurorrexión do Coñecemento
  • Xestores de espazos protexidos de África achéganse ás técnicas de protección ambiental en Lugo
  • As Universidades de Santiago e Nacional de Colombia comparten coñecementos en arquitectura bioclimática
  • O proxecto da USC ‘Galicia Mundi’ recibe o apoio da Delegación da Xunta en Bos Aires para o seu traballo sobre as sociedades galegas no exterior
  • A USC establece lazos de cooperación coa Universidade Técnica do Norte de Ecuador
  • A USC coordina un programa de mobilidade iberoamericana de emprendedores
  • A USC e a Universidade La Salle de México asinan un protocolo de cooperación cultural, científica e pedagóxica
  • O reitor da USC asina dous convenios marco para a investigación, a docencia e a mobilidade coas universidades rusas de Lomonósov e a Federal do Sur
  • A USC lidera o proxecto de cooperación territorial Migranet para a conservación e recuperación das poboacións piscícolas