Saltar ao contido principal
Inicio  »  Información general  »  USC Responsable  »  Extensión e voluntariado

Extensión e voluntariado

 

A Universidade actual debe lexitimarse na sociedade moderna non só en termos de calidade do servizo prestado, senón que ademais ten que manter a confianza de quen se relaciona con ela e reclama novos posicionamentos económicos, sociais e medioambientais. A Universidade, como elemento fundamental do desenvolvemento económico e social, debe orientar a súa actividade baixo criterios de sostibilidade social, medioambiental e económica, e como entidade que forma parte dun sistema de relacións humanas, debe incorporar a Responsabilidade Social tanto na xestión das relacións coa sociedade coma na xestión das relacións coa comunidade universitaria.

A USC fomenta os valores de cidadanía como a solidariedade, a convivencia, a tolerancia e o respecto á diversidade, coa finalidade de contribuír á construción dunha sociedade máis xusta, unha cultura de paz e unha ética baseada na cooperación e na corresponsabilidade. Así, entende as actividades de voluntariado como parte fundamental da formación das persoas, xa que permiten á comunidade universitaria integrarse na realidade social mediante a súa colaboración nos diferentes programas propostos polas entidades de acción social.

A USC implícase tamén na vida cultural e social das cidades nas que desenvolve as súas actividades. A USC potenciou o desenvolvemento de diversas liñas de acción co fin de incrementar e diversificar a súa oferta cultural, a súa proxección exterior e a posta en valor do seu patrimonio. A realización de actividades escénicas, musicais, exposicións, programas de formación e cursos de verán ten en moitos casos coma obxectivo principal o incentivar, difundir e promover a iniciativa, a participación e a formación no ámbito cultural non só da comunidade universitaria, senón da sociedade galega en xeral. Por outra banda, a USC ofrece á sociedade a posibilidade de coñecer e disfrutar do seu rico patrimonio histórico e natural, traballando a prol da súa preservación e da difusión da cultura e do coñecemento.