|
Pasa a folla O deporte de ler / Ler sobre deportes Cando pensamos en bibliografía técnica váisenos inmediatamente a cabeza a disciplinas como a aeronáutica, a xenética, a macroeconomía, o dereito constitucional… pero hai outras zonas da realidade que tamén requiren de coñecementos especializados para seren desenvolvidas, e que tamén deberían contar con materiais para a aprendizaxe. Que tal fixarnos desta volta no deporte? A bibliografía técnica en galego sobre deportes conta cun número de referencias que permite acceder a un primeiro nivel de información especializada sen ter que recorrer a documentación noutras linguas. Neste ámbito, o esforzo principal é o realizado por Edicións Lea a través da súa Biblioteca Básica do Deporte, que pasa xa dos 60 títulos. Trátase dunha colección de vocación divulgadora –tamén polas súas dimensións e prezo (arredor de 100 páxinas e 10 € por exemplar)–, na que se presenta a historia e os fundamentos técnicos dunha serie de deportes, buscando interesar tanto o curioso como o practicante que queira mellorar algún aspecto do seu rendemento. Ata o momento lévanse fixado en máis de 30 deportes, entre os que figuran os máis practicados, como o fútbol, o balonmán, o baloncesto, a natación… pero tamén outros ben máis minoritarios (carreiras de orientación, squash, pádel, mergullo, bodyboard, surf, kaiak, parapente, judo, karate, ximnasia rítmica, tiro, taekwondo…). Unha segunda liña da colección é especificamente técnica, e ofrece materiais interesantes para adestradores e outros profesionais do ámbito deportivo, como por exemplo Masaxe e recuperación deportiva, Manual de fútbol (I, II e III) ou O sistema estrela: á busca do fútbol ofensivo. Esta colección compleméntase con outra que se centra na utilización do xogo e o deporte no contorno escolar, tanto desde un punto de vista técnico-didáctico (O deporte na escola: caderno do profesor, Iniciación á natación na escola…), como usando estas actividades para educar transversalmente noutro tipo de valores (Xogos competitivos. Educar na competición no ámbito da educación física, Xogos cooperativos e actividades infantís. Educar na cooperación no ámbito escolar). En resumo, unha interesante colleita de volumes para quen guste do deporte, para quen o practica, ou para quen ten entre os propósitos de aninovo a idea “este ano empezo”. |