|
Xa estamos aquí Xa estamos aquí. En realidade nunca marchamos, pero non sempre puidemos ser tan visibles como nos gustaría. O importante é que volvemos. Iso é o que vale.E voltamos con tanta ilusión coma antes, ou con máis aínda se cadra. ¿Antes? Si, antes, porque houbo un antes. O Cartafol naceu hai case dez anos, en 1992, e campou como publicación independente ata 1996, quince números. Despois, cando os tempos foron malos para a lírica, sobreviviu aínda uns cantos anos máis, ata o número 24, agochada nunha revista universitaria, mantendo, iso si, unha numeración independente que presaxiaba este renacer. Daquela Internet non era máis ca unha promesa e o sintagma "xornal dixital" carecía de significado para nós. Agora volvemos da man das novas tecnoloxías da comunicación, pero sen esquecermos a publicación tradicional, en papel, que seguirá a numeración do noso vello voceiro: de O Cartafol sairá axiña tamén en papel, co número 25, porque queremos chegar a todos, mesmo a aqueles que se levan mal coa Rede. Regresamos, cando as causas que motivaron aquel ocaso, e que a ninguén interesa lembrar, están felizmente esquecidas e mesmo destituídas. O noso obxectivo é manter acesa na Universidade a chama da lingua, xa que lingua e universidade seguen a ser os dous eixos que vertebrarán esta publicación. Hoxe é un día importante para nós, e desexamos que para vós tamén o sexa. Dende hoxe, e mensualmente, O Cartafol dixital non só vos ha ofrecer novas e información de actualidade arredor da promoción e extensión do galego, e das linguas en xeral. Tamén quere ser un espacio de comunicación e intercambio para a comunidade universitaria sobre estes eidos, e por iso se abre á vosa participación, a través dunha rolda propia que comezará a funcionar en breve; tamén á vosa colaboración: podedes achegarnos información sobre actos relacionados coa nosa lingua que se organicen no ámbito da Universidade de Santiago, para publicar na nosa sección Axenda, ou propostas de temas para tratar. E é que no tema da lingua na Universidade de Santiago, todos e todas debemos ter algo que dicir; velaquí contades co voso vello e novo voceiro.
|