|
Pasa a folla Un paseíño polos espazos naturais galegos Unha boa forma de comezar o novo curso con folgos renovados é dar un paseíño pola natureza. Pero se non tedes tempo ou gana de facelo fisicamente, invitámosvos a unha camiñada virtual polos espazos naturais galegos aproveitando a información recollida no web da Consellaría de Medio Ambiente. Podemos comezar achegándonos ao noso único parque nacional , ou a calquera dos seis parques naturais. Para cada un deles podemos obter información paisaxística, orográfica e xeolóxica, de flora e de fauna… ou de tipo histórico e etnográfico… Pero ademais, en moitos casos podemos descargar tamén mapas, guías informativas ou de sendas… que nos permitirán planificar e organizar unha hipotética viaxe. Pero os espazos de interese non acaban aí –evidentemente– e podemos facer tamén unha visita rápida polos monumentos naturais , algún deles tan coñecido e masificado como a Praia das Catedrais , ou polos humidais [sic] protexidos. De todos os xeitos, unha visión moito máis integral dos espazos de interese natural ofrécenola a sección na que se informa das zonas protexidas ao abeiro da Rede Natura 2000. O mapa dos lugares de importancia comunitaria (LIC) ofrécenos unha radiografía das principais zonas con valor ecolóxico do país, e permítenos aos profanos descubrir lugares como a Fraga da Marronda, os Sobreirais do Arnego ou o Monte Maior, por poñer só tres exemplos. Para facilitar a busca podemos recorrer tamén a un mapa de situación , pero ten un funcionamento tan complexo e arrevesado, que desanima ao máis paciente. Se despois desta visita virtual máis “técnica” e académica vos apetece achegarnos en persoa, lembrade que o outono é un dos mellores momentos, así que… calzar as botas e a camiñar! |