|
Pasa a folla Colleita (de glosarios) de verán Neste primeiro cartafol do curso 2006-2007 queremos presentarvos os glosarios e vocabularios galegos que acabamos de apañar: aqueles que se foron editando nos tres últimos meses e que xa podedes consultar en Internet. A colleita deste verán é ben variada: nela caben traballos sobre economía, arte, medicina, administración ou medio ambiente; obras monolingües e multilingües; con definición e sen ela… A Rede Panlatina de Terminoloxía presentou dous vocabularios: o Vocabulario panlatino de hemodinámica e os Neoloxismos económicos nas linguas románicas a través da prensa. O primeiro recolle 242 conceptos vinculados con ese ámbito especializado da cardioloxía, que podemos visualizar segundo a súa denominación en italiano –lingua na que tamén se recolle a definición–, catalán, español, francés, galego, portugués, romanés, e inglés. Para consultalo, debemos seleccionar primeiro o sector de especialidade e a lingua, e a continuación, premer sobre a sección do traballo á que queiramos acceder (a obra completa, unha selección por letras iniciais ou un índice con todas as denominacións no idioma previamente elixido). Os seus contidos están tamén dispoñibles a través do bUSCatermos. O traballo de Neoloxismos económicos presenta unha serie de palabras aparecidas nas seccións de economía de publicacións periódicas en cada unha das linguas de traballo (catalán, español, francés, italiano, galego, portugués e romanés) e que non figuran nos dicionarios das linguas correspondentes. O obxectivo co que se elaborou non é presentar os equivalentes nos diferentes idiomas nin consellarnos á hora de usar ou rexeitar calquera deles, senón amosar a través de qué procedementos as diferentes linguas románicas van enriquecendo o seu vocabulario nesta área de especialidade. Pola súa parte, a Secretaría Xeral de Emigración editou en liña un Glosario de termos administrativos, no que compila e define unha serie de denominacións galegas desta área. En xeral, o nivel de especialización é baixo, o que se pode entender se pensamos que unha boa parte dos seus consultantes poden ser persoas doutros países que descoñezan o sentido de conceptos básicos do noso sistema xurídico-administrativo. Nun verán coma este, no que os lumes foron noticia, tamén a Consellería do Medio Rural difundiu un pequeno Glosario sobre incendios forestais. Aquí atopamos un pequeno dicionario galego que define palabras que se nos fixeron, por desgraza, moi coñecidas: superficie arborada, superficie de monte raso, lume activo, lume controlado, lume extinguido… Para rematar con este repaso, podemos botarlle un ollo ao Glosario da arte contemporánea inglés-galego-español: unha achega baseada en córpora comparables á terminoloxía da arte relacionada coa actividade museística. Trátase dun traballo de investigación tutelado, presentado por Adela Padín Romero na Universidade de Vigo e que podemos consultar ou descargar en versión .pdf. Á parte do interese que ten o glosario en si mesmo (presenta equivalentes en inglés, galego e castelán para 284 conceptos dun alto nivel de especialización), cómpre tamén destacar o feito de que as denominacións propostas están tiradas de documentación real, que se compilou nun corpus para cada unha das linguas de traballo. Os glosarios e vocabularios que acabamos de presentar son só a colleita deste verán, pero lembrade que tedes á vosa disposición un andel moito mellor servido de produtos no web do SNL. |