Voltar

Voluntariado lingüístico contra a catástrofe do Prestige

Unha interesantes iniciativa de voluntariado, en relación coa catástrofe do Prestige, estase a desenvolver a través de Internet mercé a un colectivo de profesoras e profesores universitarios da Licenciatura de Traducción e Interpretación de Vigo, conxuntamente coa ONG Traductor@s sen Fronteiras (TsF), que coordinamos os esforzos dos verdadeiros protagonistas desta iniciativa: as/os estudiantes e antigas/os estudiantes da nosa Facultade. Con elas e eles contamos coa capacidade de traducción e de interpretación dende e para o galego, o francés, o alemán, o inglés, o catalán, o dinamarqués, o asturiano, o serbio, o polonés, o húngaro, o portugués, o español ou o italiano.

Esta iniciativa, denominada TsF-Prestige, consiste, por unha banda, na publicación en galego e/ou en español de documentos clave publicados noutras linguas sobre os diversos aspectos sociais, económicos, políticos, técnicos, humanitarios, científicos, informativos e xurídicos da Marea Negra do Prestige; e, por outra banda, na publicación da traducción a outras linguas de documentos de idéntica temática e relevancia publicados orixinalmente en galego ou en español.

O obxectivo de TsF-Prestige é superar a opacidade informativa que nos impoñen os medios oficiais de comunicación, facendo que circule a información, que haxa transparencia e obxectividade informativa. A desinformación habitual en Galicia agora vese gravemente intensificada pola xestión política da Marea Negra do Prestige. De aquí para fóra, TsF-Prestige quere dar a coñecer qué se fai en Galicia e cómo nos sentimos, ó tempo que se cobre a cuantiosa demanda de información solicitada por aquelas organizacións e institucións de fóra do país que desexan acceder ás fontes de difusión directa.

Os textos publicados en TsF-Prestige queren converterse en voceiros que manteñan a tensión informativa, que alerten as conciencias e que eviten que o acontecido caia no esquecemento.

Se queres colaborar con TsF-Prestige, ben como redactor/a, ben como traductor/a ou como documentalista, podes enviar as túas suxestións e propostas ós seguintes enderezos de correo electrónico: aluna@uvigo.es (para o francés), reimondez@hotmail.com (para o inglés), xgg@uvigo.es (para o catalán), saletaf@teleline.es (para o alemán), alugris@uvigo.es (para o dinamarqués), garrido@uvigo.es (para o italiano) e ocampo@uvigo.es (para outras linguas).

As páxinas de TsF-Prestige, que acubilla numerosos documentos traducidos, consultables por linguas de traducción, fontes, data ou temas, pódense consultar en Internet en calquera destes dous enderezos:

http://walk.to/tsf

http://www.uvigo.es/webs/h06/webh06/tsfp/



Xavier Gómez Guinovart

Universidade de Vigo




Imprimir