Voltar

Pasa a folla

... 98, 99 e… 100! Cinco anos de «precisións»

Cando a finais de 2002 puxemos en marcha Un idioma preciso faciamos brincadeiras co de “Quen fai un cesto fai un cento, se lle dan vimbias e tempo”. E cinco anos despois, mira por onde… aquí estamos!


Neste tempo, desde o SNL difundimos (sen ter plan quinquenal) 100 pequenos artigos (en realidade 101) nos que se analizan termos que reciben un uso problemático en galego ou que os dicionarios desta lingua recollen de forma que nos parece imprecisa. E velaí o porqué do nome: o que pretendemos con eses textos é «precisar» o emprego que deses termos se fai e, en moitos casos, propoñer unha alternativa que mellore a calidade –técnica e lingüística– da documentación en que aparece. Así fomos pasando do *stress ao *mobbing, das *najas aos monos ouveadores, das tabletas ás *graxeas… ata xuntarmos este feixiño de propostas.


Pensamos tamén que sería boa idea situar os artigos nun sitio web que non fose estritamente lingüístico, senón que tivese como público prioritario persoas interesadas na divulgación científica en galego. E aí entrou Canalciencia. Sen a colaboración e o entusiasmo que desde o primeiro momento amosou o mantedor deste sitio web –grazas, grazas, grazas– hoxe non estariamos celebrando este «centenario».


Logo de determinarmos os contidos que queriamos divulgar e a vía pola que facelo faltaba só por comprobar a resposta dos destinatarios. E tamén isto nos sorprendeu favorablemente. A evolución das visitas seguiu sempre unha traxectoria ascendente, ata chegar ás 6000 ou 7000 mensuais en datas recentes, e a sumar un total de máis de 240.000 desde a posta en marcha do proxecto. E tamén o foro presenta un dinamismo interesante, aínda que estea derivando máis nun foro de consultas ca no foro de discusión que pretendía ser.


En resumo, cinco anos despois de comezar conseguimos unha continuidade e unha difusión que superaron o que nós agardabamos; a ver se de aquí a outros cinco anos podemos estar celebrando as 200!




Imprimir