|
A lingua galega nos novos Estatutos (II) (Vén do artigo anterior http://ocartafol.usc.es/con_creto.asp?OCartafol=8&Artigo=49) A aprobación da emenda nº 45, ó artigo 16, deixa aberta a porta á posibilidade de establecer perfís lingüísticos para algúns postos de traballo á hora de elaborar a relación de postos de traballo (RPT) do PDI, como un criterio máis, xunto cos de necesidades dos programas de estudio, necesidades derivadas da ampliación de centros e titulacións, e posibilidades de promoción académica. A emenda nº 66 propoñía contemplar como requisito, nas convocatorias de prazas de PDI funcionario, a acreditación do coñecemento da lingua galega, ben con carácter previo ou ben permitindo un prazo máximo de dous anos dende o nomeamento como funcionario da USC para facela efectiva, do mesmo xeito que ocorre nos procesos de selección do profesorado de ensino non universitario. Finalmente, a emenda 119 procuraba que nas convocatorias para cubrir postos de traballo de PAS ás que poidan concorrer persoal doutras universidades e administracións, se contemple a superación de 'exames orais e escritos nos que demostren un perfecto coñecemento da lingua galega'. Ningunha destas dúas emendas logrou o apoio maioritario do Claustro, polo que foron rexeitadas. Por outra banda, os Estatutos acubillan explicitamente na súa redacción a natureza e funcións de tres servicios universitarios: a Biblioteca e o Arquivo, o Servicio Universitario de Residencias, e mais o Servicio de Normalización Lingüística, este último por vez primeira nuns estatutos da USC. O artigo 153, referido ó SNL, explicita que este servicio 'ten o cometido de dotar de soporte técnico ó proceso de extensión do uso da lingua galega na Universidade, no marco da política lingüística que se defina nos plans de actuación aprobados polo Claustro'. As funcións que os Estatutos definen para o SNL son: 'a) Colaborar coa Comisión de Normalización Lingüística do Claustro e cos órganos de goberno, propoñendo actuacións dentro das liñas estratéxicas de política lingüística da Universidade. b) Executar as medidas de política lingüística que lle encomenden a Comisión de Normalización Lingüística do Claustro e os órganos de goberno, en materia de asesoramento lingüístico e terminolóxico, dinamización e formación. c) Coordinar e apoiar o traballo das comisións de normalización lingüística dos centros'. |