|
Pasa a folla O Dicionario galego de televisión Desde o pasado ano 2005 o conxunto de dicionarios especializados galegos que atenden ao ámbito da comunicación veuse ampliado cun novo traballo. Referímonos ao Dicionario galego de televisión, elaborado por Edith Pazó Fernández e revisado desde o punto de vista técnico por un equipo de cinco profesionais da Compañía de Radiotelevisión de Galicia (CRTVG). Estamos, de lonxe, perante o traballo máis ambicioso feito en Galicia e sobre o galego nesta área de especialidade. En primeiro lugar, polo enfoque con que se concibiu, xa que busca abranguer a terminoloxía fundamental de todas as vertentes da produción televisiva (desde a teoría da comunicación ata a iluminación, desde a análise e a medición de audiencias ata a decoración…), tal e como se pode ver na árbore de campos que se presenta na páxina 13. Pero ademais, o seu volume de entradas –unhas 2500– e a cantidade de información que achegan convértena nunha obra de referencia. A maior parte delas inclúe unha denominación galega e as súas formas sinónimas –caso de que existan, unha definición do concepto e a enumeración dos nomes que este recibe en inglés, francés, castelán e portugués. A todo isto engádenselle en ocasións informacións complementarias, que unhas veces achegan datos de tipo enciclopédico, e outras orientan sobre o uso máis adecuado da forma recollida na entrada. A descrición que acabamos de facer corresponde ao que sería unha entrada padrón, pero ademais existen outras dúas tipoloxías que non encaixan exactamente nese modelo:
Este tipo de entradas remisivas empréganse fundamentalmente en dous casos:
Como acabamos de explicar, estamos perante un produto moi interesante por varias razóns, pero ao que, sorprendentemente, é case imposible acceder. Non figura no catálogo do ISBN, nin nas principais librarías en liña especializadas no libro galego. E o máis grave é que non estamos falando dicionario autoeditado ou publicado por unha pequena editorial, senón que detrás del están nada menos que a CRTVG e o Servizo Galego de Terminoloxía, dependente da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Agardemos que nun prazo curto de tempo os exemplares saian dos almacéns, e comecen a circular entre nós, e no entanto... a pelexar polos dous exemplares dispoñibles na Biblioteca da USC!. |