|
Obxectivos xerais, específicos e medidas Tendo en conta a situación de partida, un modelo bilingüe con baixo uso do galego, especialmente nos ámbitos que son o cerne da universidade, a docencia e a investigación, o PNL trata de conxugar as obrigas institucionais de promoción do uso do galego cos dereitos individuais e colectivos en xogo dentro da USC, para achegarse ata o ano 2010 ó modelo que demanda a USC segundo os datos reflectidos en O idioma na Universidade de Santiago de Compostela: o bilingüe con predominio do galego. Para isto fixa dous obxectivos xerais; por unha banda, garantir o cumprimento da lei en materia de normalización lingüística, nomeadamente o establecido no Estatuto de Autonomía de Galicia, na Lei de Normalización Lingüística e nos Estatutos da Universidade, e por outra banda, propiciar que o galego sexa a lingua natural de comunicación, expresión e traballo de todos os membros da USC. A estes dous obxectivos xerais supedítanse 24 obxectivos específicos para os cinco ámbitos de actuación que delimita dentro da USC: a comunidade universitaria en xeral, o estudiantado, o persoal docente e investigador, o persoal de administración e servicios, e maila proxección universitaria. Para acadar estes obxectivos os proponse un total de 84 medidas concretas, entre as cales destaca a posibilidade de establecer con carácter voluntario contratos-programa nos que se fixen compromisos de impartición de créditos en galego, así como os incentivos correspondentes. É, precisamente no referido á extensión do uso do galego na docencia onde o Plan de Normalización Lingüistica pretende facer máis fincapé. |