|
O valor de ser adecuado (II) No ámbito científico tamén se dan incorreccións por inadecuación sen que se perciban sempre como erros. Estes son máis habituais do que pode parecer nun principio e danse sobre todo cando se empregan termos que non son propios da linguaxe científica. Poden ser inadecuados porque non teñan o nivel neutro que se esixe nesta linguaxe, coma nestes casos: o cáncer de teta* é unha das causas máis importantes de mortalidade feminina ou o carallo* é o órgano xenital masculino. Tamén se pode ser inadecuado se se empregan termos creados polo home para formar a súa sociedade, que non achegan nada e entorpecen o bo proceso comunicativo, na divulgación científica. Poñamos por caso un enunciado como este: un matrimonio onde el é rubio e ela morena, de que cor terán os fillos o pelo? Neste caso resulta máis difícil saber onde está o problema. Ha de haber alguén que pense que pode estar na utilización de rubio no canto de louro ou se en galego se acentúa o pronome persoal el e, non obstante, o problema lingüístico non está aí; atópase na utilización do termo matrimonio na disciplina Xenética. Na sociedade española, o matrimonio é unha institución pola que se legaliza a unión entre un home e unha muller –polo menos ata hai pouco. Relixiosamente tamén é un sacramento. Ningún destes dous aspectos sociais que recolle o termo matrimonio cambia, que se saiba, a carga xenética dos dous membros da parella, polo que o seu uso neste contexto é inadecuado. |