|
Consultar verbas galegas en Internet O Diccionario da lingua galega da Real Academia Galega non só existe como publicación en papel: tamén se pode consultar a través do web da Dirección Xeral de Política Lingüística (1). Tamén se poden facer consultas na páxina da CRTVG, no Diccionario Galego de usos, frases e sinónimos (2), un diccionario que se atopa exclusivamente na Rede, que permite realizar buscas por orde alfabética. A estes dous diccionarios de galego, hai que lles sumar un Pequeno Vocabulario inglés-galego-castelán (3) dispoñible no web de galego.org. No terreo das linguaxes especializadas sobrancean os recursos que fornecen a Universidade de Vigo, a Dirección Xeral de Política Lingüística, galego.org, e mais o Servicio de Normalización Lingüística da USC a través dos seus webs. A Área de Traducción e Interpretación da Universidade de Vigo (4) ten publicados no seu web traballos terminolóxicos tri ou cuadrilingües, como un Glosario de termos de Internet ou unha Fraseoloxía xurídico-administrativa. Pola súa banda, o Seminario de Lingüística Informática vigués (5) fornece un Vocabulario de informática galego-castelán-inglés, o Vocabulario da fauna mariña galego-inglés-castelán-latín, ou o Vocabulario galego-español-inglés das artes gráficas. O web da Dirección Xeral de Política Lingüística (6) permite consultar o Diccionario galego de Pedagoxía e mais o Diccionario de termos literarios, así como descargar o Léxico informático inglés-galego en formato PDF. En galego.org, o primeiro espacio web galego de información sobre a nosa lingua, existen pequenos repertorios en HTML: Terminoloxía do futbol, Glosario de urbanismo, Vocabulario de comunicación comercial, Siglas de textos legais e regulamentarios, etc. Finalmente, o Servicio de Normalización Lingüística da USC publica tamén no seu web os vocabularios e léxicos editados en papel, en formatos HTML, word ou PDF: Léxicos editorial, de ciencias naturais, arqueoloxía, xeografía, educación social, orientación escolar e profesional, e de Internet, e vocabularios de Historia, Matemáticas e Química. No anterior Cartafol (9) podes saber máis sobre todos eles. (1) http://edu.xunta.es/diccionarios/ |