|
Pasa a folla Estatuto xurídico da lingua galega O pasado día 31 de maio tivo lugar a presentación no Consello da Cultura Galega de Estatuto xurídico da lingua galega, publicado por Xerais, da autoría dos profesores da Facultade de Dereito da USC Xavier Ferreira, Alba Nogueira, Luís Villares, e mais de Anxo Tato Plaza, catedrático da Universidade de Vigo. Velaquí un libro que está chamado a ser o referente galego neste eido e que todas as persoas interesadas na normalización da lingua galega estabamos agardando. O Estatuto xurídico da lingua galega ofrece unha panorámica completa do réxime xurídico que acubilla a nosa lingua, e lonxe de estudos parciais, feito con ánimo de exhaustividade. Xa que logo, o traballo non se limita a estudar a regulación constitucional e estatutaria, senón que amosa as regulacións sectoriais que afectan a cidadáns, empresas e institucións. Deste xeito, non só existe un capítulo dedicado ao marco xurídico internacional e constitucional, senón tamén capítulos dedicados ao ámbito xurídico público e ao ámbito xudiciario, e mesmo a dous que adoito se esquecen: o dereito privado e o ámbito económico e mercantil. Por outra banda, un dos obxectivos declarados no Limiar é o de “presentar dun modo facilmente comprensible os dereitos lingüísticos dos cidadáns e as vías de defensa dos seus dereitos, xunto cos límites que estes poden ter”. Neste senso, o libro funciona como unha guía de uso sobre os dereitos que nos asisten nos diferentes eidos. A esixencia do coñecemento do galego para o acceso á función pública, o réxime lingüistico do persoal docente, as garantías lingüísticas nun proceso penal, a protección fronte á discriminación laboral por mor da lingua, as posibilidades de usarmos o galego nos instrumentos notariais, ou as de asentar unha cooperativa no Rexistro son algúns dos epígrafes que responden a este afán de utilidade. Á busca do práctico engádeselle o espírito divulgador, aforrando tecnicismos innecesarios e o habitual apoio doutrinal propio de publicacións académicas. Isto non empece en absoluto a seriedade e rigor do estudo, que ademais da referencia necesaria a todo tipo de regulacións, ofrece tamén abondosas referencias á xurisprudencia nos distintos eidos. Lexislación e xurisprudencia ofrécense, así mesmo, en anexos. Un libro imprescindible para cantos queremos vivir en galego, para coñecer cales son os nosos dereitos lingüísticos, como están regulados e como podemos defendelos, tanto nas nosas relacións cos poderes públicos como nas relacións privadas.
|