|
Pasa a folla Krásy a Tajemství Ceské Rep. Belezas e misterios da Rep. Checa Cando falamos das linguas de Europa, sempre se nos veñen á cabeza as mesmas grandes linguas: inglés, francés, castelán, portugués, alemán, italiano... Mais adoitamos esquecer que a maioría -por cantidade- dos cidadáns e cidadás europeos son falantes habituais doutras linguas: Na Europa actual, dende Galicia ata os Urais, fálase máis de 120 idiomas das máis diversas familias. Delas, só unhas 30 son linguas oficiais dun estado, o que dá unha media de catro linguas por estado europeo: xa que logo, os estados lingüisticamente puros son ben raros. A República Checa é un pequeno país, situado na encrucillada de Europa. A lingua que se fala maioritariamente é o checo, que tamén é a súa lingua oficial, con algo máis de 10 millóns de falantes. Ademais, aproximadamente un 5% da poboación fala outras linguas (alemán, eslovaco, polaco) por cuestións territoriais. O checo é falado tamén por pequenas comunidades en Eslovaquia, Austria e Serbia-Montenegro, aínda que nestes países non está recoñecida como lingua oficial. (Vid. datos en Mercator ) A diversidade cultural e lingüística europea adoita presentarse coma un problema, que debería resolverse mediante a adopción dunha ou dunhas poucas linguas únicas. E sen embargo, esta diversidade é unha riqueza da que todos deberiamos tomar conciencia e, por suposto, preservar. A mellor maneira de consolidar estas diferentes identidades, que se expresan a través de tantas culturas e linguas, é promovendo o (re)coñecemento entre elas. Existen proxectos a nivel europeo para facilitar o plurilingüismo masivo dos cidadáns, como vimos no Cartafol nº 7. A sección de checo do Centro de Linguas Modernas da USC, pioneira do Estado no ensino da lingua e a cultura checa, contribúe de xeito salientable a este labor, con consideración -no máis amplo senso da palabra- da riqueza das linguas de Europa. A incansable profesora Katerina Vlasáková esfórzase por que dúas linguas distantes -o checo é unha lingua eslava, o galego é románica- e descoñecidas a unha para a outra se recoñezan. E aínda que unha é lingua estatal e outra é lingua cooficial no territorio galego, pesa máis o valor intrínseco que as dúas teñen como expresión fundamental de identidade e de comunicación de dous pobos pequenos dentro do que son os parámetros europeos máis convencionais. En consideración aos estudantes galegos de checo, que dispoñen de moi poucos materiais específicos para o estudo da lingua e a cultura eslava occidental, a sección de checo promoveu entre os seus alumnaos en 2000 a tradución e a posterior publicación dos contos humorísticos de Jirí Suchy Cen contos, ou sexa, un plan incumprido* ; agora, en 2004, ve a luz Belezas e misterios da República Checa. Historia, símbolos, personaxes en correlacións europeas e universais, que nos achega á evolución do territorio checo, amosando anacos da historia e a cultura checas en diversas etapas da súa evolución en relación con Europa, comezando hai 30.000 anos e rematando no posmodernismo. E as dúas publicacións son bilingües, checo-galego. Katerina, no limiar desta nova achega, anímanos a estudar o checo, 'unha lingua eslava que supera os mil anos de existencia e que pode converterse na vosa chave para a comprensión doutras linguas eslavas, como o eslovaco, o polaco, o ruso, o bielorruso, o ucraniano, o eslovano, o búlgaro, o macedonio, o serbocroata, ou sexa, o grupo lingüístico máis numeroso de Europa'. Grazas, Katerina, pola túa falta de prexuízos cara á nosa lingua e por abríresnos a porta ás linguas eslavas e a tantos outros cidadáns europeos dende o galego. * Pódese obter exemplares no Servizo de Normalización Lingüística http://www.usc.es/snlus |