|
A Comisión de Psicoloxía, quencendo motores Na Facultade de Psicoloxía comezaron a quencer os motores que pulan pola lingua para este curso que andamos, e xa dende a perspectiva do Plan de Normalización da USC recentemente aprobado. A súa Comisión de Normalización Lingüística, delegada da Xunta de Facultade, está formada polos profesores Elena Andrade, Fina Castro e Mauro Rodríguez, pola estudiante Verónica Domínguez e polo membro do PAS Anxo Doval, e presidida pola profesora Concha Losada. Entre os proxectos que a Comisión acordou levar adiante de forma inmediata destacan a edición dunha revista aberta á colaboración dos estudiantes da Facultade, e mais a elaboración e difusión dunha escolma de modelos normalizados de uso corrente entre o profesorado mediante un disquete. O proxecto de O gran psicólogo, título da revista, xa foi presentado na Facultade con moi boa acollida entre o alumnado. Constará de varias seccións, como 'Ata o fondo', para tratar temas en profundidade ou publicar entrevistas relacionadas coa Psicoloxía, ou '¿Como se fai?', para informar sobre procedementos dentro da USC. Outras seccións terán un carácter máis festeiro, como 'Lava esa boca', sobre ruxe-ruxes da Facultade, ou 'Festas jolgorrio'. Xa está aberto o prazo para enviar colaboracións para o número 0, que se poden enviar a <psinorma@usc.es>, o enderezo de correo electrónico da Comisión. A difusión dos modelos de documentos responde ó desexo da Comisión de facilitar o uso do galego entre o profesorado, en asuntos de tipo extra-académico, pero que forman parte da súa actividade habitual, como convocatoria de tribunais para teses, informes sobre traballos de investigación, invitación a conferencias ou charlas, etc. Así mesmo, e máis a longo prazo, a Comisión está traballando nun proxecto de curso sobre creación de webs de carácter docente para as materias impartidas na Facultade, de xeito que á promoción do uso das novas tecnoloxías entre o profesorado de Psicoloxía se lle una a promoción do uso do galego na función docente. Por outra banda, a CNL de Psicoloxía pretende tamén afondar na galeguización da rotulación do edificio e mais na dos epígrafes de rexistro nos índices da Biblioteca. |