Voltar

Exposición dos deseños gráficos a prol da lingua

O mércores 7 de maio reuniuse o xurado designado para dictaminar o gañador do concurso de deseño gráfico convocado pola Universidade de Santiago co apoio económico da Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O concurso tiña como obxectivo dotar dun logotipo común ás comisións de normalización lingüística dos centros, de xeito que lles dea unidade visual ás súas accións no marco da USC. O logotipo vaise usar para cada comisión en particular, personalizado, e tamén para actuacións conxuntas de todas elas, e plasmarase en soportes variados e de diferentes dimensións.

O gañador do concurso e, xa que logo, dos 800 euros do premio, resultou ser Pedro Guerreiro Iglesias, alumno de Enxeñería Técnica Forestal na Escola Politécnica Superior, no Campus de Lugo. O xurado destacou a sinxeleza e a claridade do deseño, a doada identificación do concepto que expresa, e a facilidade de reproducción en todo tipo de soportes, tamaños e cores. 

O xurado estaba formado por Joaquín Rodríguez Toubes, secretario xeral da USC; Emilio Valadé del Río, da Comisión de Normalización Lingüística de  Bioloxía; Xoán Guitián Rivera, da CNL de Química,  Isabel Vaquero Quintela, do Servicio de Normalización Lingüística, e Lois Rodríguez, deseñador gráfico e director da axencia de comunicación en Internet Acordar.

O xurado tamén acordou a conveniencia de expoñer as máis de 50 propostas gráficas presentadas ó certame. O vindeiro 10 de xuño hase inaugurar no 2º andar do Claustro da Facultade de Xeografía e Historia a exposición que reunirá estes traballos realizados a prol da normalización lingüística na USC, coa presencia do rector, Senén Barro, do director xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Xesús Paulo González Moreiras, dos membros da Comisión de Normalización Lingüistica do Claustro e mailos das comisións de normalización lingüistica dos centros, nun pequeno acto no que tamén se fará entrega do premio ó gañador do concurso.

Está previsto, ademais, que proximamente tamén se poida acceder a unha exposición virtual a través do web do Servicio de Normalización Lingüística.




Imprimir