|
Un idioma preciso: a terminoloxía a debate A Área de Terminoloxía e Linguaxes Especializadas do Servicio de Normalización Lingüística da USC e o boletín electrónico canalciencia <http://www.canalciencia.com>, dedicado á divulgación científica e á normalización lingüística, acaban de abrir en Internet a sección 'Un idioma preciso', un espacio destinado a difundir e propoñer para o seu debate propostas de denominación de termos galegos técnicos e científicos que aínda non acadaron unha forma estable ou que se empregan de forma inadecuada. A razón do título deste espacio é que a linguaxe usada na comunicación técnica e científica debe ser "un idioma preciso", xa que a exactitude e a non ambigüidade é unha das súas características definitorias. O galego neste tipo de comunicacións é tamén "un idioma preciso": para o seu proceso de normalización é imprescindible que acceda a estes ámbitos expresivos, e que os seus falantes perciban con evidencias que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados a través dela. A iniciativa consiste na difusión periódica dun pequeno estudio elaborado polos coordinadores no que se analiza un ou varios conceptos dunha área de especialidade e se propoñen nomes galegos para eles. No seu número 1 estúdiase as denominacións relacionadas coas zonas húmidas/ humedais/humidais. Ademais fornécese ligazóns interesantes dende o punto de vista terminolóxico. Partindo dese traballo, ofrécese a todas as persoas interesadas un espacio virtual para debater sobre a calidade e a conveniencia das formas propostas e a presentar e defender as súas propias alternativas, a través dun foro. O Servicio de Normalización Lingüística pretende deste xeito que todas as persoas interesadas se impliquen no proceso de elaboración do galego técnico e científico, achegando a súa opinión sobre esas propostas, ofrecendo solucións alternativas, ou incorporando as súas propias "precisións" sobre casos conflictivos para os que teñan unha proposta persoal. |