Voltar

Pasa a folla

Un mundo de linguas para aprender

Hoxe queremos achegarvos información sobre linguanet, un gran centro de recursos multilingüe para a aprendizaxe de idiomas desenvolvido por 24 organizacións de 20 países europeos e financiado ao abeiro do programa Socrates da Unión Europea. No seu interior poderemos atopar unha gran cantidade de información e recursos, tanto para quen lle interese aprender un idioma, como os que se dediquen ao seu ensino.

Con todo, o web está orientado fundamentalmente cara ao colectivo dos aprendentes. Así, podemos comezar autoavaliando as nosas competencias nunha lingua para valorar se realmente precisamos ou non seguirnos formando. No caso –máis ca probable, non si?– de que cheguemos á conclusión de que nos cómpre seguir aprendendo, podemos dar unha voltiña por unha zona de reforzo da autoestima, na que se nos dan consellos para matar as escusas tipo <<para o ano que vén comezo sen falta>> e poderemos animarnos vendo como outra xente conseguiu o seu obxectivo.

Xa convencidos, chegou o momento de pasar á fase activa. Pero como tampouco imos comezar estudando apuntamentos, podemos optar por practicar en ambientes ben máis informais (parolas en liña, foros, mundos virtuais…). Chegados a este punto, é a hora de de decidir que destrezas e competencias (expresión oral, expresión escrita, comprensión oral, comprensión escrita…) queremos reforzar e buscar o material  para comezar a traballar.

E non pensedes que todas estas posibilidades formativas se lle ofrecen só a quen queira aprender unha lingua “grande”. Por suposto, eses vano ter máis doado, pois contan con 651 recursos para o inglés, 499 para o alemán, 484 para o francés, 452 para o castelán, e 265 para o portugués, por poñer só algúns exemplos. Pero os idiomas máis pequenos tamén teñen o seu espazo, de forma que se queredes formarvos en catalán poderedes escoller entre 213 recursos, para o galego hai 91, para o éuscaro, 132, para o estoniano, 188… O mellor ha ser que busquedes vós mesmos: idiomas entre os que escoller non vos han faltar (bengalí, caxemiro, checheno, danés, galés, macedonio, noruegués…) e actividades tampouco!

Ah! Pero aínda así, se coñecedes algunha ferramenta, material, recurso, etc. que a vos pareza interesante, e que os responsables de Linguanet aínda non teñan catalogada, están encantados de recibir as vosas suxestións.




Imprimir