Voltar

Pasa a folla

A morte das linguas

David Crystal, profesor na Universidade de Reading, experto no campo da lingüística, xa conta co seu libro Language Deth en galego. A morte das linguas é o nome en galego deste libro, traducido por Mariña Castaño Eiroa, que apareceu neste ano na Editorial Galaxia, na súa colección de ensaio despois de se publicar en 2000 orixinalmente en inglés.

O libro artéllase en cinco bloques precedidos dun limiar de Benigno Fernández Salgado e ao final un epílogo de Xesús Alonso Montero. No corpo do libro Crystal reflexiona sobre a morte das linguas e tenta dar as claves para contestar algunhas cuestións. Cada un dos bloques comeza cunha pregunta que vai degrañando pouco a pouco, para tentar finalmente achegar unha pequena conclusión das súas reflexións.

No primeiro bloque Crystal pregúntase que é a morte dunha lingua e tenta contestar apuntando varias claves que se refiren ao que el chama fondo común das linguas en referencia á cantidade delas que se coñecen; tenta ademais afondar na dimensión do problema, insistindo en que non podemos valorar a situación de perigo dunha lingua mirando o número de falantes que ten, senón que debemos ter en conta cal é o número total da comunidade na que se integra. O último elemento deste apartado é o dos niveis de perigo, dentro dos cales establece tres: o das linguas seguras, o das linguas en perigo e o das extintas.

O segundo bloque aparece encabezado pola cuestión: "¿Por que debería importarnos?". Argumenta a prol disto con cinco ideas: porque necesitamos a diversidade, porque as linguas expresan identidades, porque son depositarias da historia, porque contribúen á suma do coñecemento humano e porque son interesantes de seu, á vez que vai xustificando as súas afirmacións.

Nun terceiro bloque explica por que se extinguen as linguas. Crystal distingue varios factores: os que supoñen unha diminución física do número de falantes (por exemplo, unha catástrofe natural, a emigración, unha epidemia...) e aqueles que cambian as culturas (asimilación cultural por parte doutra comunidade).

Ata aquí a parte descritiva. A partir deste momento dá ideas de por onde comezar e que podemos facer para evitar o perigo de morte das linguas. Así, no cuarto bloque a pregunta que formula é "¿Por onde comezar?", e responde a ela establecendo uns pasos que se deben seguir: en primeiro lugar, establecer prioridades, para o cal cómpre recoller datos; en segundo lugar, fomentar actitudes positivas na comunidade de falantes cara á súa lingua; a seguir, promover a autenticidade de toda a comunidade, e finalmente conseguir transmitir a idea de que a lingua é unha parte da cultura.

A derradeira pregunta do libro é "¿Que se pode facer?", e trata tres cuestións: as condicións de sobrevivencia, o papel do lingüista e o equipo de revitalización. A primeira das cuestións é a máis ampla, e nela refírese a seis factores que el cre que deberían ser recoñecidos como postulados para unha teoría da revitalización da lingua.

Esta obra reflicte a problemática que orixina a globalización da cultura, e o feito de que o perigo de desaparición paulatina e mesmo extinción das linguas minorizadas non é percibido pola sociedade, senón só por persoas preocupadas pola identidade cultural, lingüistas e antropólogos. Crystal ofrécenos unha análise intelixente do que observa con exemplos clarificadores, e dá unhas pinceladas para tantar reconducir a tendencia actual de desaparición de varias ducias de linguas cada ano.

Un libro que, ademais de para os expertos, resulta ameno e doado de seguir para todas aquelas persoas interesadas polas linguas e a súa vitalidade, como expresión da diversidade humana; da ecoloxía humana, diriamos nós.




Imprimir